"O Sergas está a prescindir de profesionais sanitarias contratadas para as plantas de pacientes con COVID-19 ao
ver que diminúe o número de enfermos e baixa un pouco a presión
asistencial após manter a esas profesionais traballando baixo un estrés
moi superior ao habitual.
Así o denuncian diferentes colectivos, como Prosagap Sindicato de Profesionais da Saúde de Galiza) ou CIG Saúde. Este sindicato reclama que se realicen contratos "estábeis" para todas as profesionais sanitarias
durante a crise do coronavirus e cesen a dinámica de renovar cada 15
días uns contratos en precario que lles serven para tapar o que en
condicións normais son despedimentos.
"Reforzaron as áreas de COVID-19 con máis persoal e agora teñen menos pacientes. Até o de agora traballouse con moitísimo estrés e moita carga asistencial.
É lamentábel prescindir do persoal en lugar de permitir que se preste
unha mellor atención ás pacientes", asevera a secretaria nacional da CIG
Saúde, María Xosé Abuín, a Nós Diario.
Na mesma liña está a denuncia do sindicato Prosagap (Profesionais da Sanidade Pública Galega), que esta quinta feira enviou un comunicado denunciando que a xerencia da área sanitaria de Compostela rescindiu o contrato de varias profesionais que xa tiñan asinada unha prórroga por outros 15 días.
"Estas profesionais, a maioría de enfermaría, estaban a traballar en plantas COVID-19 e
tiñan asinada unha ampliación do seu contrato desde o 16 ata o 30. Onte
mesmo se lles comunicou que ditas ampliacións quedaban anuladas de
forma unilateral", explican desde Prosagap, que aseguran que a xerencia lles respostou: "Neste momento sobra xente, pero non desbotamos que nuns días teñamos que volver chamar".
Contratos eliminados
Xosé Manuel Marcote, secretario comarcal da CIG Saúde de Compostela salienta en conversa con Nós Diario que
esta práctica do Sergas non é nova, comezou "cando se intensificaron os
recortes". "Os contratos de acumulación de tarefas lle serven ao Sergas
para todo", explica.
De feito, Marcote confirma que o Sergas foi máis aló e chegou a "borrar" do seu programa interno de xestión "contratos asinados" á
vez que se comunicaba á profesional en cuestión que ese contrato
quedaba rescindido. Desta maneira, o contrato non figura no sistema e
non se pode demostrar esa rescisión.
CIG Saúde critica que a xerencia de Compostela pretende "ir
parcheando" en lugar de manter ao persoal e rotalo en diferentes
servizos para evitar "queimalo". "Están exprimindo á xente contratada e
non pensan nos riscos psicosociais que iso ten no persoal, aínda que
recoñecen que a xente está nerviosa", abunda Marcote. " (Nós, 16/04/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario