"Poden convivir anciáns de 80 anos con patoloxías propias da súa idade con pacientes psiquiátricos de 40? Para a Xunta a resposta é si, mais a realidade é teimuda e os problemas serios de convivencia agroman cada vez máis nos centros de maiores onde as condicións para residentes e persoas traballadoras son realmente complexas.
Hai poucos
días foi revelado o caso dunha suposta agresión sexual a unha
traballadora do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes
(CRAPD II) de Vigo por parte dun usuario de 43 anos con trastorno
psiquiátrico. Segundo relatan desde o comité de empresa, o feito ocorreu
de noite. A única auxiliar de enfermería da quenda foi arrecantada contra unha parede polo home que chegou a “facerlle tocamentos” ata que a muller logrou escapar do cuarto.
A traballadora deixou constancia do suceso no libro de rexistros virtual do centro e por iso transcendeu o feito, mais as profesionais destas residencias aseguran que desde a pandemia a situación se tornou insostible. Foi entón cando a Xunta comezou a derivar a residencias de maiores de toda Galicia persoas con trastornos mentais. “Levamos dous anos denunciando agresións e roubos pero isto xa é o colmo”, lamenta Bernardina Porral, secretaria do comité.
“As agresións físicas tanto ao persoal como aos anciáns e o consumo de estupefacientes é algo continuo”, relata Mila López, enfermeira nun destes centros maiores que agora xa non o son.
A falta de recursos públicos para atención da saúde mental asolaga as residencias de maiores, onde segue sen haber médico psiquiatra malia o ingreso de pacientes que o necesitan. Tan só poden optar a unha consulta telefónica á semana. “O médico do centro se ve que pasa algo pode solicitar interconsulta e logo ten que esperar a que o Sergas autorice unha cita. Agora somos como centros psiquiátricos sen psiquiatras. ”, alerta Mila López.
Cada día saen á luz novos caso de persoas maiores usuarias que sofren episodios de violencia, como o dunha muller de 83 anos do mesmo centro que foi “tirada ao chan e asoballada” por outra residente de 40 anos con trastorno mental.
Actualmente, segundo as fontes consultadas, arredor do 45% dos residentes nos centros de Vigo xa son persoas con trastornos psiquiátricos menores de 65 anos, moitos deles ex adictos e xa supoñen a maioría das novas entradas cada mes de modo ordinario ou por emerxencia social. “Non se trata de estigmatizar ninguén. Todos teñen dereito a ser atendidos, pero terán que adaptar o centro, formar o persoal e deseñar actividades específicas para eles”, indica Mila López.
Co hospital psiquiátrico do Rebullón pechado desde 2016, apenas existen 70 camas para atender enfermos psiquiátricos de larga duración na área de Vigo no Nicolás Peña. E a derivación de pacientes mozos aos centros de dependentes é continua.
As traballadoras consultadas coinciden en que os propios enfermos mentais mozos están sendo moi prexudicados pola situación porque os centros de maiores non están preparados para acollelos.
Por unha banda, o propio persoal non ten a formación específica para atendelos, xa que están acostumadas ás dinámicas dos anciáns.
A nivel infraestruturas explican que, por exemplo, os cuartos das residencias son abertos. “É algo pensado para os maiores, pero iso supón que os outros pacientes se levanten e molesten outros usuarios”, explica a enfermeira Mila López.
No que atinxe ao lecer, parece obvio que uns e outros non deberían compartir terapias ocupacionais e saídas do centro. Pero están a facelo, simplemente porque non hai nada deseñado para estes novos usuarios, que son invitados a calcetar ou pintar.
Incluso a dieta tamén é fonte de conflito porque non parece que sexa apropiado que unha persoa de 80 ou 90 anos inxira o memos tipo de alimentos que outra de 40 ou 50, ou polo menos non de forma habitual, pero uns e outros comparten menú.
Preguntada polo problema, a Consellería de Política Social
explica que está a elaborar un protocolo de agresións tal e como foi
acordado coas organizacións sindicais con representación no comité de
empresa de Política Social. E tamén se están preparando cursos de
formación para o persoal dos centros de Política Social para axudalos e
asesoralos na xestión destes casos.
Protesta ante o Parlamento
O persoal da Consellería de Política Social leva meses manifestándose para reclamar unha melloría nas súas condicións laborais. A pesar de que se asinou un acordo cos sindicatos máis representativos do cadro de persoal e a Dirección Xeral de Función Pública para regular as condicións laborais dos colectivos da Consellería de Política Social “lonxe de mellorar a nosa precaria situación laboral, deixa a esta parte do sector público de lado, e pon de manifesto o agravio comparativo con outras consellerías”, explican desde o colectivo.
En concreto, as traballadoras e traballadores reclaman contemplar os días saíntes de noite como quenda laboral e non como día libre. É dicir, se un traballador da Consellería de Sanidade (por exemplo) sae de traballar ás 8 da mañá despois de dez horas de xornada laboral, ese día saínte da noite, contémplase como día laboral. Mais, segundo explican, para un traballador da Consellería de Política Social o día saínte da noite contémplase como a súa libranza semanal.
Denuncian tamén que a compensación económica por traballar en domingos e festivos (incluídos os festivos especiais, como os de Nadal) é a metade da que recibe un traballador da mesma categoría, coa mesma titulación, que presta os seus servizos no Sergas. Por exemplo, explican, unha enfermeira do Sergas, que traballa un festivo, terá unha remuneración económica duns 85 euros. Porén, unha enfermeira que traballe nun centro dependente de Política Social ten unha remuneración de 45 euros.
O colectivo de Política Social reclama tamén un aumento do cadro de persoal. Actualmente é tan reducido, aseguran, que as traballadores raras veces poden desfrutar dos períodos de vacacións que solicitan e a cobertura de ausencias resulta inasumible para os centros pola carencia de persoal. “As condicións laborais son tan pésimas que nas propias quendas en moitas ocasións hai catro auxiliares para 80 residentes (incluso menos en determinados momentos) ou unha enfermeira soa para 160 residentes. Son persoas dependentes que precisan atención continua”, alertan.
Finalmente, apuntan tamén que o acordo asinado dificulta a conciliación,
xa que obriga a solicitar a metade das vacacións nos meses comprendidos
entre xuño e setembro. “Para moitas traballadoras a imposibilidade de
conciliar durante o período escolar era atallada, en parte, pola
solicitude das vacacións en dito período” pero agora xa non teñen esa
opción. " (Vanesa Vázquez, Praza.Gal, 11/09/23)
No hay comentarios:
Publicar un comentario