29/3/22

A Galicia que deixa Feixoo en cifras: 73.512 mozos galegos de entre 16 e 29 anos víronse obrigados a abandonar Galicia camiño da emigración entre 2009 e 2019... 23.213 autónomos desapareceron... 33.555 foron os empregos destruídos na industria... 15.986 explotacións gandeiras de bovino se perderon desde 2010... 7.760 millóns de euros é o incremento que experimentou a débeda pública galega... 74,8 millóns de euros menos de investimento ten a Atención Primaria... 359.800 galegos e galegas non puideron acudir ao dentista por carecer de medios económicos... 26.833 millóns de euros foi o aforro das galegas e galegos expatriado polo sector financeiro nos tres primeiros trimestres de 2021... 201 venres son os que levan protestando profesionais da TVG cos 'Venres negros', denunciando a manipulación informativa

 "Os datos non deixan lugar a dúbidas sobre os resultados da xestión de Núñez Feixoo na Xunta. Os diversos indicadores retratan unha Galiza con moito menos emprego, máis desigualdade e cunha fenda cada día maior coa media do Estado español e da Unión Europea. Nós Diario recolle as cifras destes últimos 13 anos de Feixoo.

 1) 73.512 mozas e mozos galegos de entre 16 e 29 anos víronse obrigados a abandonar a Galiza camiño da emigración entre 2009 e 2019. Segundo recolleu o Consello Económico e Social no seu informe sobre a empregabilidade da mocidade na Galiza, a maior parte dela, 48.298 persoas novas, desprazáronse a diversos puntos do Estado español, recalando o grupo máis numeroso en Madrid, sendo o destino de 24.214 outras partes do mundo, moi particularmente os países tradicionais de acollida da emigración galega en Europa.

 2) 23.213 autónomos desapareceron na Galiza desde marzo de 2009. Se nesa data o número de traballadoras e traballadores por conta propia ocupados chegaba a 231.158, a cifra reduciuse até 207.945 en febreiro de 2022. Neste sentido, 2010 -con 7.457 empregos menos-, 2011 -con 4.637 menos- e 2012 -con 3.173  menos- foron os peores anos para o colectivo, que non conseguiu recuperar as baixas nos exercicios seguintes. Así, resulta significativo que en ningunha anualidade deste período, agás en 2021, aumentou o número de empregados no réxime de autónomos.

 3) 33.555 foron os empregos destruídos na industria, habendo 154.860 persoas ocupadas neste sector en decembro de 2008 e 121.305 na actualidade. Así, A economía galega. Informe 2019/2020, un traballo elaborado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza (Idega) da USC, certifica a desaparición de 2.470 empresas no período e “reflicte unha preocupante caída na actividade industrial”, pasando o Índice de Produción Industrial (IPI) de 140,1 en 2007 a 105,1 en 2019 e marcando unha baixa de 35 puntos.

 4) 15.986 explotacións gandeiras de bovino son as que se perderon na Galiza desde 2010. Mentres nesa anualidade mantíñanse activas 45.268 explotacións de gando bovino -5.753 estaban centradas na ceba, 12.759 no leite, 24.584 na carne, 461 no leite e na carne e 79 na recría de xovencos- en 2020 contábase con 29.282 granxas de bovino, 3.295 das cales estaban dedicadas á ceba, 6.586 ao leite, 18.879 á carne, 461 ao leite e á carne e 79 á recría de xovencos.

 5) 7.760 millóns de euros é o incremento que experimentou a débeda pública galega desde que Núñez Feixoo chegou á Presidencia da Xunta. En 2008 a débeda estaba en 3.954 millóns, representaba 6,80% do Produto Interior Bruto (PIB) e unha carga para cada habitante de 1.429 euros. Doce anos máis tarde, a débeda pública chegou a 12.207 millóns, equivalendo a 18,72% do PIB e anotando unha contía de 3.680 euros por habitante.

Recortes sanitarios

6) 74,8 millóns de euros menos de investimento ten a Atención Primaria na actualidade a respecto de 2009. Mentres que nos orzamentos de 2022 a Xunta da Galiza consignaba 1.389 millóns de euros para a Primaria, en 2009 esa cifra era de 1.436 millóns, que coa suba do Índice de Prezos do Consumo (IPC) equivalerían hoxe a 1.619 millóns. Segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade para 2018, último ano con cifras, a Galiza destina á Atención Primaria 182,3 euros por habitante, situándose só por diante de Madrid e Illes Balears.

 7) 359.800 galegos e galegas non puideron acudir ao dentista por carecer de medios económicos para facer fronte ao pagamento da consulta. A Enquisa Europea de Saúde 2020 indicaba que 284.400 residentes na Galiza acudiran a unha consulta de odontoloxía nos últimos tres meses e 922.900 no último ano. Porén, 1.134.400 galegos e galegas afirmaban non ter recibido asistencia dental no último ano e 18.700 non ter acudido ao dentista en toda a súa vida.

Espolio económico

8) 2.696 millóns de euros foi o que ingresaron as empresas enerxéticas en 2021 polas plantas de xeración eléctrica que posúen na Galiza. As compañías máis beneficiadas por esta operativa foron Iberdrola, Naturgy, Endesa e Acciona, todas elas con sede fiscal en Madrid, onde tributan polos beneficios obtidos na Galiza. 28,1% do total da electricidade producida no país dedicouse á exportación, sendo a capital do Estado o territorio máis beneficiado.

 9) 26.833 millóns de euros foi o aforro das galegas e galegos expatriado polo sector financeiro nos tres primeiros trimestres de 2021. Segundo os datos do boletín do Banco de España, o total dos depósitos custodiados polos bancos con actividade na Galiza é de 74.481 millóns de euros, representando os créditos das mesmas entidades 47.648 millóns de euros, o que xera un fuga de capitais de capitais de 26.833 millóns.

 10) 201 sextas feiras son as que levan protestando profesionais da Corporación de Radio e Televisión da Galiza cos 'Venres negros', denunciando a manipulación informativa. Defende a Galega reivindica que a CRTVG cumpra a lei e exixe que se comporte como un verdadeiro medio público."                (Xacobe Ferreiro, Nós, 29/03/22)

No hay comentarios: