"«Política é todo. A arte ten que estar relacionada coas causas xustas. A arte non pode ser unha cousa especulativa, ten que ter unha filosofía de fondo». Estas palabras de Isaac Díaz Pardo están recollidas no libro de conversas de Xosé Manuel del Caño O contencioso de Sargadelos (Linteo, 2009). O intelectual, pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario foi homenaxeado o pasado mes de abril polo Día das Artes Galegas 2025. Menos de vinte e catro horas despois, o actual dono de Sargadelos, a senlleira empresa de Díaz Pardo, anunciaba o peche ante a «imposibilidade de resolver en prazo as deficiencias» atopadas tras unha inspección. Os requirimentos: arranxar en 3 meses as 36 faltas que poñían en risco de silicose ás traballadoras (maioritarias) e traballadores, e unha mísera multa de 5.000 euros.
Non é a primeira vez que o actual administrador único do grupo Sargadelos, Segismundo García, amaga cun movemento semellante. O 17 de agosto de 2018 anunciou o despedimento da metade do cadro de persoal nunha rocambolesca asemblea pública na que os medios de comunicación e as traballadoras souberon á vez dos despedimentos, que se foron executando nas semanas seguintes a contagotas.
O que realmente había detrás disto era a súa animadversión cara a Rogelia Mariña, representante sindical de UGT na fábrica e presidenta do comité de empresa. García acusaba a Mariña de ameazas e presións, chegando a afirmar que ela e o seu sindicato lle provocaran á compañía perdas de máis dun millón de euros. A muller deféndese dicindo que só esixía para as traballadoras o que lles correspondía: a paga extra de beneficios. Tres días despois da asemblea, a sindicalista recibe unha comunicación onde se lle di que «ante a tensión xerada no día de hoxe (…) e coa fin de evitar posibles enfrontamentos persoais, esta dirección considera pertinente outorgarlle permiso remunerado durante esta semana. Na espera de que os ánimos se calmen e a inquietude se relaxe».
A Rogelia Mariña despedírana en 2016, ano no que García se converteu no máximo accionista, tras abrirlle tres expedientes consecutivos por supostas faltas graves. Ese 2018 o cesamento declárase improcedente pola Xustiza e Sargadelos é condenada a readmitila, aboándolle os salarios non percibidos e unha indemnización de 30.000 euros por danos morais. Reincorpórase ao seu posto en febreiro dese ano e en agosto ten lugar a xa citada asemblea. Segundo a UGT, Segismundo García afirmou que deixaría sen efecto os despedimentos se o persoal de Sargadelos asinaba un escrito esixindo a dimisión de Mariña. As cartas de «cesación por baixo rendemento» chegaban ás casas coma os grans dun reloxo de area: o tempo está a esgotarse, parecía querer dicir García. Cando xa levaban 20 de 49, convocouse unha asemblea e as traballadores asinaron revogar a Rogelia Mariña. A UGT emprendeu accións legais vista a situación, pero un xuíz en primeira instancia sentenciaría que as manifestacións de García en contra da sindicalista estaban amparadas pola liberdade de expresión. En 2019, o TSXG recoñece vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical por parte de Segismundo García e de Sargadelos, aos que ordena o cese inmediato do comportamento antisindical e a indemnizar con 12.500 euros a cada unha das partes (traballadora e UGT). Mariña reincorporouse como unha traballadora máis ao seu posto, abandonando de xeito definitivo o posto de delegada do comité de empresa.
O conto parece repetirse este 2025, pero a ela pillouna xa cunha xubilación parcial con contrato de relevo.
Pero como comeza o conto?
Segundo di Felipe Bello Piñeiro en Cerámica de Sargadelos (Ediciós do Castro, 1965), o conto podería comezar con «Había unha vez…» un fidalgo de familia de non demasiados recursos chamado Antonio Raimundo Ibáñez, nado en 1749. Coa súa perruca empoada, a gornición de encaixe e a casaca de seda, Bello evócao sentado nun cruceiro próximo a Sargadelos e descubrindo por casualidade os materiais necesarios para a explotación das industrias que alí instalaría: arxilas, masa forestal para leña, cursos de auga para aproveitar a enerxía, un porto (o de San Cibrao) próximo para comerciar.
Se o conto comezou así ou doutro xeito non se sabe. Os datos fidedignos son que Ibáñez nace non moi lonxe, en Oscos (Asturias), e que remata asentándose en Ribadeo con 18 anos. Do que tamén se ten constancia é do cedo que demostrou o seu espírito emprendedor. Segundo escribe Xosé Filgueira Valverde en Cuadernos del Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos (Ediciós do Castro, 1978, nº24), con apenas 25 anos encárgaselle ir a Cádiz cobrar unhas rendas dunha familia rica á que servía. Cos cartos no seu poder, úsaos para comprar produtos andaluces (aceites, viños, etc.) e fretar un barco de regreso a Ribadeo. Após vender tan apreciado xénero no norte de España, devolve o diñeiro das rendas e co que lle sobra cimenta a súa fortuna.
Existe constancia documental de que en 1788 dirixe unha instancia ao Rei para «plantificar una fábrica de hierro con los martinetes necesarios y otra de ollas a imitación de las que vienen de Burdeos» nas terras de Sargadelos. Tras denegarlla nun primeiro momento, consegue o permiso en 1791. En escasos tres anos, Ibáñez inviste case todo o seu capital en construír unha fundición cos últimos avances, pechar os montes próximos e plantar «máis de 100.000 carballos», segundo afirma Bello. En 1794 obtén do Goberno unha contrata para prover de munición de guerra ao Exército Español, prorrogada en 1802 por seis anos máis. Desde entón, e durante 45 anos, a fundición de Sargadelos traballará case en exclusiva para o Estado subministrándolle material bélico, polo que será distinguida como «Real Fábrica».
É en 1804 cando crea a factoría de louza imitando a de Bristol, tan de moda na época. A fábrica conta con todos os avances tecnolóxicos, como o decorado mecánico mediante estampación. É a primeira vez que se introduce en Galicia un sistema industrial de produción en serie. Tras os seus éxitos, Carlos IV condecorouno coa Gran Cruz de Carlos III e abriuse un expediente para concederlle o título de Marqués de Sargadelos. En 1808 declárase a Guerra da Independencia e Ibáñez entra a formar parte da Junta de Defensa de Ribadeo. Sargadelos é a única Real Fábrica que non detén a produción.
A pesar diso, a Raimundo Ibáñez táchano de afrancesado. Os seus inimigos instigan rumores, como que na fábrica de San Cibrao se fabrican as cadeas coas que levan presos aos españois a Francia. Finalmente todo estala o 2 de febreiro de 1809, día no que unha turba o lincha cando trata de escapar de Ribadeo cara a Sargadelos e saquean a súa casa, actual sede do Concello.
Como con Segismundo García, este conto xa fora contado. Xa en 1798, catro mil persoas asaltaran a súa residencia e fábrica en Sargadelos, incendiando e saqueando, nun levantamento de aparencia popular en contra das restricións que Ibáñez impoñía na zona ao ser dono e señor da industria. Hai indicios de que varios inimigos del puideron estar detrás da insurrección, por intereses económicos e ao perder influencia caciquil. O que se sabe é que o coñecido popularmente como Marqués de Sargadelos (nunca chegaron a concederlle o título debido á súa morte prematura) salvou a vida esa primeira vez. Á súa morte, a fábrica pasou por mans de diversos familiares e diferentes arrendatarios ata o seu peche definitivo en 1875.
Os heroes da historia: Díaz Pardo, Luís Seoane e o Laboratorio de Formas
Case cento cincuenta anos e a outros tantos quilómetros de distancia, Isaac Díaz Pardo funda en O Castro (Sada) outra fábrica de cerámica en 1949.
Díaz Pardo naceu en Compostela en 1920, e no 36 os sublevados pasearon a seu pai. Isto provocou que non puidese estudar Arquitectura como quería o proxenitor, e como xa traballara con el no seu taller de rotulista e cartelista, finalmente decántase por Belas Artes. Remata a carreira en Madrid en apenas dous anos grazas a unha beca da Deputación da Coruña. Pero, como el mesmo di na conversa con del Caño: «a min aquilo de ser pintor e de andar vendendo cadros, profesionalmente, non me interesaba. Gustábame a investigación artística e facer pintura, pero non comercializala». Tras varias experiencias profesionais, viaxa a Inglaterra en 1946, tras a fin da Segunda Guerra Mundial, e entra en contacto con xente exiliada. Aí comprende que é «unha pena estar traballando en España, porque nalgún momento tiñan que cambiar as cousas. Aquí era fácil triunfar, pero entregándose á docilidade do Réxime. Eu fun pensando que había que acabar con Madrid e dedicarme a outra cousa máis honesta, a industria cerámica, tendo en conta que Galicia tivera unha fábrica emblemática, que era Sargadelos. Fora a primeira industria que se montara en Galicia, que podiamos recuperar».
E así o fixo en 1947, cando decide deixar a pintura. Polo seu matrimonio con Carme Arias, Mimina, dous anos antes, Díaz Pardo tiña un taller no Castro de Samoedo, onde seu sogro era propietario dun Pazo. É alí onde constrúen, segundo lle explica a del Caño, «unha especie de laboratorio para ensaiar as terras de Sargadelos, a ver se se podía facer unha cerámica nova». En 1948 comezan a producir e no 49 constitúese a fábrica de Cerámicas do Castro, onde en poucos anos traballan xa un cento de persoas.
En 1955 Díaz Pardo viaxa á Arxentina, pois o Centro Gallego de Buenos Aires convídao a facer unha exposición da súa pintura e da produción de cerámica do Castro. Alí contacta coa xente do exilio e reencóntrase con Luís Seoane, a quen coñecera nos anos trinta no estudo de seu pai. Nos seguintes anos seguirá visitando o país suramericano e poñerá en marcha Porcelanas de Magdalena, da que se desvincula definitivamente en 1968. Porén, as viaxes serviranlle sobre todo para facer xermolar o proxecto máis importante da súa vida: o Laboratorio de Formas.
«É unha idea que concibimos Luís Seoane e mais eu no ano 63», cóntalle Díaz Pardo a del Caño. En Arxentina e en Uruguai había «exiliados ilustres» que non regresaban a Galicia «como protesta contra o que había aquí. Todos eles formulábanse a pregunta do que se debía facer en Galicia, se algún día volviamos vivos, e chegamos á conclusión de que había que recuperar a memoria histórica. Seoane e mais eu recollemos esta inquedanza e institucionalinámola no Laboratorio de Formas. E así recuperouse o Seminario de Estudos Galegos, que fora prohibido e espoliado no 36. Recuperouse a obra e a documentación do Movemento Renovador da Arte Galega no Museo Carlos Maside, recuperouse Sargadelos e creouse Ediciós do Castro para poder recoller a documentación histórica do século XX coa súa Guerra Civil e a memoria dos que perderon. Esta é a filosofía do Laboratorio de Formas que proxectou e realizou o Grupo Sargadelos».
Uns 50 anos despois, a Fundación Sargadelos comezou a organizar os seus Foros de Debate. Nas últimas edicións, con Segismundo García xa á fronte, algúns dos seus convidados ilustres foron Mario Conde, Isabel Díaz Ayuso, Rodrigo Rato ou Iván Espinosa de los Monteros, supoñemos que para continuar coa filosofía de recuperación da memoria histórica. «Política é todo», dicía Díaz Pardo.
Segismundo García: o vilán salvador
Esta perversión do espírito inicial co que se fundou Sargadelos é unha das principais acusacións que recaen sobre Segismundo García, que asinou colaboracións a priori inverosímiles coma a de 2017 coa deseñadora Ágatha Ruiz de la Prada (ou a índa máis estrambótica da líder de UPyD Rosa Díez para unha colección de bolsos) e fixo fichaxes coma a de Eva Cárdenas cando xa era parella do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Ademais, tomou decisións polémicas como o peche do Museo Carlos Maside en setembro de 2023, un mes despois de que a Xunta iniciase o procedemento para declaralo Ben de Interese Cultural (BIC), en resposta ao acordo do pleno do concello de Sada para reclamar que a declaración englobase todo o complexo industrial do Castro. «Tal declaración é un impedimento formidable porque nos fai depender doutros catro departamentos administrativos e burocráticos (…) ao que non estamos dispostos», dixo García nunha carta remitida ao consistorio. «As súas teimas parécenme moi ben e moi respectables ata que entran en conflito cos meus intereses, que non son outros que erguer as empresas e protexer o seu patrimonio». Porque o certo é que García aterrou en Sargadelos para salvalo da quebra.
Para entender como se chegou a este punto cómpre retomar a historia de Díaz Pardo por boca del mesmo, grazas á conversa con del Caño no verán de 2007. «As ideas do Laboratorio de Formas non casaban coas de Cerámicas do Castro, que carecía dun compromiso estético e ético». Seoane e Díaz Pardo querían abrir unha nova etapa en Sargadelos, recollendo a tradición máis pola parte industrial que pola liña estética. Pretendían que fose un símbolo da recuperación industrial de Galicia. Porén, como o ceramista xa estaba no Castro, en 1964 constitúese Sargadelos por parte de Arias, a súa muller, e a esposa doutro dos socios. «Para que Cerámicas do Castro puidese entrar no capital de Sargadelos firmouse un convenio en 1965 no que se recoñecía que o creador da nova Cerámica de Sargadelos era o Laboratorio de Formas, quen asumiría en todo momento a dirección», e así mesmo sentaría as bases e a filosofía de traballo da empresa. Dito convenio cumpriuse durante 41 anos sen problema, «ata que en 2006 tres socios do Castro, aconsellados polo asesor letrado de Sargadelos (…) abandonaron o convenio e defenestraron o Laboratorio de Formas».
A orixe do conflito está nas viaxes de Díaz Pardo nos anos 50 ao outro lado do Atlántico. «O Castro é unha sociedade anónima, na que puxemos o mesmo capital tres accionistas: Rey Romero, Federico Nogueira e mais eu. Cando eu fun á Arxentina, incorporáronse tres rapaces que traballaban alí. Concedémoslles «un premio» por levar as cousas, porque eu tiña que viaxar moito (…). Regalóuselles, claro: ningún deles puxo un céntimo». En 1964 fúndase Sargadelos como sociedade limitada e O Castro, «dominado por capitalistas», quixo meterse no accionariado, asinando o xa citado convenio e acadando o 37 % da participación en 1968. Díaz Pardo pensou que, como el dominaba tamén O Castro, non pasaría nada. Pero pasou.
En 2007, o ceramista acusaba a esas persoas de querer rematar co espírito do Laboratorio de Formas e facerse co control da empresa, pero o conto tamén lle soaba de antes. En 1972 os socios capitalistas do inicio, Romero e Nogueira, xa intentaran o mesmo con argucias favorecidas polo réxime franquista. Chegouse a dicir que Sargadelos recibía cartos dos comunistas rusos ou que Díaz Pardo podía ter vinculación co atentado a Carrero Blanco. Daquela non funcionou, pero en 2006 si: a xunta de Sargadelos consegue apartalos do consello, a el e os seus fillos, nunha tensa votación argumentando motivos estritamente empresarias. As desavinzas viñan de case catro anos atrás, cando o fundador pretendeu crear a Fundación Sargadelos como órgano director e propietario do grupo. Algúns acusábano de querer que os socios doasen de forma gratuíta as súas participacións para poñer de presidente e vicepresidente aos seus fillos, Xosé e Camilo. Díaz Pardo preiteou para recuperar o control de Sargadelos, pero durante os anos que lle ficaron ata a súa morte en 2012 perdeu todas as batallas.
Neste contexto de conflitividade na cúpula é cando García fai a súa aparición. Xa contaba cunha participación pequena en Sargadelos, e segundo el a xestión na última etapa de Díaz Pardo foi moi deficiente. Porén, Xosé e Camilo, nunha carta ao xornal El País en 2014, afirman que a decadencia do grupo comezou unha vez os cesaron, pois ata 2006 as empresas sempre tiveran beneficios. Din que o declive de Sargadelos é debido á desvinculación de seu pai da marca polo «crack de imaxe e prestixio», que foi de tal calibre que as vendas se viron reducidas neses oito anos a máis do 65 %, agudizada pola xestión «totalmente equivocada, moi afastada da filosofía orixinal dos seus fundadores».
O certo é que en 2012 Sargadelos declárase en concurso de acredores
con débedas que rozan os sete millóns de euros. García ve aí a
oportunidade de aumentar a súa participación na empresa e remata por
converterse no máximo accionista, asumindo o seu liderado en 2014. En
2010 decretárase un ERE de extinción de emprego para 26 persoas,
aprobado pola Xunta, pero anulado posteriormente nos tribunais, e en
2013 un ERE temporal que afecta á maioría do cadro de persoal. Todas
foron medidas drásticas atribuídas a Segismundo García para evitar a
quebra, e o obxectivo cumpriuse: en 2015 obtivo uns beneficios de 70.000
euros. Na actualidade, cuadriplícaos.
Sargadelos segue en pé. A ensinanza final do conto sería preguntarse a que prezo."
(Antía Yáñez , Luzes, 14/07/25)
No hay comentarios:
Publicar un comentario