"Todos os trens que prestan o servizo Celta entre Vigo e Porto contan
desde este luns co sistema de seguridade ASFA dixital, máis avanzado que
o ASFA analóxico que equipaba o tren que o pasado 9 de setembro
descarrilou no Porriño por un exceso de velocidade morrendo catro
persoas, entre elas o maquinista.
A instalación do sistema máis avanzado, que puido evitar o accidente, foi decidida por Comboios de Portugal, segundo revela o xornal luso Público e confirmou a Praza.gal un maquinista.
No accidente do Porriño o tren circulaba a 118 quilómetros por hora, a velocidade habitual ao paso pola vila, na que non fai parada. Porén, o
día do accidente Adif decidiu comprobar o funcionamento dos desvíos da
estación e orientou o tren cara unha vía secundaria pola que tiña que
circular a un máximo de 30 quilómetros por hora.
Segundo as comprobacións realizadas polos investigadores, os sinais previos indicáronlle ao maquinista ese desvío, pero por motivos aínda non aclarados o condutor non reduciu a velocidade
e o tren descarrilou.
A bordo do tren, o sistema ASFA (Anuncio de
Sinais e Freado Automático) analóxico avisa ao maquinista do sinal
existente na vía e este ten que pulsar un botón conforme é consciente
desa orde ou do contrario o convoi detense.
Porén, unha vez pulsado ese
botón de recoñecemento do sinal, o ASFA analóxico non frea o tren se non
o fai o maquinista, mentres que o ASFA dixital si adecúa a velocidade
ao que indica o sinal aínda que non o faga o condutor.
En todo o parque ferroviario español hai anos que se vén substituíndo paulatinamente o ASFA analóxico polo dixital. Porén, segundo relata Público e confirma un maquinista a este diario, só
a metade dos trens que Renfe lle alugou a Comboios para prestar servizo
na liña Vigo-Porto viran xa mellorado o sistema, distinto en todo caso
do que funciona en Portugal. Logo do accidente do Porriño, a
operadora portuguesa vén de incorporar, xusto un mes despois, o ASFA
dixital ao total dos trens alugados a Renfe para realizar o servizo de
xeito conxunto." (Praza pública, 10/10/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario