"Nesta segunda entrega da serie de entrevistas a
inmigrantes, 'Chegada: Galicia', a protagonista da conversa é Wei Wei,
unha moza que veu dende o país asiático por negocios e que acabou
montando un pequeno bar na Coruña. Este é un espazo que pretende ser
casa para os demais inmigrantes chinos e plataforma onde converxan as
culturas. Eis a súa ollada de Galicia.
En Galicia viven na actualidade máis de tres mil habitantes chinos. Á
par da globalización, os seus característicos bazares fóronse espallando
por todas as cidades galegas, e agora tamén polas vilas. Igualmente, a
comida asiática colleu azos nos últimos tempos. Sempre se di deles que
traballan longas xornadas laborais, que nunca baixan as reixas dos seus negocios, que viven por e para eles. Canto do que sabemos son tópicos? Seralles difícil fuxir deles unha vez que chegan?
Desta volta, a protagonista da serie de entrevistas 'Chegada: Galicia' é Wei Wei, unha rapaza nova que deixou a súa cidade de 20 millóns de habitantes, Tianjin,
preto de Beijing, para se instalar primeiro en Madrid, logo en Santiago
e Vigo, e finalmente na Coruña. Ela fixo estudos universitarios en
China e empregouse nunha empresa do país, pero o seu xefe quixo investir
no estranxeiro. O seu traballo permitiulle viaxar moito e a súa primeira entrada en Galicia foi no ano 2009. Facendo camiño polo mundo acabou nun máster en Dirección de Empresas na USC e logo nunha empresa china de enerxías renovables emprazada en Madrid.
SOMERXERSE E CONVERXER
Di que lle gusta a aventura, coñecer culturas.
Finalmente deixouse caer nun pequeno bar da Coruña que durante moito
tempo se chamou café Traba, un histórico xa na Rúa Juan Flórez. Mais o
un de setembro deste mesmo ano o Traba deixou de ser o Traba para se
converter en Meet Aquí, o nome co que Wei Wei presentaba seu novo proxecto. "Tiven un só mes para buscar local e piso, pero son unha chica que se adapta rápido", defínese sorrinte.
Wei Wei non leva máis dun ano falando español, pero desenvólvese con
soltura nesta lingua. Conta que antes de abrir o bar non tiña a
oportunidade de charlar coa veciñanza do lugar no que vivía. "Só
conversaba con xente de negocio, e só o facía en inglés, entón non tiña
nin idea da vida de Galicia. Era como unha turista máis", relata. Agora,
o bar animouna e obrigouna a tomar un maior contacto coa xente do
barrio. Porque puido ter mudado o nome, pero os grupiños de señoras
maiores que se achegaban todas as tardes tomar o café ao Traba non
perderon a tradición, agora no Meet Aquí. "Noto que a vida dos maiores é
mellor que a dos xóvenes, máis relaxada...", observa.
"Intento conversar cos veciños, e moitos falan en galego comigo.
Gústalles moito, charlan sen parar!", vai contando. "O meu sobriño
tamén trae todas as semanas da escola un libro en galego, e eu intento
lelo con el, pero é un traballo!", ri. O contacto coa lingua vai
sucedendo aos poucos no seu día a día. Unha das súas teimas é facer do
Meet Aquí unha plataforma onde a cultura galega e a china converxan.
"Eu quérolle presentar aos galegos como vivimos os chinos aquí e quero
que este sexa tamén o lugar para os inmigrantes chinos. Moitos son moi
novos, non teñen experiencia de vivir fóra e poden sentirse tristes. Se
un día botan de menos a súa familia, eu quero que poidan vir tomar unha
sopa quente".
CHINA E GALICIA: DOUS RITMOS DE VIDA
"En China todo é moi distinto, traballamos moito, máis de oito horas ao día". Segundo relata, é un país que cambia todos os días, nin ela mesma lle dá pillado o ritmo, e menos dende a distancia. "China ata para nós é demasiado rápida.
Cando regresas de volta xa o notas. Custa porque non só tes que
adaptarte aquí, senón que tamén tes que adaptarte alá cando volvemos".
A ollos de Wei Wei, Galicia é lenta, tranquila. Mentres mira pasar
xente pola ventá da súa cafetería, a moza vai contando as súas
impresións: "Sentinme moi relaxada cando viñen aquí, os ritmos de
traballo van despacio. Iso nos primeiros anos facíame sentir feliz, tiña
máis tempo para desfrutar, pero despois duns meses xa me notaba
aburrida. Cando paseo pola rúa sinto que todo está tan relaxado que falta enerxía. En
China todos os días entran ideas novas e non se perde o tempo para
pensar. Todos os días temos enerxía nova, todos os días nos movemos moi
rápido. Aquí fáltame algo".
Esa enerxía da que fala Wei Wei xorde dun "lume moi quente"
que os empuxa a avanzar, explica ela. Nace dentro de cada persoa, de
cada familia. Tamén pensa que hai costumes e valores que a cultura china
debería adquirir da nosa: "Nós non discutimos, cando charlamos e temos
opinións distintas, non as expoñemos. Iso necesitamos aprendelo. Saber
falar as cousas aínda que pensemos diferente".
O sistema educativo no que Wei Wei foi educada non fomenta tanto a
liberdade de expresión como unha competitividade superlativa. "É costume
competir entre nós. Se eu teño un coche e o meu veciño ten outro
mellor, iso méteme presión para obter un aínda mellor ca o deles". No
colexio eran uns 40 alumnos por aula e durante un tempo viviu interna na
propia escola. "É moito máis duro ca aquí. Eu só lía, estudaba e
escoitaba música. Non me daba tempo a facer deporte. Cando cheguei aquí e vin que cada persoa tiña o seu hobby deportivo...", di alucinada.
"TEMOS QUE ADAPTARNOS TODOS OS DÍAS"
Wei Wei conta que a xente de aquí lle parece aberta e amable, mais
pensa que non se coñece ben a China nin á poboación china. "Só se sabe a
información da tele e do periódico, non teñen puntos de vista
distintos", di. Deles mesmos, pensa que son máis calados e reservados ca
os galegos, pero que tamén se creou certo estereotipo en torno á súa
maneira de ser. "A maioría dos donos dos bazares non charlan e quedan na
caixa. Iso dá unha imaxe dos chinos de que somos un grupo pechado, pero non é sempre así", reivindica.
Na súa cafetería, Wei Wei prepara conversas para practicar idiomas.
"Quedando na casa non charlas coa xente. Veñen aquí, toman unha taza de
café, e se teñen a oportunidade, intercambian linguas", explica. A esta
rapaza non lle gustan moito as cidades, e se ben case sempre viviu en
urbes, di ser "unha chica de campo". "Gústame a vida, o tempo en Galicia, gústame ter un negocio, pero non só para gañar diñeiro, senón tamén para difrutalo".
"Adaptarnos? Sempre nos temos que adaptar, todos os días. Pero o
sistema educativo tamén nos aprendeu a ser capaces de aceptar as cousas
moi rápido", comenta. A súa curtiña experiencia de camareira
estáselle facendo algo complicada, pero Wei Wei sempre ten as
ferramentas adecuadas para seguir cara adiante. É unha rapaza enérxica,
estratéxica, coas ideas claras e coas súas raíces moi presentes en todo
canto fai. "Cando vexo algo chino salto: 'Ala, é a miña China!'. Chámame
a atención", conta riseira." (Uxía Iglesias, Galicia Confidencial, 20/12/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario