17/7/20

Radiografía económica de Galicia... Peor que hai dez anos... suspenso sen paliativos para toda unha década

 

"Hai catro anos realizaba en Tempos Novos unha avaliación da nosa recuperación da Grande Recesión de 2009 utilizando unha ducia de indicadores económicos. Sostiña daquela que o mesmo catecismo neoliberal que nos metera naquela explosiva burbulla financeira fora quen de facerse coa xestión da súa saída. 

A cousa ten mérito. E que, como cabería esperar, mentres a produción de riqueza recuperaba os niveis pre-crise a súa distribución estaba a ser a cada paso máis desigual. Catro anos máis tarde, é oportuno repetir a radiografía xa para toda unha década. 

Ten aínda máis interese o facelo. Non só porque dez anos xa non son moco de pavo do que vai facendo ou non un país, senón porque neste 2020 ímonos enfrontar a unha Grande Depresión derivada do confinamento e parálise que se fixeron precisos pola pandemia da covid-19.
A pregunta é clara: estamos hoxe en mellor situación que hai dez anos para enfrontar unha crise económica e social sen precedentes? Para darlle ó lector a miña (breve) resposta, sintetizo nun cadro os mesmos doce indicadores económicos que usara hai catro anos, agrupados en tres bloques e para tres anos (inicial, intermedio e final).

Nun primeiro bloque de riqueza e emprego inclúo catro indicadores relevantes. Respecto do PIB (o volume da riqueza anual producida en Galicia) vemos como o noso peso actual na economía española é menor que o que tiñamos hai dez anos. Non só iso: en relación á media da UE, a riqueza por habitante é hoxe inferior á que tiñamos en 2009. Menor tamaño e menor riqueza por habitante relativos a España e á UE. 

Aínda é peor a situación relativa ao emprego: temos menos cota no emprego total da economía española. Iso no cuantitativo, porque no cualitativo (calidade do emprego, estabilidade, temporalidade, tempo parcial, desalarización) o certo é que as rendas salariais teñen hoxe unha cota inferior no PIB do que sucedía hai dez anos. Nos catro indicadores deste bloque a avaliación é negativa.

No segundo bloque de catro indicadores recollemos o relativo ó desemprego. No que é malo (peso dos parados galegos en España) medramos respecto a 2009, e no que sería bo (peso da poboación activa) minguamos. Isto último fala de emigración. Con esta dupla desfeita a taxa de paro coa que enfrontamos a Grande Depresión de 2020 mesmo é máis alta que a que tiñamos ó encetar a Grande Recesión de 2009. 

Só un indicador presenta unha lixeira melloría: o da taxa de paro xuvenil. Pero é unha melloría pírrica, con emigración dos mozos, porque falamos de taxas do 28 % que en calquera país civilizado deberan tomarse como síntoma dun rotundo fracaso colectivo. Digamos pois que dos catro puntos avaliados neste segundo bloque Galicia só anotaría medio punto positivo.

E xa no terceiro bloque recollemos outros catro indicadores a respecto da competitividade da nosa economía. No éxito na captación de investimentos do exterior, (IDE) se ben a nosa cota en España vai medrando nestes dez anos, o seu nivel está aínda moi por baixo do que temos en PIB (2,9 fronte a 5,2). Só nisto teriamos, xa que logo, medio punto positivo. Porque tanto no esforzo en investigación e desenvolvemento tecnolóxico (I+D) como na cota que temos nas empresas exportadoras españolas as cifras relativas actuais son peores que as de hai dez anos. Daquela non debe sorprender que o déficit da nosa balanza exterior en bens e servizos siga a ser negativa e agravándose nos últimos catro anos.

A radiografía económica é daquela negativa para dez dos doce indicadores. E só é dubidosa (sen chegar a positiva) nos outros dous. Acadaríamos un punto sobre doce posibles: suspenso sen paliativos para toda unha década.

O lector coñece agora a miña resposta á pregunta que nos faciamos. Claro que de seguido viría outra non menos importante: habería outra folla de ruta a ensaiar para que cando saiamos desta Grande Depresión do 2020 evitásemos outro suspenso sen paliativos aló polo 2030?."             (Albino Prada é membro de ECOBAS, Tempos Dixital, 26/06/20)

No hay comentarios: