25/8/20

A tres semanas para que comecen as clases en setembro, a comunidade educativa non ten máis información sobre o que vai acontecer que as declaracións inconsistentes que distintos membros do goberno da Xunta. Para xustificar a súa inxustificábel decisión de non baixar ratios nin contratar reforzos de profesorado, espalla mitos que acaban por prender na opinión pública. Velaquí os mitos da consellería de educación...

 "(...) A tres semanas para que comecen as clases en setembro, a comunidade educativa non ten máis información sobre o que vai acontecer que as declaracións inconsistentes que distintos membros do goberno da Xunta soltan de cando en vez nuns poucos medios de comunicación escollidos. (...)

Para xustificar a súa inxustificábel decisión de non baixar ratios nin contratar reforzos de profesorado e PND (persoal non docente), viran a presión cara todo o que teñen ao seu redor: concellos, goberno central e, por último, profesorado, espallando mitos que acaban por prender na opinión pública. Perante un inicio de curso que se prevé longo e moi complicado, cómpre desmitificar algunhas desas cuestións sobre as que a consellería non quere dar demasiada información.

Velaquí os mitos da consellería de educación:

-Os profesores non queren que reabran as escolas. Queremos traballar na casa porque foi unha experiencia fantástica estar dispoñíbeis 24/7 para nais, pais e alumnado, dar as clases cos fillos no colo, quedar toda a noite buscando novas formas de traballar os estándares a distancia, autoformarse en novas tecnoloxías, pagar recursos do noso peto, adaptar a programación de cada curso a unha situación nunca antes vivida e sentir que todo ese traballo se facía no abandono máis absoluto.

-A Xunta reforzou aulas e profesorado. Iso foi o que lemos a semana pasada en La Voz de Galicia, incluída unha infografía que amosaba O ACTUAL NÚMERO DE UNIDADES E PROFESORES en cada centro educativo e os etiquetaba como se fosen novas contratacións. A infografía desapareceu da web do xornal tras a denuncia dos sindicatos; porén, a debida rectificación por publicar información completamente falsa nunca chegou.

-O alumnado vai estar protexido nos “grupos de convivencia estábel”. Este nome, que non é máis ca un eufemismo artellado pola conselleira para xustificar que non se baixen ratios seguindo as recomendacións da OMS e do Ministerio de Sanidad español, é o equivalente aos “grupos” da antiga normalidade: se o curso pasado un grupo tiña 27 estudantes, este ano tamén os terá. O que non explica o protocolo da Xunta é que vai acontecer con eses grupos estábeis cando cada estudante cambie de aula para cursar as súas correspondentes optativas, ou no recreo, ou no comedor, ou nas casas de moitas familias nas que conviven irmáns de distintos grupos de convivencia xa non tan estábel. 

Dun xeito semellante, o protocolo tamén indica que a distancia dentro da aula vai ser como mínimo dun metro entre alumnos (lonxe do 1,5 que recomenda a OMS), pero cando nos detemos a ler a letra pequena descubrimos que ese metro se vai medir desde o centro dunha cadeira até o centro da cadeira do lado: na práctica iso quere dicir que a separación entre estudantes vai ser de aproximadamente 65 centímetros, sempre e cando pasen todas as horas de clase sentadiños dereitos, mirando sempre á fronte, sen se mover e falando baixo, o que choca coa realidade de calquera aula, quer de primaria quer de secundaria, e o que ningún mestre quere desde os tempos en que nas nosas aulas se deixou de dar Formación del Espíritu Nacional.

-Nos países nórdicos reabriron as escolas, non hai contaxios, e todo marcha estupendamente. Esta noticia non é estritamente falsa, o que é falsario é facer comparacións entre sistemas educativos que teñen pouco ou nada que ver: segundo o Instituto de Estatística da UNESCO, Noruega, Suecia, Dinamarca e Islandia destinan entre un 7,5 e un 9% do seu PIB ao orzamento de educación, fronte ao 4,2% que destina España, e a ratio de alumnado por clase é moito menor cá media da OCDE. De nos comparar con algún país que reabriu as aulas, tería moito máis sentido facelo cos Estados Unidos, que destinan un 5% do seu PIB a educación e teñen unhas ratios semellante ás galegas (en secundaria, 25,7 estudantes por aula segundo a OCDE). 

No estado americano de Georgia, un dos primeiros en abrir escolas malia a repunta de casos de COVID-19, case 1.200 estudantes e profesores tiveron que volver para a casa dúas semanas despois da reapertura por mor de numerosos surtos da enfermidade nos centros educativos. A brillante solución das autoridades foi amoestar os estudantes que compartisen fotos de corredores ateigados ou aulas onde non se respectaban as medidas de seguridade, do cal seguro que os nosos xestores tomaron boa nota.

-A mellor opción agora mesmo é o ensino semipresencial. Tristemente, o ensino semipresencial ou 100% online non son opcións, porque na Galiza non se dan as condicións obxectivas de conciliación que require ese tipo de ensino, polo que estamos ante un debate que consume moito tempo e só serve para desviar a atención da realidade: a única forma de comezar o curso (e probabelmente tamén de rematalo) é facelo nos centros de ensino, e a única forma de comezar o curso nos centros de ensino é contar con aulas, profesorado e PND abondo para que a volta sexa segura para toda a comunidade.

-Todo está nas mans do profesorado. Desde que o señor Feijóo anunciou por sorpresa o peche dos centros de ensino en marzo, foron constantes as apelacións á voluntariedade dos e das profesoras para sacar adiante o curso e para preparar o novo ano. Opinólogos e expertos que non pisaran unha aula na vida verteron ríos de tinta que apelaban á vocación e ao mito do “bo profesor”, aquel que é á vez instrutor, pai, médico, psicólogo e abnegado votante dos bos xestores. 

Esas chamadas á vocación, que adoito se escoitan tamén dentro da comunidade educativa, ocultan un dos problemas máis perentorios para a supervivencia do ensino público: a desprofesionalización. A día de hoxe, segue a ser un misterio (ou se cadra non tanto) que haxa profesións ás que se lles require vocación, como a enfermería ou o maxisterio, mentres se lles nega o recoñecemento profesional. A vocación, entendida como paixón polo traballo propio, está moi ben para quen a teña, pero nunca pode substituír a dignidade profesional e a defensa dos dereitos de profesorado e alumnado.

Fronte a estes mitos alentados desde a consellería e espallados en medios e redes sociais, está o feito incontestábel de que o profesorado galego, a través da representación sindical, leva desde o mes de abril a pedir diálogo para establecer un protocolo específico para o novo curso, e aportando suxestións por medio de distintas canles. 

 Primeiro dixéronnos que nos tiñamos que centrar na 3ª avaliación telemática; logo (xa en maio) que o importante era que o alumnado superase o curso 19/20 e despois xa se vería; en xuño, coa relaxación do confinamento e a convocatoria de eleccións, Feijóo agochou debaixo da alfombra os conselleiros incómodos, e nada volvemos saber de Carmen Pomar até a semana posterior á vitoria electoral, cando anunciou triunfante o seu protocolo Zero Zero: sen consenso pero tamén sen gasto.

A unha semana de volver recibir alumnado nos centros para os exames de setembro, aínda non sabemos como ou cando se van facer os test serolóxicos que se anunciaron para toda a comunidade educativa, quen fará parte dos malfadados Equipos COVID de cada centro e que formación recibirán (alén de saber que seremos membros do profesorado, e non persoal sanitario). Non sabemos sequera que pasará nos centros no caso de se detectar positivos no entorno dalgún docente, PND ou estudante, algo moi probábel tendo en conta as repuntas dalgunhas áreas sanitarias. 

 Preparámonos para un curso cheo de incertezas, e cando tentamos resolver as nosas dúbidas só recibimos a sombra da sospeita: somos os grumetes que levan desde o 13 de marzo tentando manter este Titanic a flote a base de baldear auga, e mentres tanto, o capitán que non viu vir o iceberg sinálanos co dedo e bérralle a todo aquel que queira escoitalo que a culpa é nosa, que non temos vocación."                        (Patricia A. Janeiro, eldiario.es, 22/08/20)

No hay comentarios: