"Coñecemos o caso dunha familia á que enviaron unha orde de desafiuzamento para poder logo alugar ese piso moito máis caro. Os propietarios argumentaban que querían amañalo, pero estaba claro que, na zona de praia na que se situaba, o que buscaban era non renovar o contrato a esa familia para reorientar o piso ao sector do turismo”. Este relato que traslada a Xornal de Vigo María Pérez, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao, é paradigmático das problemáticas residenciais que se agochan tralo incremento imparable de aloxamentos de uso turísticos na cidade olívica.
E é que salvo en Ferrol e Ourense, no resto de urbes galegas as ofertas de aluguer vacacional xa superan con creces as de arrendamento para estancias longas de estudantado ou familias traballadoras. Son, en concreto, 14.512 vivendas rexistradas pola Xunta para uso turístico fronte ás 3.500 que poden alugarse de xeito tradicional agora mesmo en Galicia. O caso máis rechamante é o de Santiago, onde os pisos turísticos quintuplican os destinados a arrendamentos, mais a situación esténdese por diferentes localidades galegas e vívese con especial preocupación en Vigo, a cidade con maior demanda non atendida de vivenda protexida e onde “segue habendo desafiuzamentos todos os días sen que se tomen medidas”.
EXPULSIÓN DA VECIÑANZA
Ao mesmo tempo, tan só despois de Santiago e Sanxenxo, Vigo é a cidade que concentra o número máis alto de prazas en pisos de uso vacacional, case 3.000 segundo o rexistro da Xunta de Galicia. “Os efectos deste incremento son grandes en tanto que hai un problema estrutural de vivenda”, explica Pérez. “Non hai oferta pisos de protección oficial pero as administracións sacan adiante urbanizacións millonarias e chalets ao carón da praia aos que unha familia normal non pode acceder. Se a esta carencia xa de base sumamos que agora moitos se destinan a uso turístico, apaga e vámonos. Quedará todo o mundo na rúa”, denuncia.
O custo da vivenda en aluguer aumentou só no último trimestre en Galicia un 5%, o maior dato desde o mesmo mes do ano 2008. Esta repunta sentiuse en todas as cidades e mantén Vigo como a máis cara, cun prezo medio de 9 euros/m2, seguida pola Coruña (8,4 euros/m2), Compostela (7,7 euros/m2), Pontevedra (7,3 euros/m2), Lugo (6,3 euros/m2), Ourense (5,9 euros/m2) e Ferrol (5,1 euros/m2), segundo o último informe do portal inmobiliario Idealista. Alugueres escasos en cantidade e disparados no prezo conforman, así, a tormenta perfecta para que a busca de piso para estudantado e familias se convirta nunha auténtica odisea.
“Xa non só para quen non ten traballo”, detalla Pérez. “Co incremento do prezo da cesta da compra ou da luz, a xente mileurista tamén o está pasando mal. Quen pode pagar un apartamento dunha habitación por 550 euros?”, pregúntase. Este incremento de prezos, unido á proliferación de pisos turísticos, dan como resultado que “moita veciñanza marche cara ao extrarradio”.
Unha realidade ante a que a Federación de Asociacións pide unha “regulación específica” de apartamentos vacacionais e a promoción dun parque de vivenda público. “Non podemos dedicar pisos a turistas nunha cidade na que non hai vivenda para a veciñanza. Non estamos sobrados. Precisamos espazos para vivir”, pide Pérez, que urxe constituír unha “mesa pola vivenda” ante unha situación que cualifican como “insoportable” en canto a desafiuzamentos e “nulas” alternativas habitacionais.
SITUACIÓN “GRAVE” PARA QUEN ESTÁ EN RISCO
A asociación Os Ninguéns coincide na análise e nas demandas. Tras anos tratando con persoas que teñen dificultades para atopar ou pagar as súas vivendas, Antón Bouzas, o presidente do colectivo, asegura que os prezos e requisitos que hoxe en día esixen as propietarias de pisos provoca que as persoas en situación de pobreza ou risco teñan “moi difícil” o acceso a vivenda. “Non existen casas en aluguer para aquelas persoas, a meirande parte mulleres con crianzas, que non poden presentar avais bancarios ou depositar tres meses de fianza”, explica. Un “drama grave e triste” que avoca as persoas desafiuzadas á infravivenda ou a convivir con familiares en casas “pateira”.
Ante esta realidade coa que bate no día a día, Antón Bouzas denuncia a ausencia de políticas de desenvolvemento de vivenda pública e as “insuficientes” axudas económicas. Un “desleixo” que contrasta coas grandes campañas para atraer turismo durante o verán ou no Nadal e que provocan, explica, que moitas persoas propietarias vexan maiores posibilidades de rendemento no alguer do piso durante “tres ou catro meses a prezos moi altos” que de maneira indefinida a veciñanza da cidade que mantén rendas antigas. “Nalgúns pisos, os turistas chegan a pagar ata 600 euros por cinco noites”, sinalan neste sentido dende a Federación de Asociacións.
“VIGO PERDERÁ POBOACIÓN”
No eido político, tanto BNG como Marea de Vigo levan tempo demandando ao concello e á Xunta actuacións que poñan freo a este “fenómeno especulativo” que agudiza o xa “gravísimo” problema de acceso social á vivenda, tal e como sinalaba hai unhas semanas o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas. Nesa mesma intervención explicaba que o aumento “esaxerado” dos prezos “está detrás tamén da perda de poboación de Vigo, con 3 mil habitantes menos o ano pasado”, como reflicten os datos do Padrón Municipal.
Na mesma liña, Rubén Pérez, concelleiro da Marea de Vigo, fala en conversa co Xornal de Vigo dun “problema serio de substitución de poboación”: “Estamos xentrificando de maneira moi evidente o centro histórico e urbano, onde de súpeto familias con rendas antigas pasan a pagar 700 euros”.
Dende o grupo detectan que “van desaparecendo do mercado do alugueiro vivendas coa excusa de que van vivir nelas familiares; e ao pouco aparecen como pisos turísticos”. Tamén confirma a tendencia das familias a afastarse do centro, se ben asegura que o custo do transporte supón un novo obstáculo para elas: “Vivir en Ponteareas e traballar en Vigo segue sen ser rendible hoxe en día. Estamos nun círculo vicioso que atrapa moitas familias”.
Pérez demanda que as primeiras actuacións do Plan Xeral de Ordenación Urbana vaian encamiñadas a promover vivenda de protección oficial, xa que, denuncia, “vemos que o que interesa é sacar adiante o barrio do Cura, Beiramar, vivendas de segmento medio alto e de luxo”. Ao tempo, Pérez solicita ao Concello que presione á SAREB para a cesión de vivendas e fai referencia á nova lei de vivenda estatal que dará competencias para a contención de prezos aos concellos e que obrigará a construir parques públicos de vivenda. “A situación é preocupante. Se non se fai nada, imos perder poboación en Vigo. Está a darse a treboada perfecta para que as familias abandonen a cidade“, alerta." (Uxía Iglesias
No hay comentarios:
Publicar un comentario