16/12/20

"Tiveron tempo dende marzo para reforzar as residencias con persoal e non fixeron nada. Isto non tería que estar pasando"

 "O pasado 27 de outubro a Xunta interveu a 'Residencia Geriátrica Salvatierra', en Salvaterra do Miño cando o centro sumaba 110 persoas contaxiadas de coronavirus (84 entre os usuarios e usuarias e 26 entre o persoal).

 Aínda a día de hoxe o número de casos activos achégase aos cen (64 entre as persoas residentes e 27 entre o persoal). Nos últimos días a asociación Trega (Traballador@s de Residencias de Galicia) denunciou ante a Xunta as malas condicións existentes nesta residencia, a pesar da intervención do Goberno galego 

A entidade alertou por exemplo de que pola falta de persoal, o 90% das usuarias e usuarias do centro presentan úlceras provocadas pola inmobilidade (non hai traballadoras suficientes para realizar cambios posturais cada poucas horas ou para mudarlles os cueiros coa frecuencia necesaria)

Ao igual que en moitas outras residencias de maiores galegas, as eivas xa existían anteriormente, moito antes da pandemia, e así o vén denunciando esta asociación, pero os contaxios de coronavirus de moitas das traballadoras (ou as obrigadas corentenas que deben gardar outras) reduciron aínda máis o persoal, facendo máis difícil o traballo do persoal e máis indignas as condicións dos residentes.

Nun momento no que sería necesario incrementar o persoal para garantir así unha mellor protección fronte ao coronavirus, a realidade é que o número de traballadoras en moitas residencias é inferior ao que existía antes de marzo. A falta de persoal é unha das razóns de que se sigan a producir centos de contaxios en moitos centros e de que continúe a producirse un goteo incesantes de mortes, ao redor do 40% de todos os falecementos derivados da Covid-19, tanto na primeira coma na segunda onda. 

A estes problemas únense deficiencias estruturais nas súas instalacións, con colchóns moi degradados, camas deterioradas, baños con humidades e fendas, solucións chapuceiras para pendurar as bolsas intravenosas e evidentes problemas de falta de hixiene. Na denuncia de Trega detállase que, por exemplo, só se conta con dúas palanganas para o aseo de ao redor de 30 residentes, que non hai sabas suficientes para cambiar as camas coa frecuencia necesaria, ou que falta roupa para que os maiores se muden, tendo que usar as mesmas prendas varios días seguidos. De igual xeito, a falta de persoal obriga a realizar o traballo de limpeza dos maiores polas noites, tendo que interromper o seu sono.

A situación en Salvaterra pode ser peor que noutras instalacións, pero as deficiencias esténdense a moitas outras residencias. A Xunta de Galicia ten a obriga de supervisar estas instalacións para garantir o seu correcto funcionamento, tanto as de xestión pública coma as de xestión privada ou concertada. Algo que, segundo veñen denunciando dende hai tempo entidades como Trega ou REDE (asociación de usuarios de residencias e dos seus familiares), non está a suceder, sinalando a responsabilidade dos servizos de Inspección da Consellaría de Política Social, "un dos órganos claramente responsables da impunidade coa que viñeron actuando e alardeando unha boa parte das residencias e as súas empresas xestoras en Galicia no últimos once anos, os que coinciden coa chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta en 2009", di REDE.

Sonia Jalda, unha das voceiras de Trega, explica que aínda non recibiron resposta das consellarías de Sanidade e Política Social, ás que remitiron o escrito de denuncia, e que aseguraron que investigarían o que está a suceder na residencia de Salvaterra. Jalda pon o foco, precisamente, na falta de control por parte do Goberno galego: "a Xunta ten a obriga de velar pola calidade do servizo, pola saúde e o benestar das persoas maiores que están nesa residencia e pola dignidade laboral das traballadoras, pero non o fai", di, e fai fincapé na inutilidade das inspeccións realizadas pola Consellaría de Política Social: "As inspeccións nunca atopan nada, porque avisan previamente ás residencias de que se van realizar" 

De igual xeito, Sonia Jalda alerta sobre a falta de efectividade das intervencións realizadas pola Xunta nas residencias nas que se detectara un gran número de casos de coronavirus, unhas "intervencións telemáticas", como as define, que non se traducen en moitos casos na incorporación de máis persoal nin na mellora dos medios e recursos cos que contan residentes e persoal. "Ao comprobar as condicións que hai en Salvaterra dúas semanas despois da intervención da Consellaría, queda claro que a pesar da intervención, a Xunta non entrou a ver esa residencia" , di.

Jalda lembra tamén os casos doutras residencias intervidas e cun gran número de positivos, coma a de DomusVi en Ribadumia (71 casos entre usuarios e 29 entre as traballadoras), na que se seguen a producir denuncias pola falta de persoal, con empregadas que están obrigadas a dobrar quendas ou con reforzos de persoal que chegan a custa de reducir o número de traballadoras noutros centros do mesmo grupo: "Traballadoras de DomusVi de Lalín, Ourense e Aldán que están traballando agora en Ribadumia. Isto non pode ocorrer, non poder desvestir unha residencia para vestir outra", di.

A pesar diso, a conselleira de Política Social, Fabiola García afirma que "a Xunta actúa con contundencia sempre que detecta situacións irregulares nas residencias". Así o dixo este mércores no Parlamento galego, onde tamén afirmou que "as residencias están máis preparadas ca nunca para facer fronte a posibles gromos".

Isto tamén é posto en dúbida polas asociacións de traballadoras e de familias e usuarios. "A situación é moito peor agora que antes. Tiveron tempo suficiente dende marzo para poder reforzar as residencias con persoal e non fixeron nada. Isto non tería que estar pasando", denuncia Sonia Jalda, que lembra que moitas residencias están funcionando con moitas menos traballadoras das necesarias, tanto polas carencias anteriores á pandemia coma polas baixas provocadas por contaxios e corentenas. "Son situacións que xa se viñan dando antes da pandemia, que nós levamos anos denunciando. E despois tiveron moitos meses para actuar. Todo o mundo estaba avisado de que no outono ía vir unha segunda onda da pandemia. E que se fixo? Non se fixo nada", denuncia. 

Jalda denuncia igualmente falta de equipos de protección e ausencia de formación para saber como usalos de forma axeitada. "Unha compañeira dunha residencia de DomusVi Lugo decidiu repartir as EPIs pola súa conta, xa que a dirección as tiña gardadas baixo chave e non autorizaba a distribuílas entre as traballadoras. Pero ela tiña a chave e decidiu repartilas entre as súas compañeiras. Díxolle á directora que llo retirase da nómina se quería, pero que o persoal non podía traballar sen EPIs", conta.

Na denuncia presentada por Trega ante a Xunta detállanse as difíciles condicións do seu traballo e que fan aínda máis necesario o contar con equipos de protección axeitados: "Moitos destes pacientes padecen graves deterioracións cognitivas, son pacientes psicoxeriátricos que polas súas patoloxías sofren crises, rabúñannos, cóspennos a comida á cara, agrídennos rompendo a protección da que estamos dotadas, polo que sen os EPIs adecuados vemos perigar a nosa integridade e saúde".

"Necesitamos un cambio de sistema de residencias, que teñen que ser públicas, dignas e de calidade", conclúe Sonia Jalda. "Os nosos maiores non poden estar abandonados nunha residencia con falta de persoal. Son persoas totalmente dependentes, que en moitos casos teñen un deterioro cognitivo severo e que necesitan uns coidados que por falta de persoal non se lles están dando", engade. "Hai moitos que non entenden o que está pasando, non entenden por que teñen que estar pechados, por que teñen que estar illados, por que non poden ver as súas familias. É moi duro para eles, e pode deixarlles secuelas moi graves", explica.

Jalda lamenta que "na primeira onde non aprendemos nada". "Pero espero que esta situación tan grave que está sucedendo sirva para que tomemos conciencia como sociedade da importancia dos nosos maiores, da importancia de que vivan de forma digna. É unha xeración que viviu unha guerra, unha postguerra, que pasou moitas penalidades e que non merece este trato", engade. E remata advertindo: "España e sobre todo Galicia son territorios moi envellecidos. Cada vez vivimos máis e non temos as condicións para dar unha vida digna ás persoas maiores"."                  (Marcos Pérez Pena , Praza Pública, 12/11/20)

No hay comentarios: