28/6/22

Manuel Monge, sobre o colapso da A-6: "Non estamos ante un problema técnico, senón que ten unha raíz política".. ¿Que pasou? Houbo moitas demoras na construción das autovías galegas, e iso xerou unha présa desmedida para rematalas canto antes. É probábel que non se tomasen todas as medidas necesarias de seguridade... Ademais, na convocatoria que se fixo para os tramos da autovía en Pedrafita, posíbelmente dos máis complicados, fíxose unha rebaixa enorme, de máis de 25%. Non podes pedir rapidez para construír e ao mesmo tempo presentar uns orzamentos á baixa. Foron dous factores moi importantes que confluíron e que explican en boa medida onde nos atopamos hoxe... todo comezou coa construción desta autovía, após concederlla a FCC. Iso non foi casualidade. Curiosamente, o presidente desta empresa era José Mayor Oreja, irmán do ministro popular Jaime Mayor Oreja... anos despois coñecimos que existía unha caixa B do partido, cunha doazón desta empresa por valor de 108.000 euros para as eleccións galegas de 2005

 "Manuel Monge publicou en 1999 Autovías galegas: Crónica dunha farsa, un libro no que narra como foi o proceso de construción das principais infraestruturas da rede viaria galega e do papel que xogaron os principais actores políticos da época. Monge conversa con Nós Diario para explicar que implicacións teñen os Gobernos español e galego da época no colapso de dous vanos dun viaduto da A-6 á altura de Pedrafita do Cebreiro, así como a "farsa" que levan máis de 30 anos a actuar tanto PP como PSOE.

Vostede é un dos expertos máis documentados na Galiza en relación ás autovías do país. Sorprendeulle por completo que o viaduto da A-6 colapsase, ou era algo que se podía chegar a esperar? Na época da súa construción houbo varias protestas na que cualificaban a obra como "chapuza".

Cando un ve nas noticias o colapso dos dous vanos do viaduto, o primeiro que pode pensar a xente é que estamos ante un problema técnico. Nese sentido, os medios de comunicación desviaron a atención cara a ese aspecto. Pero eu lembrei un libro que publiquei en 1999, Autovías galegas: Crónica dunha farsa. Esa segunda parte do título penso que achega algunhas claves.

Non estamos ante un problema técnico, senón que ten unha raíz claramente política. Que pasou? Houbo moitas demoras na construción das autovías galegas, e iso xerou unha présa desmedida para rematalas canto antes. É probábel que non se tomasen todas as medidas necesarias de seguridade.

Ademais, na convocatoria que se fixo para os tramos da autovía en Pedrafita, posíbelmente dos máis complicados, fíxose unha rebaixa enorme, de máis de 25%. Non podes pedir rapidez para construír e ao mesmo tempo presentar uns orzamentos á baixa. Foron dous factores moi importantes que confluíron e que explican en boa medida onde nos atopamos hoxe.

A finais de 1995, o ministro de Fomento, Josep Borrell, prometera, xunto a José Cuíña, que as autovías galegas estarían rematadas en 1997. Pola contra, non foi precisamente até 1997 cando se comezou coa construción desta autovía, após concederlla a FCC. Iso non foi casualidade. Curiosamente, o presidente desta empresa era José Mayor Oreja, irmán do ministro popular Jaime Mayor Oreja. Curiosamente tamén, anos despois coñecimos, a través dun informe do xerente de finanzas do Partido Popular na Galiza, Modesto Fernández, que existía unha caixa B do partido, cunha doazón desta empresa por valor de 108.000 euros para as eleccións galegas de 2005.

Xa co Goberno de Aznar, os Orzamentos Xerais do Estado de 1998 tiñan previsto un investimento de 72.000 millóns de pesetas para os tramos da autovía en Pedrafita. Porén, finalmente o presupostado foi de 7.576 millóns de pesetas. A partir de aí, fixéronse acordos continuados entre PP e PSOE para botarse as culpas o un ao outro sen chegar a facer nada polas autovías galegas. Esa é a farsa da que falo eu no meu libro. Cando gobernaba o PSOE, o PP culpábao de non asumir as súas responsabilidades, e viceversa.

Xa en 2022, eses pactos entre o PP e o PSOE volven. O PP fai a farsa de pedir explicacións a Madrid, mentres o PSOE segue sen dalas, até que novamente quede en nada. Mentres tanto, a Xunta mantén unha posicion moi morna á hora de exixir responsabilidades, algo que si está a demandar o BNG.

Analizando toda esta información, é plausíbel prever que se poderían dar novos colapsos? Non só nesta autovía en concreto, senón que noutras do país.

É fundamental que se leva a cabo a comisión de investigación e seguimento que está a pedir o nacionalismo galego. Primeiro, porque debemos descubrir cales son as responsabilidades exactas do Goberno español e do galego da época, tanto por non construír nas condicións de seguridade mínimas como por non levar a cabo un seguimento axeitado das infraestruturas viarias.

Ademais, esa investigación non debe centrarse só no tramo de Pedrafita, senón que ten que estar enfocada a toda a rede viaria galega, así como outras infraestruturas de comunicación da mesma época. O colapso deses vanos pon en dúbida todas as construcións feitas desa maneira. Non se trata de pór en tela de xuízo as capacidades técnicas dos traballadores e traballadoras que participaron na construción, pero si dirimir as causas políticas, que son as que están de fondo neste asunto."              (Xosé Barros, Nós, 28/06/22)

No hay comentarios: