"O persoal mobilizado na CRTVG contra a manipulación informativa e o deterioro dos medios públicos de Galicia está
a facer xirar este trixésimo venres negro de protesta arredor da figura
do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do que intentan
que se pronuncie persoalmente sobre o conflito.
Para intentar conseguir máis visibilidade social e política, as
protestas chegarán tamén o vindeiro mércores, 19 de decembro,
coincidindo coa xornada de folga de 24 horas convocada tamén para ese
día, ás portas do Parlamento de Galicia. Desde alí, tras unha
concentración, sairá unha manifestación polas rúas de Santiago “para
facer visible á cidadanía os problemas que sofren os medios públicos
galegos e facer partícipes a todas aquelas persoas que desexen prestar o
seu apoio”.
Nesa liña de intentar que Feijóo se pronuncie sobre
as protestas na CRTVG, este xoves, unha vez rematada a súa habitual
rolda de prensa tras a reunión semanal do seu Goberno, un reporteiro
gráfico de RTVE, cuxo persoal segue a apoiar ao dos medios autonómicos tras a súa propia desmobilización,
preguntou ao presidente se ía facer algún comentario a respecto de que
se fose celebrar xa o venres negro número 30.
“Eu contestáballe con
moito interese, o que pasa é que a miña obriga é contestarlle aos
periodistas”, dixo o presidente. Posteriormente o Colexio de Xornalistas de Galicia tomoulle a palabra e na súa conta de Twitter
reiteroulle a Feijóo a pregunta de se ten previsto tomar algunha medida
ou lle merece algún comentario o venres negro número 30.
Sobre a falta de cumprimento por parte do Goberno galego da lei medios
públicos que debera mellorar a independencia da CRTVG xa foi preguntado o
presidente por Praza.gal o pasado xuño, cando só se levaban celebrados catro venres negros. “Eu non dirixo a TVG”, foi a resposta de Feijóo para desentenderse do cumprimento da lei que el mesmo impulsou en 2011.
Posteriormente, a Feijóo tamén se lle preguntou pola situación da CRTVG no Parlamento galego, onde o presidente dixo que “o de TVE non é o modelo serio, independente e profesional da TVG”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario