22/8/22

A residencia DomusVi de Monforte detecta dous casos de sarna e CCOO advirte carencias de "material básico" de hixiene

 "A residencia DomusVi de Monforte de Lemos vén de informar da detección de dous casos de sarna, que actualmente están a ser tratados e en illamento, segundo informaron desde esta entidade a Europa Press.

Nun comunicado, a residencia sinalou que seguen "estritos protocolos de hixiene e limpeza" e que contan co persoal "requirido" para poder realizar esas funcións, así como cos produtos precisos para iso.

Aliás, sinalaron que cando detectaron "posíbeis sintomatoloxías" compatíbeis con esta enfermidade, desde o centro contactaron co servizo de epidemioloxía e levaron a cabo o protocolo de actuación ante estes casos.

Falta de medios

En contraposición, tamén a través dun comunicado, o sindicato Comisións Obreiras denunciou a falta de persoal e medios e criticou a actitude de "pasividade" da empresa para facer fronte a esta situación.

Desta forma, e segundo CCOO, desde hai máis dun ano "falta persoal de enfermaría na quenda de noite", cuestión á que engadiron que "chegou a haber máis de 48 horas sen presenza efectiva".

A maiores, o sindicato asegurou que hai "falta de material básico como luvas, produtos de hixiene, roupa de cama ou produtos de limpeza", ao que engadiu que "pode chegar a pasar unha semana sen que haxa produtos de desinfección na lavandaría do centro".

CCOO xa puxo "estas deficiencias" en coñecemento da Xunta o pasado mes de xullo, e advertiu que, por mor deste gromo de sarna, tivo xunto co servizo de prevención unha reunión coa dirección da residencia para "exixir medidas urxentes", aínda que a situación segue "sen cambios", afirmou o sindicato."                      (Nós, 19/08/22)

No hay comentarios: