"O Sindicato Labrego Galego vén
de rexistrar un escrito de queixa dirixido á Valedora no que se
denuncia o "abandono de funcións" da Xunta ante os ataques de lobo e
xabarín. O sindicato alerta de que os ataques da fauna salvaxe a
explotacións agrogandeiras constitúen "un problema case estrutural" que
ante a falta de resposta do Goberno galego está a ser "custeado polas
propias granxas". Cualifica a situación de "gravísimo problema" e
subliña que "a Xunta segue sen facer nada para solucionalo a pesar de
ser coñecedora do feito".
O SLG critica a baixa contía das compensacións económicas, que só
cobren "unha mínima porcentaxe do perdido" e chegan "tras superar un
labirinto burocrático e unha espera de tres anos ou máis". O
sindicato advirte igualmente de que os únicos danos polos que se poden
reclamar estas "cativas indemnizacións" son os producidos por lobos ou
xabarís, quedando sen ningún tipo de cobertura outros moi comúns, coma os provocados por corzos, corvos ou cans salvaxes.
Para
o Sindicato Labrego Galego, a única solución posible é que a Xunta
"asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola
fauna salvaxe, cubrindo o 100% dos mesmos e o lucro cesante provocado".
Para ilustrar esta problemática, o SLG organizou este martes dúas visitas a granxas afectadas polos ataques do xabaril no concello da Estrada. Xosé
Manuel Gestoso, gandeiro de Santeles (A Estrada), calcula que este ano
os xabaríns provocaron estragos en 3 das 30 hectáras de millo da súa
propiedade, un 10% da colleita. “Estamos aburridos de denunciar. Algúns
pediron axuda, e concedéronlla; a outros, non. E pagan tarde, mal e
arrastra, supoñendo que paguen. Algunha solución teñen que buscarlle
porque isto só pode ir a peor”, denuncia Gestoso.
Unha situación semellante é a que sufriu Rosa Basteiro
na súa granxa da parroquia de Codeseda (A Estrada). “A Administración
fai ouvidos xordos ás nosas queixas e sentímonos totalmente indefensos. O
xabarín estraga os regadíos, os prados, o millo, as patacas, a horta...
Levamos padecendo este problema dende hai 25 anos", di. Rosa Basteiro
afirma que solicitou compensacións da Xunta hai dous anos, cando os
xabaríns lle estragaron a metade dunha finca: “Cumprimos todos os
requisitos e rexistramos a solicitude en prazo pero, a día de hoxe,
aínda non tivemos contestación”, denuncia.
O eucalipto, parte do problema
O sindicato engade que a extensión do eucalipto está a incrementar a voracidade do xabarín, ao deixar este animal sen alimento. Está
a implantarse un tipo de bosques de monocultivo de eucalipto nos que
estes animais non se poden alimentar -ao contrario doutras especies
arbóreas coma o castiñeiro ou as do xénero quercus (carballo, sobreira,
aciñeira, etc.)-, obrigando os animais buscar a súa supervivencia
atacando os cultivos. O SLG apunta finalmente que "a caza non é a
solución", pois “non só non contribúe a solucionar os problemas; senón
máis ben a agravalos, socializalos e dificultar a súa solución. As
competencias de protección da fauna -e da súa xestión- son públicas e
administrativas, sen que sexa admisible que a Xunta mire para outro
lado”
Hai dúas semanas ADEGA presentou un informe sobre a presenza do lobo en Galicia e os prexuízos que causa nas explotacións gandeiras,
denunciando que "a desatención da Administración ante este problema
xera unha frustración e desanimo que finalmente, case sempre, acábase
cebando co lobo". (Praza Pública, 11/09/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario