22/10/24

A nova lei galega de medios públicos xa figura entre os riscos para a liberdade de prensa en Europa... mentres A Iniciativa Lexislativa Popular "Liberemos a Galega!" reclama a "democratización" da CRTVG

 "A nova lei dos medios públicos galegos que impulsa a Xunta, coa que o PP poderá nomear en solitario a dirección da CRTVG, vén sendo criticada como unha ameaza para a independencia do ente público polo Colexio de Xornalistas de Galicia, o persoal da corporación ou as principais asociacións de empresas e profesionais do audiovisual galego. Agora a reforma legal tamén está incluída entre as ameazas á liberdade de prensa en Europa que monitoriza o proxecto Mapping Media Freedom, financiado pola UE e co apoio da Federación Europea de Xornalistas.

O proxecto Mapping Media Freedom localiza e verifica denuncias de ameazas contra a liberdade de información en toda Europa. Xestionado polo European Centre for Press & Media Freedom, a European Federation of Journalists e o International Press Institute, está financiado pola Comisión Europea e segundo explica a súa web, "cada alerta é verificada por tres fontes cribles e independentes que inclúen pero non se limitan a: medios de comunicación locais e nacionais, sindicatos de xornalistas, informes policiais ou contas en redes sociais de individuos directamente involucrados”, cos que tamén se contacta persoalmente. 

No caso da nova lei galega, esas fontes, ademais de diversos medios de comunicación, son o propio texto legal da Xunta así como as posturas contrarias a ela do Colexio de Xornalistas ou a Federación de Asociacións de Xornalistas de España.

Mapping Media Freedom cataloga o "incidente legal" como "iniciativa lexislativa que restrinxe a liberdade de prensa", dátao no 29 de xullo, cando o texto legal foi feito público pola propia Xunta, e resume que "o proxecto de lei sobre a radiotelevisión pública ameaza a independencia da CRTVG". A reforma "proposta polo gobernante Partido Popular", di, "eliminaría a elección da dirección xeral da CRTVG por maioría cualificada" co que "bastaría unha maioría simple, é dicir, bastarían os votos dos deputados do PP para elixir a dirección da radiotelevisión pública". 

Ademais, engade, "a elección dos representantes dos traballadores quedaría en mans do consello de administración, controlado polos representantes do PP" e "o proxecto de lei tamén permitiría a produción de contidos noutros idiomas distintos do galego".

Mapping Media Freedom faise eco de que "os empregados da CRTVG e as asociacións de xornalistas locais denunciaron enerxicamente o proxecto de lei, advertindo de que convertería a radiotelevisión pública 'no maior órgano de propaganda financiado con diñeiro público ao servizo dun partido político'". Igualmente, reflíctese que "os empregados da CRTVG tamén criticaron que o prazo de consulta pública se fixase para agosto, o que podería facer que o proxecto de lei pasase desapercibido". 

A ameaza á liberdade de prensa da nova lei de medios da Xunta agora incorporada por Mapping Media Freedom é unha das 17 ameazas rexistradas en Galicia desde 2016. A maioría delas son ameazas o vetos individuais a xornalistas de persoas concretas -narcotraficantes ou políticos-, pero na listaxe hai xa cinco relacionadas coa falta de liberdade na CRTVG. 

Ademais da agora incorporada sobre a nova lei de medios, Mapping Media Freedom tamén dá conta de represalias a xornalistas ou censura de informacións, como as que derivaron na dimisión en 2018 de dous presentadores do Telexornal ("presentadores da televisión pública de Galicia dimiten por supostas intromisións políticas"), o desprazamento de posto de traballo dunha xornalista crítica ("presentadora da TVG vese obrigada a trasladarse de departamento tras criticar a Feijóo"), a reescritura dunha nova sobre a inflación que salientaba o mal dato galego ("redactor da Radio Galega vese obrigado a cambiar de departamento tras negarse a manipular información") ou o tratamento por parte da CRTVG da crise dos pellets ("empregados da CRTVG denuncia interferencia editorial nas ordes da dirección").

Por outra banda, os colectivos integrantes da plataforma en defensa da CRTVG, da que forman parte os principais sindicatos e asociacións de actores, escritores ou dobradores, rexistran este mércores no Parlamento de Galicia unha iniciativa lexislativa popular (ILP) co lema Liberemos a Galega! O seu obxectivo é modificar a actual lei "para liberala do secuestro do Partido Popular e poñela ao servizo do pobo"."

( David Reinero , Praza.gal, 11/09/24)


"A Iniciativa Lexislativa Popular "Liberemos a Galega!" reclama a "democratización" da CRTVG

Democratizar a CRTVG  e acabar co seu secuestro polo poder político. Estes son os dous obxectivos que impulsan a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) "Liberemos a Galega!", rexistrada esta cuarta feira no Parlamento galego e que apoian 40 organizacións a través da Plataforma en Defensa da CRTVG. Entre as propostas que contempla, varia o modelo de escolla do director xeral do ente público ou adoptar ferramentas que garantan unha "información veraz" nos medios públicos.

"Os medios públicos non pertencen ao Goberno, son da cidadanía e están ao servizo deste país". Así se expresou a veterana xornalista Tareixa Navaza após formalizar a ILP no rexistro da Cámara Galega. "Precisamos 10.000 sinaturas", indicou a que tamén é portavoz da plataforma de 40 colectivos e entidades que impulsa esta iniciativa lexislativa popular, entre elas o comité intercentros da radio e televisión públicas galegas e a asemblea de traballadoras das mesmas. "Aos meus 77 anos son optimista e sei que imos reunir moitas máis" [sinaturas].

Navaza, con Xurxo Souto ou Manuel Pampín, entre outros, integra a comisión promotora desta ILP. Criticou con dureza o proceder do Goberno galego cos medios públicos galegos. "Non inventan nada, isto xa se fixo en Alemaña en 1933 co Ministerio de Propaganda" de Joseph Goebbels, afirmou. Puxo como exemplo dese proceder, o feito de que o xefe de Informativos da Radio Galega reproducise as críticas do PP contra o Consello da Cultura Galega polo seu informe sobre Altri. "Os traballadores están sometidos a unha presión brutal", denunciou.

Propostas

A Iniciativa Lexislativa Popular  recolle unha serie de medidas  para evitar que se perpetúe unha situación nos medios públicos que implica, en palabras de Navaza, "tronzar a democracia". Así, proponse un novo modelo de escolla do director xeral da CRTVG. Este sería electo mediante un concurso público e por 3/5 do parlamento galego. Cando remate o mandato. só podería exercer un máis; evitando así a perpetuación no cargo, "como Alfonso Sánchez Izquierdo" [actual director xeral e que leva no posto desde 2009, coa chegada de Alberto Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta da Galiza].

Para garantir a "información veraz, obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade" pídese activar o Consello de Informativos, así como que os medios públicos galegos sexan "un reflexo do pluralismo que existe na Galiza". Ligado a este punto está a proposta de que se "garanta" o acceso da cidadanía á CRTVG.

Recuperar a cobertura territorial de todo o país e as desconexións locais; promover e defender a identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura; ou fomentar a través dos contidos a igualdade e a non discriminación, a diversidade sexual, integrando a perspectiva de xénero, son outras das demandas recollidas. Tamén o fomento da produción propia, sendo "motor da produción audiovisual independente, con transparencia e evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores". As sinaturas recolleranse "por todo o país nas vindeiras semanas", con especial incidencia en outubro, informou Navaza.

Organizacións asinantes

A Mesa pola Normalización Lingüística, Anova-Irmandade Nacionalista, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritores en LIngua Galega, Asociación de Gaiteiras Galegas, Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán, Asociación pola Defensa da Ría, Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Avante LGTB+, BNG, CCOO, CGT, CIG, CNT, CUT, Defende a Galega, Erguer, Esculca, Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Luís Tilve, Fundación Moncho Reboiras, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Mulheres Nacionalistas Galegas, Músicas ao vivo, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Queremos Galego, Plataforma SOS Sanidade Pública, Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON, PSdeG-PSOE, REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego Galego, SOS Ficción en Galego, UGTGalicia, Vía Galega."        (Nós, 11/09/24)

No hay comentarios: