27/10/23

Non chegar a fin de mes tras pagar o aluguer está xerando "unha sociedade emocionalmente superada, ao límite"

 "Así o afirma Ana Pardo, delegada territorial da asociación Provivienda en Galicia, que asegura que "a realidade dos últimos anos pasa por un aluguer á alza e por unha escaseza de vivendas en aluguer, algo que está afectando sobre todo á poboación en situación de vulnerabilidade". E é que o 24,5 % dos galegos en pobreza adican máis do 40 % da súa renda dispoñible a gastos de vivenda. No 2022 aumentaron os fogares con retrasos no paso dos gastos ata o 9,4 %.

 O acceso á vivenda é unha das maiores problemáticas actuais para gran parte da poboación galega. Xa sexa porque non atopan alquileres adaptados aos seus soldos ou porque destinar unha gran parte destes ao pago do aluguer e das facturas fai que cheguen dificilmente a final de mes. E é que a realidade do mercado inmobiliario actual pasa por prezos cada vez máis elevados con soldos que apenas se revalorizan ano tras ano, chegando a afogar a moitas familias e deixando na rúa a outras, tendo que recurrir á escasa vivenda social construída.

Todos os indicadores do último informe sobre o estado da pobreza en Galicia publicado esta semana por EAPN Galicia, a Rede Galega contra a Pobreza, certifican a continua emerxencia residencial e de acceso a unha vivenda digna e accesible: o 24,5 % dos galegos en pobreza adican máis do 40 % da súa renda dispoñible a gastos de vivenda e no 2022 aumentaron de novo os fogares con retrasos no pago de gastos da súa vivenda, pasando do 9 % no 2021, ao 9,4 %. Ademais, o aumento de prezos da enerxía derivado da guerra de Ucraína, a elevada inflación e o incremento dos prezos de acceso á vivenda, aumentan as persoas que non poden permitirse manter unha vivenda cunha temperatura adecuada: do 13,1 % no 2021 ao 19,4 % no 2022.

"A realidade dos últimos anos pasa por un aluguer social á alza e por unha escaseza de vivendas en aluguer, o que fai que ante tanta demanda e unha baixa oferta os prezos se encarezan, algo que está sufrindo cada vez máis a poboación en xeral, pero sobre todo a poboación que se atopa en situación de vulnerabilidade", asegura Ana Pardo, delegada territorial da asociación Provivienda en Galicia, que engade que "sobre todo nas grandes cidades a lei da oferta e da demanda fai que cando non hai recursos estes suban en valor, e agora mesmo hai cidades da franxa atlántica galega como A Coruña, Vigo ou mesmo Santiago que atravesan situacións de aluguer moi similares ás que se están vivindo en Madrid ou Barcelona, cidades que se deron de fuciños cun maior asentamento de poboación".

Así as cousas, o problema é que a sociedade semella resistirse a facer algo, como se se adaptase ou resígnase a vivir nunha realidade que cada vez vai a peor. "Quizáis isto teriamos que facérnolo mirar a nivel de sociedade, ver o que nos está pasando, por que razón nos estamos a conformar cando a nosa situación en xeral é cada vez máis complicada", plantexa Pardo, que evidencia que "todos estamos a sufrir agora mesmo o feito de ter que destinar unha porcentaxe moi elevada, cada vez máis elevada, dos nosos ingresos a costear a vivenda e sabemos que pola crise derivada da inflación a cesta da compra tamén está resultando complicada, e estamos a falar de necesidades básicas, da alimentación e do teito". A estas cuestións súmase outra que afecta particularmente a Galicia, a de "manter a temperatura do fogar adecuada de cara ao inverno, sabendo que Galicia ten un clima determinado".

Neste sentido, o informe evidencia que en Galicia prodúcese un lixeiro aumento no último ano da taxa de Privación Material Social e Severa, alcanzando o 6,3 %, uns 170.000 galegos. Este dato é preocupante precisamente porque reflicte, por unha banda, o impacto da crise motivada pola inflación, o encarecemento dos combustibles e especialmente as dificultades de acceso á vivenda, e por outra detecta tamén o relaxamento de medidas de loita contra a pobreza e exclusión social, como a Tarxeta Básica. Así, aumentaron os galegos que non poden permitirse manter a vivenda a unha temperatura adecuada, alcanzando o 19,4 %; aquelas persoas que non teñen capacidade para facer fronte a gastos imprevistos, que pasan dun 24,7 % a un 29,7 %; e as que non poden permitirse unha comida de carne, polo ou peixe cada dous días, que pasan do 2,1 % ao 4,4 %.

Todas estas situacións, ás que se suman outras máis que día a día a xente ten que afrontar, ten claro que "revirten na saúde das personas", algo que tamén hai que poñer sobre a mesa. "Cando as persoas estamos vivindo constantemente no límite da vulnerabilidade, en situacións de pobreza e moi moi drásticas, é imposible que podamos estar sás, estar ben", expresa a delegada territorial de Provivienda en Galicia, que advirte de que cada vez estamos a ver "máis situacións que requiren dunha intervención rápida e efectiva, porque a sociedade está cada vez máis ao límite, emocionalmente superada e con graves problemas de saúde que se agravan no tempo".

"HAI QUE LIMITAR DE ALGUNHA MANEIRA O CUSTE DAS VIVENDAS; É INSOSTIBLE"

Ante esta situación, cal é a alternativa para as personas en situación de pobreza? Como poden lograr un teito baixo o que vivir, un dereito básico? Pardo asegura que "non hai unha única solución ao problema, senón que hai que poñer o foco en políticas públicas de vivenda e en medidas diversas". Neste sentido apunta a dotar de maior parque social de vivenda, atallar os problemas de dinamización do mercado inmobiliario a través de bolsas de vivenda ou dar apoio profesional ás familias máis desfavorecidas.

Ademais, tamén considera que se debe "limitar de algunha maneira o custe das vivendas, porque seguir nesta tendencia alcista é insostible". Todas estas son medidas que, na súa opinión, "axudarían dalgunha maneira a revertir un pouco a situación que temos agora mesmo", porque "creo que estamos nun momento no que a situación da vivenda é tan abrumadora, e un problema estrutural, que hai que atallala dende diferente ámbitos".

Con todo, a delegada territorial de Provivienda en Galicia amósase consciente de que "non ten unha solución inmediata nin rápida, e iso é algo que nos está levando a quedarnos un pouco sen facer nada, e é o que non podemos permitir, porque hai situacións que pasan continuamente que poñen enriba das axendas públicas a cuestión, pero é necesario comezar a facer algo paulatinamente".

Neste punto, Pardo refírese á nova Lei de Vivenda, aprobada recentemente, "que non baixou á comunidade galega, e nela hai medidas sobre as que podemos estar máis ou menos de acordo, pero que polo menos nos dan un marco dende o que comezar a debuxar algunha alternativa que axude a que a vivenda sexa máis accesible para todas as persoas e, especialmente, para os colectivos máis vulnerables".

"AS AXUDAS DEBEN CHEGAR EN TEMPO E FORMA PARA SER EFECTIVAS"

Pon de manifesto que hai medidas como o bono social de aluguer destinado ás persoas que proveñen de desahucios ou vítimas de violencia de xénero que, a priori, poden facilitar o acceso á vivenda a persoas e colectivos vulnerables, pero "precisamos que esas prestacións ou axudas destinadas á vivenda sexan de xestión rápida e efectiva, que cheguen aos propietarios da vivenda nos prazos que marca a lei, entre o 1 e o 7 de cada mes o propietario ten que recibir o seu ingreso; e, ás veces, as administracións, polos procedementos internos e a propia burocracia, fan que non cheguen a tempo".

Deste xeito, Pardo asegura que o que sucede é que "axudas que poderían ser moi positivas rematen sendo negativas, porque o propietario non ve eses ingresos como algo estable e seguro no tempo e decide non alquilar a esas persoas". "Precisamos que cambie esa tendencia e demostrarlle aos propietarios que alquilar a súa vivienda en programas sociais, sobre todo no mercado inmobiliario privado, é unha aposta segura", conclúe.

E é que, do contrario, os pisos turísticos seguirán impoñéndose. "Xa estamos vendo noutros países aos que a vivenda turística chegou fai anos, antes que aquí a Galicia, que hai unha tendencia a intentar regularizar ese tipo de mercado inmobiliario vinculado a estancias temporais que deixan a un propietario particular moitos máis cartos nun corto período de tempo, pero que tamén teñen un impacto brutal na construción que se fai nas cidades e que deixan sen recursos ás persoas que precisan dun aloxamento nelas, contribuíndo a manter esa tendencia alcista no prezo dos alugueres", expón a delegada territorial de Provivienda en Galicia.

"CALQUERA PERSOA PODE CHEGAR A CAER EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE"

Finalmente, Pardo reflexiona sobre o estigma que aínda a día de hoxe envolve á pobreza. "A aporofobia está aí, e en vez de ir a menos semella que vai a máis", afirma, asegurando que "hai unha tendencia social a tentar mirar cara outro lado pensando que se quizáis non o vexo penso que non está, porque me resulta desagradable". "Como sociedade, creo que deberiamos convertir esa mirada e entender que calquera persoa pode estar en situación de vulnerabilidade hoxe e mañán non, ao igual que eu tamén podo verme nesa tesitura se me falta unha rede de apoio familiar, se me faltan uns ingresos mínimos, se teño unha situación de saúde delicada ou mesmo se xa de base nacín nun país pobre e me vin obrigada a saír del e emigrar a un espazo novo para iniciar un novo proxecto de vida sen coñecer o idioma, a cultura e sen ter nada", reflexiona.

A modo de conclusión, a delegada territorial de Provivienda en Galicia considera que "debemos avanzar cara sociedades máis empáticas, máis dispostas á acollida, ver o valor que implica coidar e educar aos nosos nenos, que van ser as xeracións do mañá, e facelo dende esa mirada colectiva, non dende a mirada máis individual do que cada un necesita, sen mirar o que lle está pasando ao que ten ao lado". E tamén loitar porque as axudas cheguen en tempo e forma, porque, do contrario, "o único que xeramos é aínda máis estigma sobre situacións de pobreza e de vulnerabilidade, sen ter as persoas que as sofren responsabilidade algunha".       (Ángeles Precedo, Galicia Confidencial, 20/10/23)

No hay comentarios: