"As axudas para silvicultura convócaronse en 2015 e
resolvénse agora, durante a campaña electoral. O Goberno di que foi
debido ao elevado número de solicitantes, entre outros factores.
A Consellería de Medio Rural responde a información
adiantada por GC, segundo a cal concedeu axudas para previr incendios
en montes que xa arderon. A Xunta non contradí ningún dos puntos
publicados por este xornal, pero explica os motivos de que as
subvencións de silvicultura se concedesen agora -en época electoral- malia seren convocadas en 2015 e relativiza o impacto dos 9 meses que tardou en resolver a burocracia.
Así, a Consellería argumenta que se trata “da primeira orde destas
características que se publica ao abeiro do novo Programa de
Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, polo que foi preciso adaptar a
súa tramitación ao establecido por este PDR, o que provocou que se
dilatara o proceso”.
Ademais, asegura que tardou tanto en resolver non
por cálculos electoralistas senón porque recibiu moitas solicitudes, unhas 1.000, das que di aprobou 400.
“Hai que ter en conta que de cada expediente houbo que solicitar
información complementaria e que é preciso o control previo, sobre o
terreo, por parte de dous funcionarios”, argumenta.
Xustifica esta lea burocrática o feito de que as axudas estean resoltas
para montes subvencionados puidesen ter ardido xa neste verán? En
opinión da Xunta, o problema non é tal pois “dos 400 expedientes
aprobados, arredor do 80% estiveron en condicións de comezar as actuacións xa en xuño, unha vez recibida a comunicación expresa de que podían levalos a cabo (tras a preceptiva comprobación in situ)”.
Isto implica que a Xunta admite entre liñas que o 20% dos
subvencionados, polo menos, non estaba en condicións de facer os
traballos -como cortalumes- a tempo de que empezara a tempada de
incendios.
Seguramente a algún beneficiario desta liña para traballos de
silvicultura lle pasou o mesmo que a mancomunidade de montes de Arbo.
Estes comuneiros denunciaron
publicamente que recibiron axudas para prevención -a través doutra liña
de subvención tamén convocada en 2015, pero non resolta até xullo- pero
o monte ardeulle antes de que poideran executar os traballos.
En todo caso, Medio Rural relativiza o problema de que
haxa subvencionados que agora non saben que facer cos cartos públicos
porque o monte xa lles ardeu. “Hai 2 millóns de hectáreas forestais, e a
inmensa maioría delas segue en condicións e tendo que seren
xestionadas”, explican dende San Caetano." (Galicia Confidencial, 14/09/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario