"Joaquín Araujo (Madrid) é un naturalista, escritor, guionista, produtor e diretor de documentais sobre a natureza. Colaborador de Félix Rodríguez de la Fuente durante os setenta, recibiu o premio Global 500 da ONU e foi asesor de catro ministros. Participou este pasado 19 de setembro na presentación do libro 'O Devalo do Monte', unha obra fotográfica para denunciar os danos á paisaxe dos montes. Fala con GC sobre os eólicos, a crise ambiental, a polución ou os perigos de especies protexidas como o lobo.
A motivación é presentar a iniciativa que por outra parte, non é exclusivamente galega, mais esta é moi intensa polo seu perfil absolutamente artístico. Isto é así porque estamos a enfrontar un dos máis estúpidos problemas ambientais da Historia, necesitando que a totalidade da enerxía sexa renovable, os aspectos vinculados ao territorio escollido polos empresarios e non tanto polas administracións ofrece algo inaceptable, termos unha ameaza sobre boa parte da beleza do territorio para instalar parques eólicos e ás veces granxas solares. Isto é dramaticamente contraditorio.
-Visitou os montes do Cábado e Montouto?
Si, entre o luns e o martes pasado visitei eses espazos, e confírmase a
absoluta inoportunidade de usar unha das partes máis fermosas da
paisaxe para uns elementos que poden ser perfectamente colocados noutros
lugares moi ben localizados. Un elemento que se está a obviar é a
creación dun colectivo dentro da comunidade científica, “Rebelión Científica”,
moi vinculado á situación climática, teñen inventariado un conxunto de
dous millóns de hectáreas en España como territorio totalmente
destruído. Aí non importaría colocar nada en vez de facelo en reservas
da biosfera, Rede Natura 2000 e mesmo parques naturais por non falar de
se a cousa avanza no mar, é dicir, lugares esenciais para a continuidade
dos procesos ecolóxicos naturais, isto é unha barbaridade. Iso acontece
cos lugares ameazados dentro da provincia de Pontevedra, que xa ten
parques eólicos de máis, evidentemente resulta catastrófico.
-Apunta intereses privados detrás destas accións, están usando o
cambio para as renovables como unha maneira de salvarse de cara a non
poder usar combustible fósil?
Esa apreciación é oportuna. Realmente, esta opción (enerxía renovables)
que persoas coma min, con cincuenta anos dedicados á defensa da
natureza en conxunto, desde logo que apoiamos as renovables e ao mellor
sería desexable máis muíños eólicos aínda que non en certas
localizacións. Eses lugares foron elixidos basicamente polas empresas,
non pola administración e responde á filosofía neoliberal que permite ao
empresario ser responsable da ubicación e do impacto positivo ou
negativo que poden ter estas instalacións. O empresariado non traizoa os
seus principios, busca máximo rendemento en menos tempo posible e as
ubicacións elixidas corresponden ás finalidades deste colectivo
empresarial. Mais hai unha necesidade que debemos ter en conta: a
referencia estética, cultural e transcendental que ten a paisaxe para as
persoas. Mais agora mesmo estamos nun proceso de ir esgotando a
capacidade biolóxica do planeta, pois se xa é grave o do quencemento
global, aínda é máis grave o que acontece coa paisaxe no seu conxunto,
coa vida de animais e plantas. Frear este esgotamento da vida do planeta
debera ser estratexia prioritaria porque todos somos seres vivos e
preferimos a vida e non a morte. O empresario mira polo seu e a
sociedade, por moitos colectivos que se rebelen, como os fotógrafos
desta exposición (O Devalo do Monte) ou por moitos organismos
internacionais e organizacións locais que se dedican con esforzo e sen
remuneración a defender a paisaxe, podemos dicir que, en xeral, as
administracións traizoan o servizo para o ben público. O interese
privado non debe prevalecer sobre a continuidade da vida.
-Hai quen apunta á eólica mariña como o crime perfecto en canto
dano ambiental para as aves, sobre todo migratorias, pois os cadáveres
dos paxaros que baten contra os muíños desaparecen no mar e non se poden
contar. Está de acordo con esta apreciación e existen outros crimes
perfectos contra a natureza usando as renovables?
Nestes momentos, as renovables están contempladas como unha táboa de
salvación para o modelo de sociedade que temos: hiperactiva,
hiperconsumista, acelerada e esaxerada. Sabendo como saben estes
responsables das empresas que se debe abolir o uso de combustible fósil a
súa postura é “usar as renovables para seguir facendo o mesmo”. Non é
unicamente quitar o combustible fósil, é algo máis amplo como termos
unha sociedade máis simple, equilibrada, austera e caendo na conta que
se pode vivir realmente ben con moito menos. O crime perfecto é poñerlle
selo de solución a un elemento que é un problema. En canto á eólica
mariña, se a liña do horizonte ten que ser defendida por todos os
valores, estéticos e morais, xuntamente coa diversidade que existe nas
montañas, pois nas partes chás xa foi esquilmada, que podemos dicir do
mar. Aínda pode ser máis importante deixar o mar tranquilo e deixalo
producir osíxeno, alimentos e beleza. Por tanto, estou de acordo en que
xa é unha barbaridade que os eólicos estean no océano. E sigo
insistindo, hai dous millóns de hectáreas dentro do territorio do Estado
completamente destruídas e aí é onde se debe poñer as granxas solares e
os muíños eólicos. Se non houbese sitio aínda poderiamos ter certa
permisividade, mais é que hai onde facelo.
-Galicia Confidencial publicou unha reportaxe sobre os perigos
dos parques eólicos para aves rapaces en perigo de extinción ou
poboacións moi reducidas. Axudan estas instalacións á posibilidade real
de extinción destas aves?
Si, hai constatación deste punto pois contamos con infinidade de datos
rigorosos aportados pola comunidade científica e tamén de persoas e
colectivos voluntarios que están facendo mesmo recolección de cadáveres.
Todo isto mostra que hai unha afectación sobre poboacións que teñen
poucos efectivos demográficos e o impacto sobre elas é significativo. Os
muíños que ocupan a liña do horizonte e as lombas por onde pasan estas
aves, rompen moitas ás.
-Dentro da paisaxe tamén están as zonas húmidas que alimentan
acuíferos e nacementos de ríos. Estas áreas están tamén afectadas por
todo tipo de infraestruturas. De onde vén ese desexo de ocupar áreas de
nacementos de auga que logo fornecen poboacións como as cidades?
É o “todo vale” da empresa que sexa e mantén a fachenda do capitalismo
exacerbado, máximo rendemento no menor tempo posible ou enriquecemento a
calquera prezo. Estamos diante dunha falta de planificación territorial
seriamente asumida polas administracións e rixidamente sancionada cando
se interrompe. As ubicacións non poden ser elixidas polo empresariado.
Actualmente temos seis posibilidades de colapso a escala planetaria,
algúns din nove, un dos máis importantes é a ameaza de colpaso hídrico.
Por iso, calquera lugar de reserva de auga, como son as montañas, os
principais colectores de auga, isto debera entrar na categoría de
intocable porque hai outros sitios onde colocar todas esas
infraestruturas. Podemos vivir perfectamente ben gastando a metade do
que se gasta hoxe en todo.
-Iso necesitaría dun investimento pedagóxico moi importante para que as persoas o entendesen.
Evidentemente, aínda así podemos dicir que o xornalismo ambiental
aumentou por moito a súa capacidade, o seu rigor. Tamén se pode dicir
que a educación ambiental multiplicouse por 40 ou 50 en relación ao que
acontecía hai corenta ou cincuenta anos, mesmo na administración se
multiplicaron os departamentos, empregados, administradores desde o
punto de vista do que pode ser a defensa medioambiental. Todo iso non
compensa a degradación ambiental, mais desde logo non avanzaremos se non
incrementamos por moitas veces máis a formación ambiental, a educación
ambiental e a administración ambiental. E aínda así, a saúde do planeta é
infinitamente peor que hai cincuenta anos.
-Falaba antes de accións de colectivos e mesmo accións
individuais para a defensa da natureza. Non ten a sensación ou non ten
observado unha dispersión ou falta de coordinación entre os diferentes
colectivos involucrados na defensa do medio ambiente?
Por unha parte, iso ten un perfil mesmo esperanzador mais tamén outra
cara negativa. Son militante ecoloxistas desde hai cincuenta e catro
anos e xa pasei por todas as etapas, se hai algo que me ten esperanzado é
a enorme cantidade de movementos de protesta case espontáneos. Agora
mesmo, que estou ao pé do Oitavén e do Verdugo, pois naceu un movemento
veciñal oposto á creación dun novo encoro, que en moitas vilas e aldeas
nas montañas do país se creasen movementos literalmente desde a nada,
contra parques eólicos, mesmo contra cousas como determinadas
infraestruturas. Todo isto é válido, e sería moito máis válido se os 280
grupos locais que agora mesmo loitan contra parques eólicos, se houbese
máis coordinación, se houbese un intento, estaría moito mellor. As
grandes organizacións se coordinasen moito máis habería unha maior
efectividade. O movemento ecoloxista ten moito de espontáneo, e cando se
forma sen liderados e sen instruccións, creo que ten un perfil
positivo. Con todo, coido que habería moitos máis resultados se houbese
unha ampla capacidade de unir esforzos. (...)" (Moncho Mariño, Galicia Confidencial, 24/09/23)
No hay comentarios:
Publicar un comentario