19/1/25

Rural e con alta natalidade: Lourenzá, Meira... nestes concellos si hai nacementos... en Lourenzá, o número de traballadores de orixe estranxeira representan xa o 9% da poboación do concello... en Meira, as persoas procedentes do estranxeiro xa supoñen o 12,6% da poboación

 "O 2023 (último ano con datos oficiais) pechouse cun mínimo de nacementos na serie histórica en Galicia: 14.004 nenos e nenas, case seis mil menos que dez anos antes. O descenso afecta a todo o territorio, dende as cidades ata os concellos menos poboados, pero é nas zonas rurais onde este descenso da natalidade ten efectos máis visibles, deixando moitas localidades sen apenas nacementos. 24 concellos tiveron menos de dez inscricións de bebés nos últimos cinco anos, unha listaxe na que destaca A Teixeira (ningún nacemento dende 2018) ou Negueira de Muñiz, Gomesende, Parada de Sil, Pontedeva, Muras, A Arnoia, Quintela de Leirado e Carballeda de Avia, todos con menos de cinco nacementos en cinco anos.

A falta de nacementos acrecenta o envellecemento de todos estes lugares, situados en Ourense ou en zonas montañosas da provincia de Lugo e déixaos sen infancia ou cunha xeración nova moi reducida, á espera unicamente da posible chegada de familias con crianzas en idade escolar dende outros territorios.

Porén, non toda a Galicia rural rexistra esta escaseza de nacementos. Hai varios concellos que presentan nos últimos anos taxas de natalidade que mesmo superan a media galega. 

Nalgúns casos esta circunstancia é froito da casualidade (a coincidencia no tempo de varios nacementos en familias da localidade) e constitúe un fenómeno efémero, con cifras que non se volven repetir en anos seguintes. Pero noutros estamos ante tendencias consolidadas, favorecidas por algún contexto favorable que fai máis atractivo vivir nun concello para familias novas (abundancia de postos de traballo, bos servizos públicos, boas comunicacións...) ou por medidas incentivadoras postas en marcha polos gobernos municipais.

Galicia presenta unha taxa de natalidade de 5,38 nacementos por cada mil habitantes (datos de 2023). Un total de 75 concellos superan ese dato tomando como referencia os datos de 2021, 2022 e 2023 e facendo unha media entre eles para evitar as distorsións que puntualmente pode provocar un ano con moitos ou con poucos nacementos. A maior parte pertencen ás provincias de Pontevedra e A Coruña e corresponden a localidades das contornas das grandes cidades ou a vilas situadas en comarcas. A listaxe, de feito, está encabezada por Salceda de Caselas, Ribadumia, Mondariz-Balneario, Oroso e O Porriño.

Pero nela tamén aparecen concellos situados lonxe das zonas urbanas, algúns deles claramente rurais e afectados polo envellecemento e o despoboamento. É o caso de Larouco, con dez nacementos en tres anos (unha cifra notable para un concello de 444 habitantes) ou Verea, outra pequena localidade ourensá de 964 habitantes que sumou 20 nacementos entre 2021 e 2023.

Destacan tamén varios concellos lucenses, como Lourenzá (41 nacementos en tres anos nunha localidade de 2.115 habitantes), Triacastela, Láncara, Meira, A Pastoriza, O Valadouro ou Castro de Rei.

E tamén localidades como Curtis, eminentemente rural cunha economía na que se mestura a produción agrogandeira coa actividade insdustrial, que é despois de Oroso o concello coruñés cunha maior taxa de natalidade.

En Pontevedra chaman a atención os datos de Rodeiro, na comarca do Deza, con 41 nacementos en tres anos para unha poboación que supera por pouco os dous mil habitantes. Ou tamén os do Rosal, no Baixo Miño, unha localidade principalmente rural, con grande importancia da produción vitivinícola, que sumou 128 nacementos en tres anos nunha poboación de 6.431 habitantes.

En total hai unha quincena de concellos maioritariamente rurais que no período 2021-2023 tiveron unha taxa de natalidade e unha taxa de fecundidade (número de nacementos por cada mil mulleres entre 15 e 49 anos) superiores á media galega: 5,38 e 27,05, respectivamente. 

O caso de Verea, en Ourense, é especialmente significativo. Trátase dun concello -situado na raia seca con Portugal, a 9 minutos de Celanova e a 27 minutos do centro de Ourense- moi pouco poboado (955 habitantes o 1 de xaneiro de 2024), pero que chama a atención porque dende o ano 2020 vén rexistrando un importante ascenso, dende as 912 persoas que estaban rexistradas nese momento. Algo bastante pouco usual para unha localidade rural que, ademais está moi envellecida: o 49,7% da súa poboación ten máis de 65 anos. Verea sitúa como obxectivo recuperar o nivel dos mil habitantes que perdeu en 2016 e que lle daría dereito a máis ingresos.

Algo comezou a mudar nesta localidade nos últimos anos. Gobernado polo PSdeG-PSOE entre 1987 e 2007 e polo PP entre 2007 e 2019, nese ano Xosé Antonio Pérez Valado (BNG) converteuse en alcalde con tres dos sete concelleiros e catro anos máis tarde obtivo unha esmagadora maioría absoluta co 87% dos votos e os sete edís en xogo.

Na súa xestión aparecen as mesmas axudas por nacemento ou adopción que moitos concellos ofrecen -dende o 2021 Verea achega 300 euros ás familias que rexistren un bebé-, pero sobre todo unha política municipal de vivenda que está achegando novos residentes, especialmente persoas novas e familias con crianzas. O Goberno local creou un banco municipal de vivendas baleiras que localiza e difunde os inmobles que están dispoñibles nas distintas parroquias e que poden ser habitados. Ademais, exerce unha mediación cos propietarios para facilitar a venda ou o alugueiro para as persoas interesados.

Igualmente, o Concello conta con catro vivendas sociais que poden ser alugadas cun prezo reducido para quen o solicite. Tres delas foron recuperadas con fondos propios e outra cunha achega da Xunta. Ademais, neste momento está a recuperar unha quinta vivenda, un proceso necesario ao que o Goberno local quere sumar novos inmobles, reclamando para isto a colaboración da Xunta. Pois, destaca, a demanda de vivenda por parte de persoas que se queren instalar na localidade supera amplamente á oferta existente.

Lourenzá e Meira: a vitalidade da provincia lucense

Na provincia de Lugo hai varios casos de concellos rurais que amosan unha vitalidade por riba da media. É o caso, por exemplo de Lourenzá, que dende o 2019 vén mantendo a súa cifra de habitantes nun contexto xeral de descensos, pasando de 2.140 nese ano a 2.098 cinco anos máis tarde. A esa estabilidade contribuíu un elevado número de nacementos (65 en cinco anos), unha cifra notable para unha localidade de dous mil habitantes.

De feito, aínda que sexa unicamente a xeito de anécdota, o primeiro neno nacido na Mariña neste 2025 foi o dunha familia da localidade, o pequeno Adam, fillo dunha familia de orixe marroquí que reside dende hai anos en Lourenzá.

En Lourenzá dende o 2015 goberna Rocío López García, do PSdeG-PSOE, que nese ano acabou con décadas de xestión do PP e encadeou a primeira de tres maiorías absolutas. Na súa xestión destacan as axudas para a rehabilitación de vivendas do casco histórico da localidade e a vitalidade económica da localidade, que nos últimos anos atraeu un importante número de traballadores e traballadoras de orixe estranxeira, que representan xa o 9% da poboación do concello.

Poderíase facer unha análise semellante no caso de Meira, un pequeno concello de 1.756 habitantes que dende o 2018 (1.711) vén mantendo e mesmo aumentando a súa poboación. A iso contribúe a súa proximidade á capital provincial (35 minutos) e o seu notable número de nacementos: 30 en só tres anos, entre 2021 e 2023. 

A localidade tamén comezou a recibir unha cantidade importante de persoas procedentes do estranxeiro, que xa supoñen o 12,6% da poboación. Gobernada por Antonio de Dios Álvarez (PSdeG) dende o 2015, forma parte do GDR Montes e Vales, que puxo en marcha unha páxina web para informar das vivendas dispoñibles e das posibilidades do emprendemento de negocios."                 (Marcos Pérez Pena , Praza.gal , 19/01/25)

No hay comentarios: