"Anxo Lugilde, xornalista lugués con fortes vínculos con Cataluña, denuncia nesta entrevista o forte control informativo que exerce a Xunta sobre os medios de comunicación. Lugilde escribiu o libro "A Vella Compañeira", unha reflexión sobre as orixes e consecuencias da depresión que atravesou nos últimos tempos. Neste documento repasa cales foron os acelerantes do seu "baile" coa "vella compañeira", quen foi quen en cada paso cara o decaemento e quen foi quen cando houbo xente que o axudou nun proceso de recuperación que leva tempo.
-Como consegues manter tantos contactos de todas as cores e que
che teñan axudado, moitas veces, de maneira altruista? Porque mencionas
persoas con nomes e apelidos que van do PP, BNG e PSOE.
Eu diríao ao revés. Por que hai tanta maldade por parte das persoas que
non me apoian, das persoas que me perseguiron e fixeron a miña vida
imposible, agravando a miña depresión, comezando desde a Xunta. O
normal, o humano e o natural é o que fan as persoas coas que tés trato
desde hai moitos anos e nace unha relación cordial. O anormal, inmoral e
indecente é a persecución. A TVG aproveitou a miña depresión para
sacarme da pantalla.
-Iso fíxoo o director da CRTVG, Sánchez Izquierdo?
Non, Sánchez Izquierdo é un pobre home que cobra case 100.000 euros.
Ese home é unha pantalla, é o recadeiro mellor pagado de Europa. Todo
isto é porque Mar Sánchez, a Secretaria Xeral de Medios, ten peóns por
debaixo de Izquierdo, esas persoas son quen fan o traballo. Izquierdo
non fai nada, só ir ao Parlamento como iso, como recadeiro. Non
obstante, cando eu collín a baixa na TVG xusto polo episodio definitivo,
cando quedei en branco nun debate, aí non hai ningún cargo que me
axude. Hai unha compañeira de Protocolo que me di que ela si preguntara
por min, aínda que eu non lembro. Tamén é certo que ela non tiña ningún
cargo e seguramente lle dixen que eu estaba ben para non preocupala
porque eu non lembraba. En tal caso, dentro da TVG había tertulianos A,
que defendían o goberno (da Xunta) a quen coidaban ben. Iso é indecente,
se non falas ben de Feijóo te tratan mal na televisión pública? Se a un
tertuliano defensor de Feijóo lle chega a pasar o que a min, non sei se
iría velo mesmo o director xeral. Ese día chamoume só a perruqueira da
tele para saber como estaba porque era amiga miña. Ademais, durante o
tempo que estiven de baixa, nunca a TVG se interesou por min, outros
medios si, mesmo a Radio Galega que daquela aínda non estaba tan tomada.
Así pois, cando comuniquei que podía volver, pois dixeron “non” porque
aconteceran cambios. Por outra enfermidade podería ter denunciado,
podería ter acabado no Parlamento. No caso da depresión, que eu naquel
momento non saíra do armario, eu calei a boca e eles contaba con iso.
-Mencionas as amizades personais con xente da profesión, con
xente que te apoiou. Todas esas persoas non puideron servir de escudo
fronte a tanta maldade?
Algo si, por iso estou aquí. Núñez Feijóo, o Moderadísimo como lle
chamo eu aínda que con retranca, porque non ten nada de moderado, para
min é un extremista no exercicio da maioría absoluta. É unha cuestión de
epistemoloxía: “Como Casado es más radical, Feijóo es moderado”. É como
dicir que a coruña é unha cidade seca, porque chvoe menos que en
Santiago. A ver, o Moderadísimo non é o culpable da miña depresión, eu
xa a padecía moitos anos antes de ter a desgraza de coñecelo ou de comer
algunha vez con el. Feijóo é responsable do agravamento da mesma e no
que atinxe á TVG, unha das razóns do agravamento da miña depresión é o
mobbing ao que me someten. Durante os meses anteriores, a xefa de
informativos e o seu gran protexido andaban a poñerme de contraexemplo
aos tertulianos. O gran protexido, Marcos Sueiro, dicía que eu lle
chamara “franquista” en antena. Eu estaba absolutamente seguro de que
non o fixera, porque primeiro, non é o meu estilo e segundo, se o chego a
facer os vixilantes de seguridade acaban sacándome de alí. En tal caso,
eu non sabía a que se referían, pois a min tampouco mo dicían á cara.
Ao final, buscando e buscado, acabei por encontrar o programa, pois eu
coincidía con el. Era un programa onde se falaba de primarias, que non
facían falta as primarias e que “viva a dedocracia”. Eu díxenlle que xa
sabía que el cría no “ordeno y mando” e logo fixen un comentario sobre a
pervivencia na cultura política dos españois dos valores do franquismo,
isto polos corenta anos de dictadura e o modelo de transición. Dicir
isto a dicir que era un franquista hai unha diferenza. Este era o tipo
de mobbing que me facían.
-E todo isto sen dar a cara, sempre ás túas costas.
Tamén de fronte. Un día saía eu do plató e no corredor principal e a
xefa de informativos baixou como unha hidra toda alporizada: “Lugilde no
te soporto que siempre criticas a Rajoy”. Ese día tamén tiven unha
enganchada con Yolanda (Díaz) que ameazou con desacreditarme en
Barcelona e foi o último día que falei con ela. Non, non foi o último
día, doutra vez achegouse para falar comigo e eu respondín “xa me
chegou”. Durante un tempo tiven un “status” na TVG de “Anxo Lugilde el
único tertuliano del cual recibimos quejas de todos los partidos”. Logo
entre 2015 e 2016 o PP ve que a cousa se vai poñendo difícil en Madrid e
que ao mellor pode perder en Galicia, tamén desde as fotos de Marcial
Dorado en 2013 até que pasan as eleccións de 2016 non puideron realizar o
xiro que buscaban.
-Mais en Galicia teñen unha maioría absoluta, absolutísima, con corenta e dous deputados, Fraga tivera corenta e tres.
Si, que o PP teña un deputado máis tanto ten. Isto é produto da lei
Fraga pois se en vez dun 5% houbese un 3% de barreira, Galicia en Común
tería entrado, tanto por Pontevedra como pola Coruña. Volvendo ao que me
dicías antes, é normal ter relacións transversais en política. O que
non é normal é o actuar do presidente da Xunta, pois ao final, Mar
Sánchez é a cara B e brazo executor de Núñez Feijóo. Eu en 2008
publiquei algo que lle afectaba a ela e ela mesma recoñeceu a veracidade
do publicado. Así foi como entrei na lista negra, deixando de enviarme a
mensaxe de felicitación de Nadal polo móbil. A cousa foi que durante a
precampaña das municipais de 2007, co PP na oposición en Galicia. Foi
nunha visita de Feijóo a México, despois dun acto no Centro Galego, ao
presidente da entidade non se lle ocorre outra cousa que dar as grazas
polo cheque de axudas da Deputación de Pontevedra que lle trouxera, e
quen levou o papel foi ela. Sánchez Sierra estivera liberada na
Deputación de Pontevedra cando estaban (o PP) na oposición. Tamén existe
o caso doutro xornalista que foi liquidado nos medios públicos porque
cando estaba de garda nunha axencia, Mar Sánchez enviou un comunicado,
ao xornalista non lle pareceu interesante e non o publicou así que
quedou na lista negra.
-Quen é Mar Sánchez e por que ese odio e a lista negra?
Ela dirixe a comunicación en Galicia igual que se dirixen os colexios
reformatorios do Opus, igual. Moi amable e moi afable mentres non te
cruzas no seu camiño, porque senón, logo xa me contarás. Tamén acabou
sendo a persoa de máxima confianza de Feijóo desde que comezou a
traballar con el a comezos dos noventa na Consellería de Romay, logo
tamén foi con el ao Insalud e a Correos. É a única persoa que estivo
sempre con el, porque por exemplo Negreira non estivo no Insalud e agora
xa non está. Dicir que a maioría dos conselleiros lle teñen medo
físico, pánico.
-O panorama mediático galego é un deserto por culpa destas dúas persoas, Feijóo e Sánchez Sierra?
Si, mesmo dentro da prensa tradicional hai graos de depravación. Hai un
caso de depravación absoluta que non vou dicir, aquí paso de dar nomes
pois xa teño moitas frontes abertas para abrir máis. No libro conto que
un veterano do fraguismo, moi sabedor do que falaba, díxome: “esta falta
de críticas á Xunta non a había nin con Fraga”.
-Parecera que Feijóo tiña instrucións de borrar a pegada de Fraga na Xunta.
Non, non é iso. A crítica dos medios á Xunta é tan baixa que realmente
non hai crítica. Hai un control absoluto dos medios. Por iso dicían que
iso non pasaba nin con Fraga, nin siquera con el había tan pouca crítica
á Xunta. Fraga fora ministro de Información, que realmente era
propaganda, o máis xenuíno ministro de propaganda da ditadura
franquista. Este (Feijóo) pola contra, vai de moderno. A min pasoume de
encontrarme algún veterano da prensa e dicir “isto é peor que o
fraguismo” e, sinceramente, creo que xa non hai dúbidas.
-Cal é a razón desta persecución?
Pode ser que no meu caso haxa algún elemento como o de Feijóo buscando
que eu lle fixese a pelota, ao mellor si hai algo así. Mais é unha
concepción de febleza dos valores democráticos, a escola onde se formou,
a escola da propaganda. Este home é discípulo de Romay que era
discípulo de Fraga. Despois o Moderadísimo comezou a recibir clases de
Fraga e de Romay. Entón, a combinación das aprendizaxes dos “popes” da
propaganda franquista, unidas a unhas ideas democráticas manifestamente
mellorables, e a ausencia clamorosa do control por parte da
administración, sumado a un tempo de crise nos medios e a falta de
compromiso persoal, os poucos que nos fomos enfrontando iamos quedando
moi mal. Tampouco digo de pedirlle á xente heroicidades, mais toda esa
suma crea unha atmosfera abafante, como o acontecido cos actores de Fariña. Nacho Carretero dixérao en TV3, Touriñán en Praza, o produtor sacara un Twitt, e non hai nin unha pregunta parlamentaria?
-Será por aquilo que se dicía en tempos anteriores á Operación Nécora, “ningún partido está libre do diñeiro do narcotráfico”.
O que digo eu non ten a ver con iso, que puido ser. Aquí era cuestión
mediática, de preguntarlle á TVG por que os tres contratos apalabrados,
un con Touriñán, desapareceron. Eran contratos de series dramáticas, por
exemplo, e logo dicíanlles “non, agora decidimos facer series
históricas”. Creo que é un caso de incompetencia.
-Incompetencia parlamentaria neste caso.
Si, total e absoluta. Se mesmo até hai tres ou catro anos a maior parte
dos e das deputadas da oposición non sabían quen era Mar Sánchez. Polo
que eu sei, só unha vez foi a unha comisión, non sei se logo foi
convocada a outras máis e delegou en Alfonso Rueda. Hai un problema de
incompetencia e iso favorece que haxa unha falta de sentido democrático,
uns mestres da propaganda e uns medios en situación catatónica e unha
oposición que leva adormecida desde o 2009, agás casos puntuais.
-As subvencións son o opio que mantén adormecida á maiora da
prensa tradicional galega? Por outra parte, se se chega a cortar todo
tipo de axuda aos medios galegos, que sucedería?
Hai unha cousa moi pavera nalgún xornal, moi dependente desas
subvencións, que os días previos á toma de posesión do bipartito xa
falaba dese goberno co mesmo boato que antes falaba de Fraga. Tamén hai
que recoñecerlle ao Moderadísimo que fixo máis con menos, digo pola
crise. Sobre que pasaría, o que din os xestores de medios é “sen
subvencións desaparecería todo”. Os convenios da Xunta e consellerías
cos medios son para campañas que logo serven para xustificar os
movementos do fondos de reptís. Iso din eles, mais se se fai un
xornalismo de calidade ten que haber saída. Sucede que somos un país de
imbéciles? Esa idea de que en Galicia débese tratar á xente como menores
de idade, que non poden consumir produtos de calidade, eu non estou de
acordo con iso. Por tanto, o tránsito sería duro se se deixan as
subvencións. Algunha pode haber, mais a máxima broma é xa que as
subvencións da lingua sexan para quen son. Con todo, a cuestión segue
sendo a dependencia desas subvencións e aínda así, en Galicia tería que
poder subsistir un medio independente con calidade. En papel, os
proxectos que houbo, desde logo o último era lamentable, mais houbo
algún anterior como Diario de Galicia que estaba moi ben, igual era moi
ambicioso para o seu tempo, mais estaba moi ben. Por iso insisto, iso de
que os galegos non poden ou non saben consumir produtos mediáticos de
calidade non é certo, revélome contra esa idea.
-Unha cousa tamén sorprendente era estares vetado na RG durante
o bipartito e non así na TVG. Había quen falaba dun reparto BNG a radio
e PSOE a televisión.
Si, mais na RG había un certo peso do PSOE, un director que me tiña
vetado e un xefe de informativos que tamén. Un por razóns persoais non
sei se por envexa ou que e outro porque fora xefe de prensa dun político
que eu criticara. Na televisión non estiven vetado a partir de metade
de lexislatura ou así, ao comezo si tamén. Eu ir a debates tardei
abondo, ademais iso tamén vai con cotas de partido coas que eu non tiven
nada que ver.
-Ti cando caíches na conta de estares sufrindo unha depresión tan aguda?
Diagnosticáronma con dezaoito anos, mais logo de sabelo acabei caendo
na conta que era algo real e que viña desde os dezaseis máis ou menos.
-Puideches saber cales foron as causas ou a raíz da túa depresión?
Si, cando o proceso de separación e divorcio dos meus pais que me colle
nunha época difícil e nun lugar difícil que era Lugo, a miña cidade,
mais como eu son un pouco cáustico, direi que é unha cidade un tanto
medieval. Unha vez no mesmo día, nun organismo oficial e nun despacho
privado de Lugo pedín uns documentos meus de hai tempo, cando estaba
facendo o libro, e ambos os dous me pediron enviarlles un fax, unha
cousa que me deixou teso. Era para dicirlles, que é un fax? É anterior
ou posterior á muralla romana? Mais volvendo ao inicio da resposta, o
momento en que me revelo contra o sistema nacionalcatólico que había na
miña casa, xusto cando desaparecía por dimisión do titular, iso leveino
mal. Hai cousas que gardei por cuestións que afectaban a terceiros.
-Dentro desta depresión sendo como era e sendo ti consciente dela, sacar dúas carreiras e un doutorado, son tres victorias.
Tamén era unha maneira de ter ocupada a mente. Tamén as fixen en
períodos de tregua da vella compañeira, ademais de facelas para formarme
e pensar que esta sería a etapa da miña vida en que recollería os
froitos da miña formación. De momento non estou podendo mais a ver que
ocorre máis adiante.
-Cataluña dáseche moi ben.
Si e ademais hai unha cousa, eu non me chamo igual en Cataluña que en
Galicia. Xa fóra da pronunciación do Anxo, Ancho, porque aquí o
confunden, pois pensan que é como Antxon, e iso que o son do “x”
palatalizado en catalán existe na palabra “xarxa”, que significa “rede”.
Volvendo ao tema, en Galicia eu son Lugilde-Luxilde e en Cataluña eu
son El Anxo, El Ancho ou l´Anxo. E aínda que en Cataluña tamén ten o seu
caciquismo, sempre se valorou o traballo e eu eduqueime nese valor,
moito máis no traballo que “de parte de quen vés”. En Cataluña chegas a
unha tenda ás oito e un minuto e non ten atenden, son responsables no
traballo dentro do seu horario. En Galicia chégache un e acabas pechando
ás nove. Con todo, Cataluña ten os seus defectos e Galicia ten cousas
que son mellores. Tamén dicir isto, Cataluña foi o meu lugar de
resistencia profesionalmente primeiro porque sen La Vanguardia, eu xa
tería que cambiar de profesión. Eu nunca pensei en claudicar ante a
Xunta, porque o máis complicado aí foron as miñas críticas á TVG en
Twitter. Era por unha cuestión de principios, porque eu non quería
volver, xa o pasara moi mal. Xa cho digo, eu nunca pensei en claudicar
diante do autoritarismo informativo en Galicia. Puiden seguir
traballando como xornalista grazas a La Vanguardia, mais entre o que
deixei e me quitaron perdín case a metade dos meus ingresos e tamén me
axudou poñéndome en contacto co Hospital do Mar de Barcelona. En Galicia
non hai nada parecido á atención psiquiátrica do Hospital do Mar. Eu
que coñezo ben as dúas sanidades e por tanto dicir que a sanidade galega
é a mellor de España é unha trangallada que non hai por onde a collela.
-Como comezou o proceso de recuperación?
Creo que a depresión é a antesala da morte. A Beiras débolle o título
do libro, os emails marabillosos que me enviaba e ademais presentou o
meu libro en Santiago. Beiras contoume cousas moi interesantes e unha
delas é que “a depresión é a mandadeira da morte”. Vexo a antesala como a
grande sala onde a maioría queda, porque o seguinte é a morte. Si é
certo que a morte por suicidio está collendo niveis epidemiolóxicos, é
moi elevada, ao caeren os accidentes de tráfico é agora a primeira causa
de morte non natural. Sobre os datos que se dan sobre persoas con
depresión diagnosticada, uns dous millóns cando se falou disto no
Congreso, cifras moi altas, por tanto e afortunadamente hai moi pouca
xente con depresión que se suicida. Mais si que a gran maioría cando a
sofre ten desexos de morte. Chega un momento en que decides non vivir,
mais o proceso non é lineal. Nesta crise que me deu, a terceira en cinco
anos, estame costando moitísimo.
-Desta volta estás recibindo un apoio maior.
O que vou dicir non é unha crítica, non debe entenderse como unha
crítica. Quizais recibín máis apoios durante o verán de 2019 cando
participei nun ensaio clínico internacional. Sobre todo polas
circunstancias sociais, porque a xente tiña moita máis dispoñibilidade
para axudarche. Logo durante a pandemia a cousa foi moi complicada para
todo o mundo, as empresas ou as persoas. Aínda que eu estaba ben, con
moitos meses sen caer, cando a OMS declarou a pandemia, dixen “despois
da sorte que tiven coa medicina e do esforzo que fixen e agora estando
ben, quen enferma é o planeta”. A partir de aí o entorno fíxose máis
hostil, non porque a xente non quixera axudarme, senón porque xa non
había máis dispoñibilidade e eu funme pechando en min mesmo até que
explotei.
-E sobre o libro “A vella compañeira” cal é a análise da súa recepción?
Home, entrevistáronme case todos os xornais de papel, agás La Voz de
Galicia pola súa política, creo que a Rubido tampouco lle fixeron
ningunha polo seu libro, é unha política cos seus “ex”. É unha política
por deixar de renderlle pleitesía a don Santiago. En todos os dixitais
principais do país e en TVE tres veces, Euskal Telebista, TV3, Onda
Cero, Ser e RNE. Renxe moito que non chamasen nin fixesen ningunha
recensión, a Radio Galega e TVG, iso confirma o das listas negras e o do
control. Tamén estou certo de térenme feito máis publicidade coa súa
censura. Aínda así, sei que para os Sánchez Izquierdo e os sicarios de
Mar Sánchez non entenden que haxa xente cuxos principios non sexan os
cartos. Non podo aceptar o feito de estar censurado, autoimpúxenme a
misión de darlle visibilidade á depresión. Mais a min interésame facelo
en Galicia, porque son galego, mais dicir que a acollida do libro está
sendo moi boa. Fixen presentacións nas sete cidades durante épocas duras
da pandemia. Fun ao Club Faro de Vigo, Foro La Región de Ourense e polo
pouco que sei de vendas, en Galicia é satisfactorio. Así pois, a súa
censura me deu unha certa publicidade." ( Moncho Mariño, Galicia Confidencial, 24/02/2022)
No hay comentarios:
Publicar un comentario