13/4/23

O 'modelo Muras' na xestión eólica: "É un exemplo de como reconducir unha situación desfavorable"... o Concello aprobou unha ordenanza pioneira para sufragar a factura eléctrica dos seus veciños e veciñas... O Concello axuda ao pago da factura da luz a vivendas, en función das rendas, cun máximo 600 euros. O 85% dos veciños solicitan a axuda, á que se engadiu outra partida de 1.500 euros para cada peme que xustifique o seu gasto de luz e da que se benefician cafeterías, supermercados ou farmacias... Moita veciñanza viña queixarse de que lle estaban producindo enerxía ao lado da súa casa, con todos os problemas que lle puidese xerar, e pagábaa igual que se estivese vivindo en Madrid... E esa era a clave... "Hai que ir máis aló. A xente que é propietaria dos terreos e os municipios onde se asentan deben ter participación neles ou nunha porcentaxe da facturación do parque... Os particulares, os censados no municipio que son expropiados ou aos que a lei lles obriga a vender, teñen que ter a posibilidade de participar no capital dos parques, onde a participación pública é necesaria"

 "Muras é o municipio de Galicia con maior presenza de eólicos. Con algo máis de 163 quilómetros cadrados e 614 habitantes, conta cunha potencia instalada de 485 MW repartidos entre 20 parques e 381 aeroxeradores (máis de un por cada dous residentes) desenvolvidos entre 1995 e 2009 polas empresas Acciona, Endesa, HEI do Arnoya SL, Iberdrola e Norvento.

En Muras atópanse máis da cuarta parte de todos os parques da provincia de Lugo, que con 73 é a segunda do Estado con máis xeración eólica, e un de cada 12 MW instalados en Galicia, que rolda os 3.900 MW. Nesta altura, e co debate máis vivo que nunca pola aposta polas renovables e a descarbonización nun contexto de loita contra a crise climática, o municipio lucense segue a recibir recoñecementos polas "boas prácticas" na xestión enerxética e o seu alcalde, convidado a debullar o seu modelo. 

A última vez, a pasada semana nun acto celebrado na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid a raíz do informe realizado pola Fundación Ecología y Desarrollo (Ecodes) e encargado pola propia universidade, na que Muras é un dos modelos destacados no "aproveitamento renovable con especial respecto á biodiversidade e con especial consideración á poboación local”. 

Apoiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, o informe analiza os "aspectos clave de protección da biodiversidade e socioeconómicos para garantir a harmonía entre os proxectos de enerxías renovables e o territorio". Nel, identifícanse trece exemplos no Estado de implantación de proxectos fotovoltaicos e eólicos con aceptación social: pola selección do emprazamento, as actuacións previas coas poboacións locais, accións durante a fase de construción ou medidas para a integración socioeconómica nos territorios.

En canto á eólica, Muras é o primeiro caso que se destaca. O seu alcalde, Manuel Requeixo (BNG), está xa afeito nos últimos meses a participar en palestras como a da pasada semana para explicar o modelo. "O das enerxías renovables é un tema que está en voga outra vez na sociedade pola necesidade de ir abandonando os combustibles fósiles e a loita contra o cambio climático; por España adiante estanse dando casos semellantes ao acontecido no noso concello entre mediados dos 90 e os 2000, cunha implantación ás toas de solar ou eólica, e a nós chámannos para coñecer o tratamento que fixemos dunha problemática que nos atopamos, que nos veu dada", explica. 

 "Coñecen o modelo e creouse unha especie de marca Muras polas medidas que puxemos en marcha, pero é unha nimiedade: axudar a pagar a luz á veciñanza é unha cuestión de xustiza social, o mínimo que se pode facer nun concello que sofre as consecuencias da masificación e unha planificación feita sen xeito", explica. 

No ano 2016, pouco despois da chegada do novo equipo de goberno ao municipio, e co obxectivo de "compensar a xeración de riqueza dos seus recursos naturais" por parte de grandes eléctricas e o "impacto medioambiental" na zona, o Concello aprobou unha ordenanza pioneira para sufragar a factura eléctrica dos seus veciños e veciñas.

O Concello axuda ao pago da factura da luz a vivendas, en función das rendas, cun máximo 600 euros, tal e como destaca o informe de Ecodes. O 85% dos veciños solicitan a axuda, á que se engadiu outra partida de 1.500 euros para cada peme que xustifique o seu gasto de luz e da que se benefician cafeterías, supermercados ou farmacias.

 A maioría dos ingresos de Muras, como destaca o estudo, proveñen do sector eólico, ben polo Imposto de Actividade Económicas e IBI (900.000 euros) ou polo canon eólico (máis de 500.000 en 2021). Boa parte deles, destacou o alcalde, destínanse tamén a "aumentar a calidade de vida da veciñanza" nun municipio que perde poboación a un ritmo moi alto: ten a metade que en 1998 e perdeu en 50 anos case o 80% dos habitantes.

Dersde o Concello, cun dos PIB máis altos da provincia, impulsáronse axudas á natalidade, con cesta de produtos de farmacia adquiridas no municipio valorada en 300 euros, a mellora de prestacións sociais e de infraestruturas, a construción da rede de auga potable e a creación dun observatorio, como destacou o alcalde. Pero Requeixo insiste en que o que se fai agora é só un intento de paliar todo o que veu mal feito de antes. 

Recoñéceo así o informe no que colabora o Ministerio, que destaca as "prácticas de dubidosa ética nos momentos iniciais" dos proxectos eólicos, corroboradas nas conversas coa veciñanza: "Como a venda de terreos a prezos ínfimos (30-100 pesetas o metro cadrado) e ameazas de expropiación, sen que se achegasen solucións desde a administración autonómica da época". 

O estudo lembra que nesta primeira fase, "varias empresas locais fixéronse co control da maioría de territorios e concesións, que logo venderon a outras empresas, privando a cidadanía do beneficio que os terreos podían teles achegado durante os últimos 20-25 anos". "O actual goberno de Muras, que herdou este contexto negativo, é un exemplo de como reconducir unha situación desfavorable para mellorar a calidade de vida dos seus veciños con estes ingresos extra da mellor maneira posible", di. 

O informe destaca que "o desenvolvemento dos parques eólicos supuxo un impulso para o desenvolvemento económico e social da zona" pero lembra que coa implantación dos muíños "xeráronse cinco empregos directos para habitantes de Muras e arredor de 40 adicionais para xente da zona", alén dos que se crearon durante a etapa da construción. A poboación, no entanto, e a diferenza doutros casos analizados, continuou descendendo. 

"A veciñanza e os concellos deben participar nos parques"

Agora, pasados oito anos desde que o Concello implantou varias liñas de axuda para pagar a factura da luz, o alcalde Manuel Requeixo que cre "hai que ir máis aló". "A xente que é propietaria dos terreos e os municipios onde se asentan deben ter participación neles ou nunha porcentaxe da facturación do parque", di, polo que pide "vontade política" para que as administracións das que depende a xestión eólica "creen os mecanismos legais, que agora non son suficientes, para que a veciñanza e as administracións participen".

 "Hai que ir un pouco máis aló", insiste. "Os particulares, os censados no municipio que son expropiados ou aos que a lei lles obriga a vender, teñen que ter a posibilidade de participar no capital dos parques, onde a participación pública é necesaria", di Requeixo, que lembra que as empresas enerxéticas "xeran riqueza a partir dun ben público como o vento, que privatizan". "Hai que lexislar, crear e aprobar normativas, ser valentes e estar interesados en levar estas iniciativas a cabo", advirte. 

Ademais, e pola súa experiencia, cre que é moi necesaria "a información". "No mundo das enerxéticas o que hai é moita desinformación, é como unha cebola das que vas sacando capas e capas", explica, lembrando como unha das claves na súa estratexia municipal foi organizar charlas e debates coa veciñanza para "explicarlles os seus dereitos, o negocio eólico e darlles ferramentas para poder negociar". "Pasa moito coas comunidades de montes, que moitas veces non aproveitan todo o potencial que teñen nas mans porque non teñen toda a información nin os recursos necesarios", engade.

"Moita veciñanza viña queixarse de que lle estaban producindo enerxía ao lado da súa casa, con todos os problemas que lle puidese xerar, e pagábaa igual que se estivese vivindo en Madrid... E esa era a clave", conta Requeixo, que toma partido tamén no debate sobre a futura implantación de máis parques eólicos en Galicia ante a necesaria transición verde enerxética. 

"É obvio que hai que apostar pola descarbonización porque a queima de combustibles fósiles supón un gran problema de contaminación; a enerxía eólica é unha das grandes alternativas e pode compensar esa perda enerxética, así que eólica si, pero non así porque precisamos unha ordenación do sector que nunca se fixo", explica. "O que temos é que desenvolver as renovables dunha maneira ordenada e sen darlle o mango da tixola aos promotores", reclama. 

Segundo Energía eólica en Muras: análisis de su impacto territorial, económico, ambiental y energético, libro impulsado polo propio Concello e o Observatorio Eólico de Galicia, o negocio que para as empresas privadas que xestionan os parques en Muras supón unha facturación duns 70 millóns de euros. Nos vindeiros anos está prevista a construción de máis parques, aínda que algún xa conta con declaración de impacto ambiental desfavorable, así como a repotenciación dalgún dos xa instalados."                   (MIguel Pardo, Prazagal, 06/04/23)

No hay comentarios: