"Hai tempo que xa tiñamos interese en difundir o ingreso desta transferencia. A documentación recibirámola en 2012 do Hospital Psiquiátrico de Conxo debido ao interese que garda a documentación que se conserva. Isto é así porque son moi poucos os casos de historias clínicas e psiquiátricas que se convervan en toda España. Practicamente toda esa documentación foi destruída por diversos motivos. Doutra parte, todos os anos polo Día Internacional da Muller, nós preparamos unha mostra porque temos o compromiso de resaltar e dar a coñecer os documentos relacionados coas mulleres que poidan axudar a difundir a historia do papel das mulleres dentro da nosa sociedade. Este ano confluíron estas dúas ideas e dixemos: por que non? Así difundimos os documentos relacionados coas mulleres no hospital de Conxo.
-Por que se cedeu ese material de Conxo ao Arquivo de Galicia?
O hospital de Conxo, aínda que naceu como unha institución privada, foi
unha Fundación do Cabido de Santiago, pasou por diferentes estapas
durante a súa historia. Con posterioridade foi comprado pola Deputación
da Coruña e finalmente, pasou a súa xestión á Xunta de Galicia. Desde
este último momento, os documentos que reflicten a historia da súa
xestión, pasan a formar parte da Xunta e nós somos o Arquivo de Galicia,
encargados de recoller toda a documentación producida polo goberno
galego. Desta maneira, isto non é máis que un proceso normal de
transferencia da responsabilidade de custodia dos documentos, desde as
oficinas até o Arquivo.
-Foron necesarios traballos de restauración ou de escolla entre esta documentación?
Non, todos se conservan ben, tampouco temos un laboratorio de restauración. En tal caso, a conservación é boa.
-Dentro desa documentación figurarán historiais clínicos. Esas persoas están falecidas?
Si, nós este ano acabamos de transferir un segundo lote de documentos
desde Conxo, isto amplía o período cronolóxico que temos até o momento.
En calquera caso é de persoas xa falecidas.
-Durante o tempo que leva aberta a exposición, houbo algún parente desas persoas que estiveron en Conxo visitando a mostra?
Non temos constancia. Como dicía, os documentos falan de persoas
falecidas cuxas historias se desenvolveron hai moito tempo, por iso non é
sinxelo seguirlle a pista a estas persoas.
-A mostra recolle tamén fotografías. Como se recolleron?
Da mesma maneira que os documentos de carácter administrativo ou de
carácter máis médico como as historicas clínicas. As fotografías viñeron
na última entrega feita este ano.
-Non hai fotografias realizadas por autores ou autoras específicos que fixesen retratos dentro do hospital?
Non temos constancia, non hai ningunha fonte externa.
-Hai unha fotografía realizada pola cineasta Ana Turbau dentro
do Centro de Conxo. Como puido realizar este retrato de varias mulleres
usuarias?
O certo é que non sabemos como puido sacalas. Sabemos que ella estivo
dentro mais descoñecemos como foron as xestións para entrar. Descoñezo
totalmente ese punto.
-O subtítulo da exposición apunta ás mulleres que no seu
momento buscaron romper o papel de xénero establecido. Sabe como
romperon esas regras establecidas pola sociedade tradicional?
Esas experiencias poden estudarse mediante a correspondencia que
mantiñan desde o centro ou a historia dos seus expedientes. Son
historias que elas mesmas contan nesa fase de diálogo cos médicos para
coñecer os antecedentes da súa vida. Ás veces traslucen unha serie de
hábitos sexuais non adminitidos ou cunha traxectoria política tamén
cuestionada. Hoxe en día xulgamos esas historias desde a nosa
perspectiva e de aí que vexamos uns roles de xénero moi marcados na súa
época. Por tanto, os comportamentos fóra deses esquemas sociais do
momento eran moi cuestionados.
-Era excusa suficiente dicir simplemente “non” para o internamento destas mulleres?
Non creo que fose así, porque o documento de ingreso debía estar
acompañado dun certificado médico apuntando que esa persoa estaba mal. A
cuestión está en cando e como se decidía se esa persoa estaba mal ou
como se rompían eses requerementos. Quero dicir, o ingreso no hospital
non era simple, tiña uns trámites previos, mais socialmente determinados
comportamentos non eran aceptados como normais. Por tanto, estariamos
diante dunha suposta doenza. Esa rebelión era un síntoma de non estar
ben.
-Cales eran as presuntas doenzas atribuídas a estas usuarias?
Pois histeria, moitas veces esquizofrenia e mesmo hai algunhas
historias que son moi curiosas como por exemplo “loucura xenital”. Hoxe
en día estes diagnósticos están fóra de lugar. Non sei se había algún
estudo científico que avalara estes diagnósticos. En tal caso, resultan
cando menos chocantes estas historias.
-Até cando se mantivo este tipo de sistemas para pechar ás mulleres dentro dos centros psiquiátricos?
Os conceptos actuais da psiquiatría avogan máis pola inclusión das
persoas usuarias dentro da sociedade cunhas vivencias máis normalizadas e
non pechalas e illalas do mundo. Daquela, as persoas tiñan uns
contactos moi limitados co exterior e mesmo morrían no centro. Isto
podémolo ver nas cartas que escribían e nunca chegaron ao seu destino e
que están incluídas nas historias clínicas e falan da súa situación.
Creo que deixa uns testemuños moi vívidos do que son as historias destas mulleres e que reflicten moi ben a mentalidade dunha época. É algo que interesa á xente hoxe en día. Primeiro, porque a preocupación pola saúde mental está moi presente no día a día ben polo tipo de vida que levamos, pola pandemia e outras cuestións. Contribuír a quitar o tabú que existe para falar destas cuestións e que non sexa só unha preocupación para acabar encontrando unha solución. Penso que estas historias poden axudar a quitar ese tabú." (Moncho Mariño , Galicia Confidencial, 17/03/2023)
No hay comentarios:
Publicar un comentario