"O que non sabe fai coma que non ve”, iso repetía meu pai. Que pasa cando o peso dos tópicos e dos clixés é abrumador e sepulta calquera evidencia que teñamos ante os ollos? Que sucede cando non sabemos ver?
É Galicia un país rural? Moita xente aínda identifica as dúas palabras, coma se foran termos equivalentes da ecuación. Galicia=rural. No peor dos casos os máis limitados entenden que “cidade” e “Galicia” son termos antitéticos. Esa redución dun termo ao outro nunca foi exacta, pero operou na conciencia colectiva coma se fora un axioma matemático. É un axioma, por certo, que acostuma estar mesturado cunha actitude condescendente e autoindulxente propia de xente que non quere saber demasiado sobre si mesma en tempo presente. O de Galicia=rural tende a expandirse en Galicia=pasado e a Galicia=no future (que bonita é a morriña, que verde era mi valle, pero el muerto al hoyo y el vivo al bollo e etcétera, etcétera).
O mesmo pasa coa actividade económica. Tende a pensarse que en Galicia o peso do rural o abrangue todo, cando “agricultura, gandeiría, silvicultura e pesca” apenas representaban, segundo o IGE, o 4,4 % do PIB en 2022. Talvez outras maneiras de contar poderían facer aumentar a porcentaxe, pero, aínda así, seguiría sendo un ámbito económico perfectamente circunscrito.
Sigamos cos datos: segundo un informe do Consello Xeral de Economistas en 2019, o sector industrial de Galicia representaba o 18,5 do PIB galego. Ese mesmo ano a media no conxunto do Estado situábase no 16%. Esa lixeira vantaxa facía que Galicia aportase nese ano o 6,1% do PIB industrial de España, cando o seu peso no conxunto da economía estatal limitábase ao 5,20%.
Referido ao ano 2021, no entanto, o peso do sector industrial no PIB galego, segundo datos do IGE, representaba o 15,2% mentres que, segundo o informe Una perspectiva económica de la situación de la industria en España: actualización 2022, no conxunto de España representaba o 15,31%. Practicamente, pois, idéntico.
Para aportar elementos á fotografía poderíase indicar que o peso da industria no PIB de Madrid, sede de tantas empresas, fenomenal plataforma loxística, pero, sobre todo, lugar onde se manda, e manda moito -e, como o amable lector entenderá, non sempre ben- reducíase en 2019 ao 10,3%.
En Alemaña, o país máis industrializado de Europa, o sector industrial representaba en 2022 arredor do 26,5% do PIB e ocupaba ao 27% da poboación activa do país. No País Vasco o PIB industrial representaba o 24% e a poboación ocupada situábase na contorna do 20%.
Son cifras, claro. E as cifras poden levar ao equívoco. A estatística cárgaa o demo. Pero, aínda así, os datos indican moito. Moito e desatendido.
A viaxe a Curtis
A ver unha fábrica en Teixeiro, Curtis, fomos Xoán Carmona, catedrático emérito de Historia Económica e servidor. Carmona sabe máis da historia industrial de Galicia que todos nós xuntos. Os textos de Xoán, discípulo do falecido mestre de historiadores e economistas Jordi Nadal, son de obrigada lectura para quen queira coñecer o que chamou El empeño industrial de Galicia (Fundación Barrié, 2005) e lense ás veces coma unha novela de aventuras. Así é coa historia da conserva, editada por Anfaco, a asociación do sector, ou a do grupo Dávila, dispoñibles as dúas na rede, entre tantas outras.
Ir de Santiago de Compostela a Curtis, chaira situada no borde da Serra da Serpe, é viaxar ás Terras Medias. Por alí pasa o tren A Coruña-Madrid, que, ata que se construiu o ramal da cidade herculina a Compostela, era o tren tamén de Santiago: facíase o transbordo en coche de liña. A mañá era chuviosa, pero iamos ver a Daniel Hermosilla, un empresario, fillo e neto de barrenistas de Valdeorras –pouca broma- e 70.000 metros cadrados de factoría no polígono industrial de Teixeiro.
O formigón, di Anselm Jappé, marxista da póla situacionista, nun libro curioso e entretido, pero discutible, é unha Arma de construción masiva (Pepitas de calabaza, 2021). Ademais de facer un pequeno percorrido pola historia do formigón, afirma Jappé que “encarna a lóxica capitalista. É o lado concreto da abstracción mercantil. Como ela, anula todas as diferenzas e é máis ou menos sempre o mesmo”. Pois ben, formigón é o que fan nesta nave de Teixeiro. Formigón para facer naves industriais e, ás veces, menos, para uso residencial.
Daniel Hermosilla, de oficio calculista, séntese herdeiro dunha orgullosa tradición de artesáns, coma o seu admirado Eugene Fressynet, o enxeñeiro francés, inventor do formigón pretensado, que se refería aos artesáns da súa terra, Córreze, na Aquitania, para afirmar que “fabricaron unha civilización caracterizada por un afán extremo de simplificación das formas e de economía de medios”.
Sen negar a grandeza das matemáticas, ese instinto de artesán levaba a Fressynet a confiar máis na comprobación directa das propiedades dun elemento ca no resultado dunhas ecuacións. Con notable acritude escribe Eugene Fressynet acerca dun determinado tipo de enxeñeiro: “Acabei por comprender que non me atopaba fronte a simples idiotas, senón fronte a mamarrachos aos que afirmar a validez dunha proba feita na súa presenza lles parecía máis difícil de soportar que a comprobación dun cálculo”.
Un ecosistema industrial
Galicia posúe un sector industrial interesante. En Galicia hai un abano extenso de empresas de alto valor tecnolóxico, capitalizadas e internacionalizadas. Daniel Hermosilla, CEO de Rodiñas, empresario partidario dunha industria ligada ao territorio, insiste, contra a imaxe estereotipada, tan difícil de eliminar, en que “aquí hai unha biodiversidade de industrias moi interesante. Capitalizadas, con maquinaria de última tecnoloxía, e que saben contratar persoas de talento. Empresas que souberon cambiar a mentalidade. Empezaron a entender que o mercado é o mundo enteiro. Se isto o sabemos aproveitar e artellar pode ser un dos grandes activos de Galicia”.
Arredor de Citröen e Inditex, auténticas empresas tractoras, naceu unha constelación de empresas de alto valor tecnolóxico, capitalizadas e internacionalizadas. Da automoción á aeronaútica, ou ao importante sector do contract, existen empresas que están en condicións de dar un salto adiante e competir por máis e mellores mercados. Estas empresas que empezaron sendo pequenas agora teñen un gran porte e poden acabar construindo un ecosistema industrial con relacións horizontais entre elas.
Son empresas ás que hai que sumar o sector máis tradicional, aquel co que os métodos máis modernos de produción e comercialización apareceron en Galicia: o da conserva. 150 anos de historia. Ese foi o rostro que adquiriu unha serodia revolución industrial entre nós. Ou o sector agroalimentario, con Coren como empresa máis característica. Ou o da madeira: nos produtos CLT hai que localizar unha ventá de oportunidade que non se pode deixar escapar. Ou as empresas de aluminio radicadas en Padrón e Valga. Ou o incipiente sector químico, tanto en Porriño, herdeiro da seminal Zeltia, como en Santiago. Ou o biotecnolóxico. Ou empresas de servizos informáticos ou enxeñerías do aceiro.
Son, naturalmente, só exemplos, que poderían multiplicarse. En todo caso, con estes elementos podería darse un salto adiante aumentando valor e aproveitando as ventaxas competitivas do país, que existen. O primeiro paso podería ser, talvez, ter unha cartografía da totalidade das empresas. O segundo, saber do seu nivel de sofisticación e, en especial, da súa capacidade para fraguar coalicións con outras empresas buscando establecer un círculo virtuoso.
Non hai nin que dicir que os salarios industriais tenden a ser máis elevados. Por outra banda, no contexto da nova guerra fría, co que implica de certo desacoplamento entre as economías de Occidente e China, a política industrial está de volta. Existe unha ventá de oportunidade para o eixo atlántico.
Se somos capaces de consolidar e proxectar este ecosistema industrial, iso será unha excelente noticia. Vostede mesmo, ou o seu fillo, querido lector, talvez non teña que emigrar. Acaso poida aportar en Galicia o seu nivel de calificación.
Pero, ao mesmo tempo, ese argumento é tamén a impugnación dun
relato, dunha certa forma de ver Galicia que, se algunha vez estivo
acertada, tivo unha pregnancia no tempo que, creo, sinceramente non
merecía." (Antón Baamonde , eldiario.es, 29/10/23)
No hay comentarios:
Publicar un comentario