"A filóloga galega María Pérez Lago elaborou o seu traballo de fin de grao (TFG) sobre os comentarios que a 'tiktoker' de Fisterra Alba Castro (@mamatopa_alba) recibía no seu perfil por usar a 'gheada' e o 'seseo'. Así nolo conta.
O desenvolvemento do mundo dixital foi modificando a maneira na que interactuamos e non se pode negar que na actualidade as redes sociais son un importante medio de comunicación no que se recollen múltiples repertorios lingüísticos. Nelas, o galego tamén está presente, o que xera ás veces gran debate e controversia, especialmente polas diversas formas nas que este se expresa, pois a lingua, dependendo da zona na que se fale, ten as súas propias variantes. O galego está a sufrir unha importante perda de falantes, polo que a súa presenza no ámbito dixital é esencial para que se manteña vivo. Con todo, traballos levados a cabo nos últimos tempos amosan que as ideoloxías lingüísticas condicionan as actitudes e usos lingüísticos dos individuos e determinan o seu prestixio ou desamparo social. Nesta liña, o traballo de fin de grado da filóloga galega María Pérez Lago foi quen de recoller con exactitude os comentarios que recibía no seu perfil a 'tiktoker' galega Alba Castro (@mamatopa_alba) polo feito de empregar a 'gheada' e o 'seseo' na súa fala.
"Había como dous grupos de persoas dentro dos comentarios que lle facían aos seus vídeos: un que a atacaba constantemente polo uso da 'gheada' e do 'seseo', aínda que non lle daban moita importancia a outros trazos dialectais ou ao uso de castelanismos, e a atacaban intentando ridiculizar a súa lingua e desprestixiala; pero tamén había outro grupo, máis pequeno, que se sentía identificado coa súa lingua, pois formaba parte da mesma comunidade lingüística, e defendía todos os seus argumentos sobre o uso do galego", explica Pérez Lago. O problema, como adoita suceder en todos os aspectos da sociedade, é que "sempre destaca máis o malo, polo que destacaba máis a comunidade que a atacaba constantemente polo simple feito de expresarse en galego nunha rede social, dicíndolle que iso non servía máis que para os galegos, que os casteláns non o entendían e galegos que lles dicían que forzaba a súa variedade, como se só existise un galego". Así as cousas, esta filóloga considera que "fagas o que fagas e fales como fales, en redes sempre vas a ser criticado, así que o meu consello é: di o que queiras, fai o que queiras e sé ti, porque falar sempre van falar".
UN TEMPO NO QUE O GALEGO ORAL ESTÁNDAR SE CONSIDERABA MÁIS CULTO
O galego é unha lingua nacional cuxo proceso de normalización se desenvolveu tardiamente con respecto á maioría das linguas europeas. Ademais, vive en contacto lingüístico con outra lingua, o castelán, a lingua oficial do Estado e con maior número de falantes. En Galicia, a recuperación da lingua no espazo público estivo vinculada ao proceso de construción nacional iniciado no século XIX e nas últimas décadas do século XX coa implantación dos poderes autonómicos e cos movementos nacionalistas que ao longo deste período foron aflorando, conscientes da necesidade dunha identidade colectiva diferenciada para o galego. Así, durante moito tempo loitouse pola estandarización da lingua, onde se pretendía impoñer unha lingua estándar sobre o resto das variedades.
Os procesos de estandarización centráronse nas formas escritas da lingua, en establecer e codificar uns patróns e uns paradigmas para a representación ortográfica. Pero antigamente o galego reducíase á oralidade, empregado só nas capas sociais máis baixas, polo que era unha lingua concibida como popular e informal. Á idea de 'impureza' da lingua oral sumouse tamén a concepción tradicional da lingua escrita como modelo de excelencia lingüística, de maneira que a corrección oral asóciase á escrita e concíbese como unha variedade que debe imitala en todos os seus ámbitos: léxico, gramática, morfoloxía e fonética. E na escrita sempre se rexeitaron fenómenos estigmatizados como a 'gheada' e o 'seseo', propios das variantes dialectais da nosa lingua, así como os dialectalismos e os vulgarismos. O estándar oral era recoñecido como a variedade máis culta e propia de xente con formación académica.
Durante as últimas décadas experimentamos un dos cambios tecnolóxicos que máis impacto produciu no desenvolvemento da sociedade: a irrupción de Internet. A emerxencia da rede mundial foi o que impulsou unha nova revolución na comunicación humana e a aparición dunha 'nova tecnoloxía da comunicación'. Na actualidade, o mundo dixital e as tecnoloxías da comunicación son fundamentais, pois nelas transcorre unha gran parte da vida social contemporánea. Grazas á súa accesibilidade, ao alcance e á posibilidade de participación colectiva, as redes sociais convírtense nun destacado medio de comunicación no que os usuarios manifestan e comparten opinións, ideas e inquedanzas.
Pero neses comentarios tamén se producen as ideoloxías lingüísticas dominantes na sociedade galega, que revelan a situación actual da lingua. Hoxe por hoxe, o galego ocupa o trixésimo sétimo posto entre as linguas no que se refire á súa presenza en Internet. Así, un 0,0014 % das páxinas totais que conforman a rede (98.998) están íntegramente en galego. Aínda queda moito camiño por facer, pero vaise andando. Polo que respecta aos medios de comunicación, por desgraza, aínda hai moi poucos en galego, e este estase a popularizar máis a través das redes sociais, onde é empregado polos mozos e mozas na creación de contido, o que é moi importante para garantir o futuro da lingua e a súa recuperación.
TIK TOK DEU PRESENZA A MOITOS TRAZOS DIALECTAIS DO GALEGO NA REDE
En concreto, a rede social Tik Tok apareceu no ano 2016, ao mesmo tempo que xurdiron as coñecidas como 'stories' de Instagram. A súa finalidade era a creación dun contido máis oral, audiovisual e de caracter informal fronte ao texto que predominaba noutras redes como Facebook ou Twitter. A gran vantaxa é que Tik Tok era (e segue a ser, aínda que con certas funcións de pago) un servizo gratuíto, polo que democratizaba o acceso á rede a calquera usuario. O seu maior crecemento deuse no ano 2022 (+ 215 %), chegando aos 814 millóns de usuarios. Dende entón, cada vez foron xurdindo máis e máis perfís que usaban a lingua galega na creación de contidos, pero non só o galego normativo, senón tamén todas as variantes dialectais propias das zonas de residencia dos 'influencers'. Así, fenómenos como a 'gheada' e o 'seseo' fíxeronse cada vez máis notorios na plataforma.
Cal foi a reacción da xente a isto? Pois, como adoita suceder en todas as redes sociais, sempre vai haber os típicos 'haters' (persoas que tratan de inxectar odio e rexeitamento) que tenten ridiculizar os contidos dos creadores que usan variantes dialectais do galego, do mesmo xeito que hai quen só polo feito de que usen o galego xa considera que é algo negativo. O TFG de María Pérez Lago toma como referencia os contidos da 'tiktoker' galega Alba Castro (@mamatopa_alba), que conta con algo máis de 32.000 seguidores en Tik Tok e máis de 675.000 'likes'. Ela, por ser da zona de Fisterra, emprega 'gheada' e 'seseo' na súa fala habitual, e iso é algo que xerou moita controversia no seu perfil, e que a levou a recibir comentarios de todo tipo.
O ACENTO GALEGO: 'NORMAL QUE PENSEN QUE SOMOS PALETOS'
Había persoas que a acusaban de ter un acento galego moi forzado e esaxerado, dicindo mesmo que o estaba a esaxerar para saír en Tik Tok e que se falase máis dos seus vídeos, cando de seguro que na vida real non falaba así. Comentarios do tipo: 'fuérzalo menos y parece real'; 'sempre falas así ou exageras o acento pra os videos?'; 'yo soy gallega, pero no hablamos así de bruto'. No TFG María Pérez fala de que nun momento de gran auxe das redes e no que todos gozamos das mesmas posibilidades, semella que para destacar e adquirir maior repercusión e visibilidade dentro da comunidade virtual é preciso presentar algunha particularidade, por iso hai quen se cuestiona se Alba fala así na súa vida cotiá.
Outros dicían que lles molestaba o seu acento, porque lles resultaba pouco agradable aos oídos, como se fose unha lingua de monte, usada polas clases sociais máis baixas. Semella que aínda non fomos quen de superar certos prexuízos, porque dicían que un acento máis neutro sería propio e indicativo de que contaría con máis formación e estudos. Dicían cousas como: 'pq tienes que hablar así? Los gallegos no hablamos así, normal q piensen q somos paletos, siempre exagerando el acento'. Ao que Alba respostaba: 'claro, os ghalleghos falamos coma ti, en castellano; por falar como falo eu non son paleta, paleta é unha persona coma ti que pon este tipo de comentarios'.
A 'GHEADA' E O 'SESEO': 'TE SEGUÍ PORQUE ME HACIA GRACIA TU GHEADA'
Pola banda da 'gheada' e do 'seseo', dicían que tamén eran fenómenos propios dunha fala de monte. É dicir, arredor deles segue a haber aínda a día de hoxe un estigma social, que non se logra erradicar. Así, moitos usuarios asociaban o feito de que Alba empregase estes fenómenos a que ela fose de campo e non de cidade. En concreto, como apunta María Pérez no seu traballo, hai máis estigma co tema da 'gheada' que do 'seseo', que moitas veces semella pasar máis desapercibido a oídos dos oíntes. Os comentarios ao respecto dicían: 'Yo creo que fuerzas la gheada, no he oído a nadie forzarlo tanto ni en Fisterra ni en ningún lado. Pero habla como quieras'; 'o sea creo y tengo derecho a creer que a esta chica se le junta la gheada y un problema de dicción'.
Ademais, mesmo se rían de como usaba estes trazos dialectais,
asegurando que lles causaba graza, pero non no bo sentido da palabra,
senón como se estivese a facer o ridículo por falar desa maneira. Reaccións do tipo:
'de hecho empecé a seguirte porque me hacía gracia tu gheada, a mi
juicio exagerada, si no tu perfil no me habría llamado la atención'. Con todo, tamén hai unha parte importante da audiencia de Alba que manifesta un alto grao de orgullo: 'A
gheada e o seseo é o mellor do galego!!!'; 'o único galego mal falado é
o que non se fala'; 'o idioma galego é a nosa identidade en cada zoa'." (Ángela Precedo, Galicia Calidade, 18/12/23)
No hay comentarios:
Publicar un comentario