8/10/24

A tarifa eléctrica da empresa privado-pública “Recursos de Galicia”, como foguete retórico-propagandístico para despistados pode funcionar... a Xunta só se reservou o 30 % do capital, o 70% é privado... de ENCE, Pérez Rumbao, Gadisa, Finsa, Abanca, Rianxeira, Megasa... os amigos da Xunta, para os amigos

 "Vén de divulgarse unha iniciativa da Xunta de Galicia para abrir camiño a unha tarifa da luz favorable a determinados consumidores da man da empresa “Recursos de Galicia”. Creo que procede, daquela, saber algo desta empresa protagonista e, feito isto, desta iniciativa de alcance tan popular (pois seica dicir populista sería algo negativo).

Hai un ano púxose a andar esta empresa “Recursos de Galicia” segundo informaba a Xunta de Galicia. Na web da empresa na actualidade temos información relevante de quen ten a maioría do seu capital (70 %), xa que a Xunta só se reservou o 30 %, (...)

Tratándose de xestionar os recursos de Galicia (enerxéticos, naturais, agrarios, forestais, …) chámanme a atención dúas cousas de trazo groso, que como se vai ver teñen moito que ver con esta primeira iniciativa de tarifa eléctrica popular.

Que non estean presentes as grandes empresas que viñeron capturado a maioría das concesións hidroeléctricas (Naturgy, Iberdrola, Endesa, …) do país dende épocas franquistas ata hoxe, e que agora están a facer o propio coas concesións eólicas. Porque estes son os xeradores masivos e dominantes de electricidade con fontes renovables e limpas do país. E sorprende isto, e vou coa segunda, porque si está presente ao menos unha grande empresa (ENCE)  da galaxia Ibex que supón dende hai décadas unha demanda masiva da eucaliptización do país (Lourizán e Navia), e que podería sentar un precedente tóxico (nunca mellor dito) para que Altri moi cedo (esperemos que non) tamén forme parte dos xestores dos recursos (naturais) de Galicia en compañía da Xunta.

De xeito que a mesma Xunta de Galicia que ten entregado a inmensa maioría dos recursos eólicos as grandes empresas, a mesma Xunta que non foi quen de facer que as concesións hidroeléctricas históricas revertesen nunha empresa pública de xeración, a mesma Xunta que reduciu a figura dos “parque singulares” (municipais) a un papel residual no noso sistema eléctrico, … agora cae do guindo e promete unha tarifa benevolente.

Primeiro entregamos a xeración aos grandes negociantes privados e agora vendemos bo rollo na distribución. E facémolo dende unha empresa benevolente privado-pública. Cando si algo se sabe no Reino de España e que os que controlan a xeración son os que mandan na tarifa. E estes non están en “Recursos de Galicia”.

Como foguete retórico-propagandístico para despistados pode funcionar. Pois ben sabe esta tropa e os seus asesores que dende a oposición se vén reclamando unha “tarifa eléctrica galega” (claro está que co respaldo dunha empresa eléctrica cento por cento pública). E pode que tamén de todo o que por caso o que subscribe ten reclamado no seu día (Nós diario de 25.11.2023) ao fío da tramitación do “Anteproxecto de lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia” (Xunta de Galicia, 2023) que foi unha recente, e patética ocasión, para avaliar en detalle como os publicistas desta “tarifa galega” procuran, ou non, optimizar o benestar social e a conservación dos recursos do país. O que sí está claro que procuran é enredar."

(Albino Prada, Tempos Dixital, 08/10/24)

No hay comentarios: