28/3/23

‘Luar’, cancelado... por primeira vez en 32 anos... o resultado máis significativo da primeira das dúas xornadas consecutivas de folga convocadas na CRTVG “contra a manipulación e represión” e o “clima laboral asfixiante” nos medios de comunicación públicos galegos

 "Por primeira vez en 32 anos, desde o comezo da súa existencia o 30 de setembro de 1992, xa daquela presentado por Xosé Ramón Gayoso, Luar, o programa emblema da TVG, viu este venres cancelada a súa emisión planificada por motivos directamente relacionados cos medios públicos. Se hai catro anos, ante a folga feminista do 8M de 2019, xa non se emitiu un Luar por decisión da empresa, non por incapacidade de facelo, desta volta, salientan os convocantes, foi a falta de persoal suficiente o que derivou no resultado máis significativo da primeira das dúas xornadas consecutivas de folga convocadas na CRTVG “contra a manipulación e represión” e o “clima laboral asfixiante” nos medios de comunicación públicos galegos.

A cancelación de Luar, máis que un programa un símbolo semanal en directo, tentou ser paliada pola canle pública coa reposición dun especial en homenaxe a Juan Pardo. Supuxo o remate a unha primeira xornada de folga, seguida este sábado da segunda, que xa provocara a cancelación de varios dos principais programas tanto da radio como da televisión pública.

A xornada tamén deixou outro fito, o de que, por segunda vez, logo do ocorrido no Osasuna-Celta de hai dúas semanas, non se retransmitiu un partido dun equipo galego do fútbol profesional: o Cartagena-Lugo. 

Luar non chegou ás pantallas malia que a dirección da CRTVG asegurou que a folga só fora seguida por un 25% do cadro do persoal. O comité de folga mantivo que a cifra foi moi superior, dun 68,75% xa na xornada deste sábado. Pero se a cifra da dirección fose real suporía que a ausencia de só un de cada catro empregados da televisión pública implicou a caída do seu principal programa.

Antes de chegar ao fito histórico que supón a non emisión de Luar a dirección da CRTVG asegurou que as protestas do persoal non lle "preocupan" nin lle van facer "mudar o rumbo".

Porén, a folga destes venres e sábado está a ter un impacto na programación maior que o paro convocado hai dúas semanas. Agora, salienta o comité de empresa, a "manipulación desatada" e a "represión e marxinación" do persoal crítico levou ao máximo "un clima laboral insostible e irrespirable" que fai que moitos denuncien publicamente supostas prácticas que antes non eran tan coñecidas. E esas protestas veñen de afectar tamén aos espectadores do programa máis emblemático da televisión pública galega. [Unha ducia de lembranzas do Luar]"              (David Reinero , Praza Gal, 25, marzo 2023)

No hay comentarios: