2/6/22

A precariedade dos coidados, en primeira persoa: "Imos traballar dopadas de paracetamol"... denuncian estrés, problemas musculoesqueléticos, dificultades na conciliación, soldos "indecentes" e un longo etcétera de abusos laborais por parte das grandes empresas privadas que xestionan o servizo en boa parte dos concellos galegos

 "A Isabel, que prefire non ser identificada co seu nome real, sempre lle gustou coidar da xente maior. "Crieime coa miña avoa", explica, "e ves a necesidade de axudar persoas que realmente o precisan, que están soas no seu día a día e que non se apañan para facer as cousas". Ela leva anos empregada no Servizo de Atención ao Fogar que a Xunta de Galicia ofrece ás persoas en situación de dependencia ou con dificultades para manexarse no básico. "É un traballo que require de moita paciencia e dedicación", describe. Que gratifica, pero que "come moito" física e psicoloxicamente.

Máis aínda cando estes coidados se exercen na invisibilidade e na precariedade á que se ven sometidas estas traballadoras. O sector está conformado por unhas 8.000 profesionais sociosanitarias, a maioría mulleres e un bo número delas migradas e racializadas, que denuncian estrés, problemas musculoesqueléticos, dificultades na conciliación, soldos "incedentes" e un longo etcétera de abusos laborais por parte das grandes empresas privadas que xestionan o servizo en boa parte dos concellos galegos

O DÍA A DÍA

Isabel chega ao seu primeiro domilicio ás nove e cuarto da mañá. Por diante quédalle unha longa xornada de traballo que non rematará ata máis alá das oito da tarde e na que pateará A Coruña para prestar os seus coidados nun total de entre seis e oito fogares. En cada domicilio, Isabel debe comprimir en moi pouco tempo todos os labores: mobilizar a persoa, dispensarlle as medicacións, aseala, vestila, axudala a comer, limpar, mudar sábanas... Todo está axustado ao milímetro. "Nas casas nas que saio de paseo coa usuaria, en menos de cinco minutos debo vestila e colocala na cadeira de rodas para baixar", explica. 

Só conta con dez minutos para ir duns domicilios a outros, que adoitan estar en diferentes puntos da cidade. "Mentres agardo un semáforo xa me marchou o tempo. Chegas suada, cansa, desesperada. No inverno acabo empapada", relata. "É unha vida moi axitada. Menos mal que me tocaron bos usuarios e familias que me entenden, pero tamén hai quen está mirando a hora exacta e che recrimina cinco minutos de retraso". Un ritmo frenético de traballo que tropeza coa humanidade, a paciencia e os tempos lentos que requiren os coidados. 

"Nós atendemos persoas, non máquinas", denuncia María, outra traballadora con máis de dez anos de experiencia no servizo de atención a domicilio da Coruña. "Non se trata só de cambiar un cueiro, as persoas precisan cariño e empatía", prosegue esta empregada, que lamenta tamén a actitude das empresas. "Non dan marxe para adaptarse á situación de cada usuario, e impiden que tomemos confianza con eles porque nos cambian continuamente de domicilios. Falta consideración, cos maiores e coas traballadoras, que somos a forza física e emocional desas persoas que xa non poden. Acabamos deteriorándonos moito", denuncia.

DEIXAR A SAÚDE NO TRABALLO

No corpo destas mulleres vanse amontoando as marcas do traballo a base de estrés e accidentes e enfermidades laborais non recoñecidas. "Cada dous por tres, unha colle unha tendinite, unha lumbalxia... E chega un momento en que o teu corpo di: ata aquí". Isto foi o que lle aconteceu a María, que tras anos convivindo con dores diarias, vén de chegarlle un informe no que a incapacitan para desenvolver este servizo, aínda que descoñece se de forma permanente ou revisable ao cabo dun ano. María sofre unha tendinite no hombro, unha lumbalxia e unha ernia que lle compromete a perna esquerda, ademais dunha estenose da canle medular. Identifica perfectamente esas tarefas nas que o seu corpo dixo 'ata aquí', pero a mutua non recoñece a súa vinculación co traballo. 

Isabel tamén sufriu varios accidentes laborais. O primeiro sucedeu cando a mandaron cabo dunha usuaria cuxo marido lle acababa de pegar. "Ela estaba moi alterada. Procurei mobilizala e colleume con tanta forza do meu brazo dereito que me rompeu un tendón do pulso", relata. Dende ese momento, Isabel está de baixa cada pouco tempo. A empresa asígnalle, sen informala con anterioridade da situación na que está cada usuario, persoas maiores con sobrepeso ou que teñen actitudes violentas coas traballadoras. "Nunha destas, outra usuaria pilloume o brazo que tiña mal coa cadeira de rodas e volvín caer de baixa. Coa man morada, a mutua díxome que tiña artrose. Nin se dignou a mirarme", denuncia. 

Recoñecer as enfermidades laborais, implementar axudas técnicas e dispoñer dun sistema de prevención de riscos, son, de feito, algunhas das maiores reivindicacións da Plataforma SAF Galiza, que reúne en torno a 500 traballadoras na loita polos seus dereitos laborais. "Imos traballar dopadas de paracetamol", sentenza María José Iglesias, membro da Plataforma e traballadora no Concello de Piñor, en Ourense. "Moi poucas camas están articuladas. As axudas técnicas son mínimas ou nulas, e ao final do día acumulamos traslados de 600 ou 700 quilos", explica. "Nalgunhas casas fas malabares para poder traballar", engade María.

Outra das reivindicación pasa porque as baixas por enfermidade sexan cobradas ao 100%, cousa que non acotece sequera coa covid, a pesar de seren traballadoras sociosanitarias. "Quen traballa a media xornada, se cae enferma por covid, ese mes non come", denuncia María José, que tamén lembra a falta de EPIs para as traballadoras durante a pandemia e a elevada exposición ao contaxio que sufriron no peor da pandemia. Isabel chegou a traballar en contacto con persoas positivas por Covid sen que a empresa a tivese avisado.

Máis alá da saúde física, moitas traballadoras trasladan que o seu labor tamén compromete a saúde mental. "É agobiante e traballas con moita presión. Houbo un tempo en que tiven moita ansiedade. Non me daba tempo nin a comer ben", sinala Isabel. O contexto de precariedade no que se moven non deixa oco tampouco para xestionar os "baleiros emocionais" - cualifica María - que quedan nas traballadoras cando algunha das persoas ás que atenden falecen.

VIVIR PARA TRABALLAR, TRABALLAR PARA NON VIVIR

Isabel é consciente de que aínda non está "apta" para traballar, pero non se pode permitir estar máis tempo de baixa con tan só 500 euros mensuais. "Non me queda outra, de que vou vivir? Morro de fame o mes que vén se non volvo traballar", explica. Nin ela nin María, empregadas da empresa OHL Servicios Ingesan, alcanzan un soldo de mil euros. "Non é un traballo nada ben pagado. Con horas extra, eu podía sacar en torno a 900 ou 920 euros a xornada completa", explica María, que denuncia tamén que a empresa só a deu de alta na Seguridade Social por media xornada durante todos estes anos. 

Boa parte dos 527 euros que recibe agora pola incapacidade van destinados só ao pago do aluguer. "Sobe a luz, sobe a auga... A onde vas? Solicitei bonos pero non tiven ningunha resposta aínda, pedín axuda para alimentos no Concello da Coruña e dinme que non hai nada. Como vivo soa...", relata María. Os baixos salarios do servizo de atención a domicilio da Xunta de Galicia coloca moitas traballadoras a rentes da pobreza. De feito, segundo datos de OxfamIntermon, o 32,5% das traballadoras remuneradas do fogar vive baixo o limiar da pobreza do Estado español. Delas, 1 de cada 6 está en situación de pobreza severa - vive con menos do equivalente a 16 euros diarios -. 

CLASISMO, MACHISMO E RACISMO

Unha das cousas que máis sofre Isabel son as inxustizas que ve no día a día: ter que atender ás presas a unha persoa que pasa os seus días en soidade para chegar a outro fogar onde, ademais dela, hai ata outras dúas auxiliares privadas. E é que este é un traballo atravesado, moitas veces, polo clasismo e a discriminación. "Hai xente que vive na extrema pobreza, e ao lado, xente que ten moita solvencia económica, e son precisamente as que te tratan tan mal, as que che obrigan a facer tantas cousas que non debes, as que abusan de ti", explica Isabel. Ela ten chegado a traballar as fins de semana para unha señora que, sinala, "movía influencias" na Xunta de Galicia e non aceptaba ningunha outra empregada que non fose Isabel. "Estábame matando e mateime. Agora véxome operada do tendón, co túnel carpiano estropeado...".

A ese clasismo do que son obxecto, súmase o racismo e o machismo de quen expón as traballadoras do fogar e de coidados a múltiples situacións de abuso e vulneración dos seus dereitos fundamentais. No primeiro día de traballo de Isabel, muller racializada, unha familiar da usuaria advertiuna de que á súa nai "non lle gustaba a xente de cor". Tamén María ten recibido comentarios racistas semellantes no seu traballo. "Denígrante con palabras, a min téñenme dito que me fora para a miña terra, pero procuro xestionalo de forma que non me afecte demasiado. Dígolles: 'ese idioma eu non o entendo", explica.

Isabel relata ter sufrido situacións de acoso sexual por parte dalgún usuario, pero deixa claro: "que unha persoa estea enferma nunca xustifica que che toque o cu, que che meta a man nunha teta ou que baixe o seu pantalón cada dous por tres". Ante este tipo de feitos, as traballadoras denuncian a impunidade e a falta de apoio e protocolos específicos para facerlles fronte.

DEMANDAS

Concello da Coruña, que adxudicou o servizo a Ingesan, empresa para a que traballan María e Isabel, non respondeu as preguntas formuladas por Galicia Confidencial a respecto das condicións laborais das traballadoras. A Xunta de Galicia, pola súa banda, desmárcase da problemática e di que se trata dun "recurso de competencia municipal".

Nas traballadoras, "aínda hai medo a denunciar as súas condicións". "Sempre está o 'que non se entere o alcalde, o xefe...', pero a pesar das dificultades estamos facéndonos visibles", sinala María José. E dende esa visibilidade, reclaman unha xubilación digna, unha mellor coordinación e comunicación entre empregadas, persoas usuarias e empresas, unha zonificación máis efectiva nas cidades ou maiores axudas para os desprazamentos en coche no rural. Piden, á fin, que o seu traballo, esencial para o desenvolvemento da vida, se valore e se respecte no marco dunha sociedade que dicía poñer os coidados no centro."                   (Uxía Iglesias , Galicia Confidencial, 27/05/22)

No hay comentarios: