"A baixada da produción dalgunhas especies de bivalvos nos bancos marisqueiros das nosas rías nos últimos dez anos é aterradora. Os datos son evidentes: o berberecho caeu en produción en 2023 con respecto á media dos últimos 20 anos un 82 %; a ameixa fina fíxoo nun 72 %; a ameixa babosa, nun 76 %; a ameixa rubia, nun 68 %; a ameixa bicuda, nun 91 %; o reloxo, nun 88 %; e a ameixa xaponesa, nun 5 %. E despois dunha manifestación multitudinaria que reuniu a milleiros de persoas en Santiago contra a xestión da Xunta na crise nos pélets, a realidade é que un día despois os mariscadores e as mariscadoras galegas seguen sufrindo, sen visos de mellora. Por que sucede isto? Que é o que está a ocorrer na actualidade que non ocorría antes?
"Cada vez que se lle plantexaba a políticos e á Xunta a cuestión da baixada de produtividade, preguntándolles por que non tomaban medidas, sempre se recibía a mesma resposta, aínda que con matices: ou ben nos dicían que chovía moito ou ben que estaba subindo a temperatura da auga, e non se movían de aí, esa era a argumentación, sempre de tipo meteorolóxico", asegura Xaquín Rubido, voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e portavoz de Nunca Máis, que engade que "sempre definían a raíz do problema fóra das súas competencias, porque teñen competencias en todo o que ten que ver co marisqueo e o medio ambiente, pero non lles convén meterse en temas que son competencia súa, así que dan unha explicación que convenza á xente que non entenda moito e serva para pasar páxina".
Entón, cal é para Xaquín a verdadeira explicación da elevada moltaldade do marisco nas rías e da evidente caída de produción? "As razóns son múltiples, estamos nun esceario onde se combinan factores que teñen que ver co cambio climático e nós aí apuntamos a un factor fundamental: a baixada do vento do nordés". Como afectaría isto? Xaquín indica que, "se vos situades en como é a orografía das rías, vedes que o nordés actúa baleirando a auga superficial das rías cara fóra e favorecendo un fenómeno moi importante en oceanografía que é o afloramento". En que consiste? Pois en que "esas augas frías e fondas que entran nas rías arrastran os nutrientes que se foron almacenando no substrato como consecuencia da degradación natural en presenza de osíxeno, e os poñen a disposición da zona fótica, onde dá a luz, onde se activa a cadea alimentaria". "Ese fenómeno explica a riqueza das nosas rías", asegura Xaquín.
Con todo, que pasa cando diminúe o nordés? Segundo apunta, "como hai menos auga que saia pola parte superficial cara fóra, hai menos afloramento, o que provoca unha maior debilidade do bivalvo, que se alimenta de placton, e hai menos placton porque hai menos afloramento". E é que como explica Xaquín, os bivalvos teñen fundamentalmente dúas necesidades: "reproducirse e defenderse". Deste xeito, "o tamaño dos bivalvos vai diminuíndo, porque para eles alimentarse é secundario e gastan as enerxías noutras necesidades". Ademais, apunta a outro problema derivado da diminución do nordés: "Afecta de forma moi importante á circulación de auga dentro das rías, porque nas rías a auga do afloramento entra pola banda sur e sae pola norte, como consecuencia da rotación da terra, producindo un baleirado das rías, unha renovación das augas, pero cando ese mecanismo se ralentiza, ao haber unha menor renovación das augas, a contaminación das industrias, das estacións depuradoras, os pesticidas agrícolas, as nosas cremas solares... van afectar moito máis que antes aos bivalvos, o que os fará aínda máis débiles".
Todo isto ben sumarse, como critica Xaquín, a que "as hidroeléctricas fan o que lles peta, porque dende Aguas de Galicia non lle poñen o cascabel ao gato, para que o baleirado dos encoros se faga coa marea alta e evitar eses baixóns brutais que se producen nas rías como consecuencia dos desencoros". Considera que neste último factor que condiciona o devalo produtivo do marisco, "a Xunta ten moito que dicir, porque pode facer algo en relación ás estacións depuradoras de augas residuais, á contaminación das fábricas, aos desencoros, pode facer moito e non o fai".
"O MARISQUEO E A PESCA TRADICIONAL DE GALICIA, EN RISCO DE DESAPARECER"
Segundo o portavoz de Nunca Máis, hai que darse de conta de que "estamos nun momento histórico bastante peculiar", no cal "se pode producir un cambio de modelo produtivo do marisqueo e a pesca de Galicia", algo que "foi consubstancial ao noso país sempre, que forma parte do seu carné de identidade, da súa paisaxe, da súa xeografía, que é consubstancial a nós, un atractivo turístico e unha fonte para a súa gastronomía". "Iso que é tan importante corre o risco de desaparecer, polo abandono da Xunta de Galicia, e hai que dicilo, porque os cidadáns debemos esixir aos gobernantes que fagan o seu traballo", asegura, engadindo que "as mariscadoras non van aguantar pagando a seguridade social mensualmente, estando máis dun ano no paro, sen axudas da Xunta, que é quen ten as competencias".
Mentres tanto, para Xaquín está claro que "hai moita xente esperando, ese 0,1 % que ten tanto diñeiro que asusta, a acuicultura industrial, que segue esperando e á que o noso mar lle interesa moito". "Chegan con gaiolas de peixe, con medicamentos contra parásitos, con antibióticos, cuxa contaminación afectará a toda a ría", denuncia, engandindo que "o obxectivo da Xunta é meternos todo eses proxectos con calzador e, cando nos demos conta, xa están aprobados". "Teñen que escoller que modelo de país queremos e non se pode pretender que o río Ulla leve a contaminación de Altri, da mina de Touro e demais empresas que están actualmente contaminando a ría máis produtiva do mundo, e eu creo que a Xunta xa optou hai tempo e que nós non nos enteramos", lamenta Xaquín. E é que considera que "se a Xunta quixese facer algo, se tivese a intención ou a vontade de facer algo, no último Consello antes das eleccións tería tomado medidas".
As súas peticións son: un estudo interdisciplinar, independente e integral que analice as causas todas do devalo produtivo das rías e os desafíos que veñen, pois "para explicar algo tan complexo e facer fronte aos desafíos precisamos tamén dun estudo complexo"; un plan de rexeneración dotado economicamente; a regulación e publicidade do protocolo de desencoros; a cobertura económica a todo o sector do mar (mariñeiros, mariscadoras e confrarías) mentres se manteña o cesamento de actividade, así como axudas para cubrir a mortaldade do mexilón; un plan de actuación contra as verteduras ao mar e aos ríos; e o control sanitario das importacións de marisco, porque "segue entrando marisco de fóra, cada vez máis, aínda que ás veces tenten facérnolo pasar por marisco de aquí, e pode ser unha fonte de patóxenos, e os bivalvos de aquí cada vez están máis debilitados e máis sensibles". " (Ángela Precedo, Galicia Confidencial, 22/01/24)
No hay comentarios:
Publicar un comentario