"A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e o Concello de Malpica preparan para este vindeiro venres 21 de agosto unha cita singular. Unha homenaxe aos tres homes que foron deportados ao campo de concentración nazi de Mauthausen: Antonio Suárez Blanco, "Coruña, Luís Rodríguez Villa, "Luís de Rogita", e Antonio Fariña Chouciño, "Antonio da Rosa”.
”Por un lado, queremos renderlles homenaxe a estes veciños, que forman parte da historia do noso municipio. Polo outro, queremos que a cidadanía de Malpica e, sobre todo, os mozos e mozas, saiban o que pasou naquela época histórica”, explicaba o alcalde Walter Pardo.
A súa é a historia de tres mariñeiros que, como outros moiros sufriron as penalidades do exilio nos campos de Francia. Alí, loitaron xunto aos aliados na Segunda Guerra Mundial, pero foron detidos e levados a Mauthausen, onde sufriron os horrores do campo de exterminio.
Antonio Suárez Blanco, "Coruña”: naceu en Malpica de Bergantiños o día 6 de maio do 1907. Era mariñeiro e pertencía á CNT. Despois do golpe de estado de 1936, el e outros veciños tiveron que fuxir para evitar a represión. Marcharon a Francia, onde foron recluídos nun campo de refuxiados. Posteriormente, coa ocupación nazi de Francia, Antonio Suárez Blanco foi capturado e enviado ao campo de exterminio de Mathausen e trasladado ao campo de Gusen. Conseguiu sobrevivir e foi liberado o 5 de maio do 1945.
Luís Rodríguez Villar, "Luís de Rogita": era membro do sindicato de obreiros de Malpica da CNT. Tivo que fuxir e conseguiu cruzar a fronteira francesa na procura de asilo o 7 de febreiro do 1939 xunto con miles de refuxiados. Luís Rodríguez Villar estivo nos campos de Argelès, San Ciprián e Barcarés. Tomou parte na Segunda Guerra Mundial e, despois de pasar por un stalag en Silesia, foi deportado a Mathausen o 24 de xaneiro de 1941. Foi liberado o 5 de maio do 1945 e permaneceu en Francia. Regresou a Malpica en agosto de 1978.
Antonio Fariña Chouciño, "Antonio da Rosa": irmán de Francisco da
Rosa, co que fuxe na embarcación “San Adrián”. En agosto do 1939 está no
campo de Argelès en Francia. Máis tarde, en Angouleme. Foi deportado a
Mauthausen en agosto do 1940, e morreu en Gusen o 6 de maio do 1941. El
foi un dos 10 finados nos campos de Mauthausen e Gusen da Costa da Morte. " (Que pasa na costa, 13/08/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario