"O coronavirus está a supoñer un desafío a nivel social en moitos campos, un reto ao que non escapan nin o dó nin os servizos funerarios.
A despedida dos seres queridos, para moitos tan necesaria para aceptar a
súa marcha, adquire se cabe maior complexidade polas medidas adoptadas
para tentar conter a pandemia. As funerarias da Mariña Lucense tamén
se preparan para situacións novas, a fin de evitar o risco de contaxio e
garantir a seguridade de traballadores e familiares, ademais de
posibilitar que estes últimos poidan despedir aos seus defuntos coa
maior dignidade posible.
Para os seres queridos dos falecidos por coronavirus espera un proceso complexo
de dó, pois na inmensa maioría dos casos non poderán despedirse dos
familiares, illados nos hospitais para evitar contaxiar a enfermidade.
“É certo que non hai un xeito de levar un dó e cada un escolle un xeito”, expón Carmen Rubiños, psicóloga que dirixe o centro de maiores de Ribadeo.
“Algunhas persoas necesitan tocar e bicar e outras prefiren non facelo,
pero nós tentamos dentro dese respecto á individualidade favorecer as
despedidas”, indica.
“Hai moitas persoas, aquelas que necesitan ver e tocar, que van pasar
por unha experiencia terrible. Os psicólogos temos maneiras de
traballar sobre esta forma non escollida de levar un dó. Cando fas algo
voluntariamente, as consecuencias psicolóxicas son menores; cando te tes
que despedir dalguén por obriga, e ademais non o podes ver, porque esa
persoa estivo confinada no hospital, iso é duro. O familiar non veu ao seu defunto nin no momento da morte nin antes porque estaba no hospital; é algo moi antinatural“, prosegue.
Rubiños remarca que “hai recursos” para axudar esas persoas, pero prevé “unha cantidade importante de complicacións arredor do dó, de patoloxías debido a esta situación”.
DESPROTECCIÓN
“Eu podería comparalo quizais coas viúvas dos mariñeiros, cando se van ao mar e non volven, e o cadáver non aparece; non hai un lugar onde facer unha ofrenda. É un sentimento de indefensión, de frustración, de impotencia, esa situación de desprotección.
Como o tería pasado, sentiríase só neses momentos, tería dor? Son as
preguntas que se soen facer esas persoas. Non estás acompañando ao teu
familiar; non só sufres porque non está senón tamén porque non sabes
como estaba”, remarca.
Para tentar aliviar dalgunha maneira a dor, a psicóloga apunta “un lado positivo do que partir. Ese sacrificio enorme de non poder despedirme evita contaxios, hai que velo así polo ben común”, conclúe.
NOVA NORMATIVA PARA AS FUNERARIAS
As empresas afrontan un desafío. Co decreto do estado de alarma, as funerarias seguen agora a normativa da Policía Mortuoria a
nivel estatal, que permite agora “enterrar ou incinerar os mortos antes
das 24 horas, cando anteriormente non era posible”, explica Víctor Pernas, de Funerarias A Mariña.
Nos casos de coronavirus, “temos que tomar unha serie de medidas e
precaucións en canto ao transporte desde o hospital, co correspondente
selado, e ás distancias, por exemplo”, indica.
A nova normativa de aplicación impide manipular ningún cadáver para evitar contaxios, polo que queda prohibida calquera práctica de tanatocracia ou tanatoestética.
Isto, expón Pernas, supón algúns dilemas. “Hai defuntos que teñen
marcapasos e antes podiamos quitárllelo para incineralos, pero agora
haberá que enterralos”, argumenta. Pernas está molesto porque ao longo
dos últimos días “desde o Goberno central cambiaron as directrices
varias veces”, o que supón “incerteza” para as empresas. (...)" (Ramón González, Xornal da Mariña, 25/03/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario