"O problema da falta de médicas e médicos na Atención Primaria é coñecido e compartido en toda Galicia, mais en Pontevedra esta circunstancia afectou en maior medida, tanto que unha folga dos traballadores comezou a sobrevoar a área sanitaria durante o mes de xullo. A resposta última da Consellería de Sanidade foi levar ao xerente do Sergas, José Flores –médico formado nesta área–, do seu posto en San Lázaro ata a xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Un intento por salvar a situación cando xa parecía que o persoal sanitario non ía aguantar máis.
A remuda produciuse o pasado 4 de agosto e para Irene Pardo, médica do PAC de Bueu, é cedo para valorar os cambios. Con todo, agarda que o primeiro que mude sexa a maneira na que a xerencia se comunica coas e cos profesionais, para que non sexa todo ″unha política de feitos consumados″, que é o sistema empregado nestes últimos anos: ″Cada vez que a xerencia toma unha decisión que nos afecta dalgunha forma, nós sabémolo cando xa se produciu ese cambio e a decisión xa é firme″.
″O primeiro cambio que esperamos é que cando se necesite facer algunha modificación se informe aos traballadores, se escoite os matices desas decisións –que entendo que teñen que tomar os xestores– que os traballadores podemos aportar e que ata agora non se tiveron en conta. Ata o momento non se escoitaron as cousas que se levan ás reunións coa xerencia ou mesmo á Mesa Sectorial, en Pontevedra non tiveron en conta a opinión nin as ideas dos seus traballadores. Isto é o que nos levou a esta carencia tan absoluta de recursos humanos, pois chegamos a un punto no que a situación laboral é incompatible coa nosa vida persoal″, engade a médica de Bueu.
Obrigas que supoñen máis horas de traballo
Para comprender as reclamacións dos profesionais da Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés retrocedemos ata abril de 2021, cando despois dunha reunión presidida polo xerente da área naquela altura, José Ramón Gómez, na que participaron a directora asistencial, a directora médica de Atención Primaria e os xefes de servizo dos diferentes centros de saúde chegou ata os médico dos PAC que ían ter que realizar unha garda máis ao mes durante os meses de verán. ″Foi un comentario no corredor, nada oficial, e non se nos dixo nin cando, nin como, nin a costa de que ía ser esa garda″, apunta Irene Pardo.
A resposta foi dispar entre os equipos dos diferentes PAC pero, en calquera caso, todos reclamaron encaixar eles nos seus calendarios esa garda a maiores para organizarse. O seguinte que souberon foi que desde a xerencia se lles enviou un calendario ″sen tempo a alegar nada″, 15 días antes do primeiro mes afectado. ″A partir de aí foi todo en picado, comezaron a presionarnos cos calendarios para facer máis horas. Nunca tiñamos unha quenda estable e tampouco sabiamos cando ía rematar o cambio porque en principio era no verán, pero chegou outubro e seguiamos sen calendario en moitos centros e, nos que si había, coa certeza de que non se poderían cumprir porque non había persoal suficiente″, detalla a médica.
Neste punto, no outono do ano pasado, comezou unha nova etapa na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A ″etapa das obrigatoriedades″ marcou a mala comunicación entre a xerencia e os traballadores. ″Empezamos a recibir fax –que non burofax– nos nosos centros de traballo –a maior parte deles fóra da xornada laboral– que nos informaban da obrigación de presentarnos a traballar tales días en tal horario″, lembra Pardo. Axiña, isto derivou en ameazas aos médicos e médicas que non se presentaban a traballar porque non chegaban a saber que tiñan que facelo. ″Exercemos o noso dereito á desconexión dixital no noso tempo libre″, explica Irene Pardo.
De maneira tamén extraoficial, os
profesionais son coñecedores de que a xerencia intentou que o
departamento de inspección de traballo do Sergas tramitase expedientes por ausencia no posto de traballo,
cando foi o propio Sergas o que non empregou un sistema –o burofax– que
é habitual noutros casos e que serve para garantir a recepción desa
comunicación in extremis, pois podían avisar a un médico ás 11.00 da
mañá para incorporarse ás 15.00 horas estando saínte de garda, por
exemplo.
Á parte, a maioría dos médicos e médicas dos PAC desta área sanitaria recibiron ameazas por correo electrónico. ″A situación continuou ata o pasado Nadal, cando había un descuberto nun PAC xa sabiamos que había unha persoa que ía recibir unha obrigatoriedade. Ás veces facíano coa suficiente antelación como para que entre o momento da chegada da notificación ao centro de saúde e o momento da garda tiveras unha quenda de traballo e, estando alí, non te podes negar a recibir nada. Pero, insisto, en ningún momento houbo comunicacións oficiais por burofax″, debulla Pardo.
Calendarios laborais "flexibles"
Pedíronse reunións coa xerencia para atallar esta situación e finalmente recibiron aos representantes de todos os PAC: ″Dixéronnos que a situación era a que era, que tiñamos que apechugar e que eles ían poñer sempre o dereito á asistencia sanitaria da poboación por diante do noso dereito a conciliar″. Nesa xuntanza a xerencia trasladoulles que a partir dese momento os calendarios laborais ían ser ″flexibles″ e que as súas quendas de traballo íanse modificar ″en función de incidencias como baixas laborais, días de libre disposición, ausencias por fillos menores enfermos ou vacacións″. Tamén se lles informou de que terían que incrementar o número de horas traballadas ao mes ″de forma indefinida″.
Todo o persoal, tanto os médicos de Familia dos centros de saúde como os dos PAC están desbordados de horas de traballo nesta área sanitaria. ″Con todo o que implica que ti nunca saibas cando vas traballar a semana que vén, ou o mes que vén –incide Irene Pardo–. Non só é a conciliación cos fillos menores, é que non tes ningún tipo de control sobre o teu tempo. Hai unha incerteza constante″.
″En decembro, a directora asistencial dinos que os calendarios de traballo vainos facer ela porque hai un montón de PAC que teñen un problema de déficit estrutural de persoal e, como entende que a nós nos resulta complicado facelos, xa os fai ela. E mándanos uns calendarios que incumpren por completo o pacto de 2008 polo que nos temos que rexer ao non respectar as fines de semana libres e poñer gardas consecutivas sen unmínimo de 12 horas libres entre quendas. Van improvisando solucións como alterar as horas de entrada e saída. Cada vez que nós detectabamos un fallo, eles improvisaban unha solución. E a solución sempre pasa por cargarnos máis a nós ou por non facilitarnos a nós os cambios″, engade.
A "presenza mínima" no PAC
″Temos que aceptar eses calendarios porque non nos queda máis remedio″, asegura a médica de Bueu. Naquel tempo, algúns profesionais solicitaran unha redución de xornada por coidado de fillos menores e atopáranse con que o 90% das xornadas que lles tocaba traballar caían en venres, sábado e domingo. Irene Pardo considera que desde xaneiro deste ano xa foi todo ″en picado″ ata chegar a un novo concepto: a presenza mínima. ″Un PAC que tiña que ter en horario diúrno tres médicos pasou a ter un, pero cos mesmos pacientes. E isto non de maneira puntual. Chegamos ao extremo de que agora o anecdótico é que os PAC que teñen que contar con máis dun médico por quenda, de facto teñan máis dun médico. A norma xeral é que conten con un ou con cero″, aclara.
Así, repítense situacións similares á que houbo no PAC da Estrada o día no que unha persoa faleceu agardando a ser atendida por un médico. ″De momento non pasou nada, pero estamos expostos a que pase o da Estrada en calquera momento″, lamenta Irene Pardo. No PAC da cidade de Pontevedra, o da Parda, o centro queda sen presenza médica varias horas ao día con demasiada frecuencia. E é un PAC con moita demanda –así o manifestan os profesionais– porque a poboación está a sufrir tamén as carencias da atención ordinaria nos centros de saúde e acode máis ás urxencias do PAC. De feito, este martes, o Sergas informou de que os médicos de Familia de Sanxenxo só atenderán urxencias en agosto.
″Chega un momento no que non somos suficientes médicos e teñen que empezar a arriscar. Se teñen que deixar un sen médico é porque o PAC que está máis preto ten médico. Iso é o que arriscan. Deixan Cambados sen médico porque Vilagarcía si que o ten, ou Bueu sen médico porque Marín si que o ten, ou viceversa. Pero a situación de risco está aí. Que vendan que con esa presenza mínima se está garantindo a asistencia sanitaria é demagoxia pura e dura″, critica a médica do PAC de Bueu.
Sobrecarga dos médicos e médicas
Con este contexto, Irene Pardo explica que os médicos senten unha ″sobrecarga numérica″, xa que non é o mesmo ver 30 pacientes que 100. Aínda que todo sexan consultas de ″fácil diagnóstico e tratamento″. ″A outra sobrecarga é que teñas que estar de 17 a 24 horas sen levantarte da cadeira, sen parar a cabeza. Nós non pretendemos ir ás gardas a estar man sobre man, pero si que precisamos poder parar para comer, ir ao baño, comentar un caso coa enfermeira ou mesmo explicarlle algo ao residente, que son os últimos afectados por todo isto″, conta.
Por outro lado, está esa ″sobrecarga emocional da presión de ter vinte persoas nunha sala de espera, ás que non viches pero que sabes que están aí esperando por ti, cando de pronto te activan para saír a unha urxencia da que sabes que non volverás antes dunha hora″. E, a maiores, está esa sobrecarga pola ″incerteza permanente″ que implica que ata os taxistas saiban antes que os médicos a quen van ter que ir buscar no medio da súa xornada a un PAC para levalo a outro no que non hai médico.
″Obedecemos ata que hai xente que claudica porque non pode máis. Pero somos realistas, sabemos o que hai, sabemos que non hai ninguén para traballar. E isto non se vai solucionar cos residentes porque non foron capaces de reter nin un 20% dos residentes en Atención Primaria nos últimos anos. Eles tamén ven como é a situación e, no fondo, todos queremos poder facer ben o noso traballo″, argumenta Pardo.
A situación que describe Irene Pardo segue vixente hoxe, este martes a Plataforma pola defensa do centro de saúde do Seixo denunciaba nas súas redes sociais que as urxencias do PAC de Marín estaban pechadas
e tiñan un cartel na porta que derivaba as urxencias leves ao PAC de
Bueu e as graves ao Hospital Montecelo de Pontevedra. A médica de Bueu
salienta que hai ″solucións intermedias″ que poden adoptar desde a
xerencia sen pechar os PAC, pero como non escoitaron aos profesionais
neste tempo estas opcións non chegaron á dirección da área sanitaria,
que está en plena remuda despois da chegada de José Flores." (Ana G. Liste, Praza Pública, 17/08/22)
No hay comentarios:
Publicar un comentario