"Entre 2003 e 2015 perto de 50.000 mozos
galegos con titulación universitaria tiveron que coller as maletas para
traballar noutros territorios do Estado, nomeadamente Madrid e
Catalunya, tamén destinos clásicos doutra emigración, a dos anos 50 e
60, que baleirou non poucas zonas do noso territorio. Eses 50.000
licenciados que tiveron que emigrar neses trece anos supón unha media de
10 licenciados cada día abandonando o noso país.
Entre 2003 e 2010, e segundo un estudo de González Laxe publicado no seu día pola Revista Galega de Economía,
foron 40.000 os licenciados universitarios que emigraron. Ademais, e
segundo dados da Consellaría de Economía, entre 2011 e 2015 o número de
titulados que tiveron que coller o camiño da emigración foi de perto de
9.900.
A emigración das persoas licenciadas débese aos baixos salarios que
hai en Galiza en comparanza cos outros territorios do Estado español e a
que no noso país a propia estrutura económica non é quen de absorve
todo este traballo cualificado, o que si acontece noutras zonas, como as
mencionadas Madrid e Catalunya, mais tamén Euskadi, Valencia... Incluso
territorios como Castela-León. Esta comunidade recibiu entre 2003 e
2010 a 2.336 licenciados universitarios galegos.
En cinco anos marcharon 43.000 persoas mozas
Non semella que sexa unha tendencia que vaia a menos. De feito, en
2015 emigraron 2.259 licenciados, a cifra máis alta dos últimos anos,
onde o número dos que marchaban non superaba os 2.000 xóvenes. En 2014,
por exemplo, foron 1.929 e en 2013, por volta de 1.700.
Os cálculos apontan a que cada ano a metade dos licenciados das
universidades galegas deben coller o camiño da emigración. E esta é só
unha parte da emigración xuvenil que sofre Galiza. Así, en 2015
marcharon do noso país un total de 9.000 mozos. De 2011 a 2015 esa cifra
foi de 43.300. Toda unha hipoteca ao futuro demografico, social e
económico como país." (
Sermos Galiza, 17/09/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario