3/2/24

A Xunta contratou 5 millóns sen publicidade á construtora na que é directivo un curmán de Rueda

 "Javier Garrido Valenzuela, primo segundo do presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda Valenzuela, é, segundo sinala nas súas redes sociais, conselleiro e director de negocio de Civis Global S.L.U.. Conselleiro nesta construtora de Pontevedra tamén é, segundo figura no Rexistro Mercantil, José Luis Alonso Riego, histórico dirixente do PP galego. Ademais de alcalde da Guarda (Baixo Miño), foi deputado autonómico durante máis dunha década.

Conseguiu esta construtora contratos da Xunta da Galiza que preside Alfonso Rueda? Si, moitos. En concreto, segundo figura na Plataforma de Contratación da propia Administración, unha ducia de adxudicacións que suman máis de 40 millóns nesta lexislatura. Un deses contratos foi adxudicado por unha vía de emerxencia, non aberta. É dicir, sen un anuncio previo no Diario Oficial da Galiza (DOG) e sen uns pregos públicos que permitisen a outras construtoras puxar pola encarga.

Foi en xullo de 2023 cando a Axencia Galega de Infraestruturas só lle pediu prezo a Civis Global para as obras da Ponte de Santa Marta (Ponte Arnelas), que une Vilanova e Santa Marta. Para non sacar un concurso público, como era obrigado dada a contía, alegou a emerxencia do problema. Pese ás présas alegadas, o tráfico sobre o Umia fechouse en abril de 2023 e o contrato asinouse tres meses despois.

A oferta ascendeu a 4,96 millóns de euros

A Axencia aceptou a oferta de Civis, por 4,96 millóns de euros, e pouco despois deu conta ao Consello da Xunta, presidido por Rueda, que non puxo obxeccións. Tras ese Consello do 20 de xullo de 2023, a Xunta da Galiza presumiu pola présa da tramitación, que puxo en contraste coa suposta lentitude do Estado coa A-6. A Presidencia incluso difundiu infografías de como ía quedar a ponte. Do que non informou foi do nome da adxudicataria, pese que a Axencia asinara a licitación a Civis nove días antes.

Un aspecto sorprendente é que as obras empezaron antes da rúbrica oficial. O "Acordo polo que se declara de emerxencia a obra Reconstrución da Ponte de Santa Marta (Ponte Arnelas) na PO-300" ten sinatura do 11 de xullo. Así e todo, un mes e cinco días antes, o 6 de xuño de 2023, a Xunta xa difundía na súa web fotos dos obreiros desmontando a ponte.

Non sería que a desmontaxe era parte doutro contrato previo e non do adxudicado a Civis Global? Non parece, pois o acordo da adxudicación inclúe “realizar o desmonte controlado da mesma e a construción dunha nova no seu lugar”. O prazo que lle deu a Xunta a Civis na adxudicación para rematar as obras foi de cinco meses. É dicir, até decembro. “O obxectivo é desmantelar a ponte no verán e comezar despois a reconstrución, para que estea rematada a finais deste ano ou a principios do ano que vén”, presumía no verán a Xunta.

Chegou decembro e a Consellaría de Infraestruturas tivo que recoñecer que non se cumprirían os prazos do expediente, tramitado, recordemos, pola vía de emerxencia. O motivo? O mal tempo. “Debido ás copiosas choivas de comezos do outono, que provocaron un aumento substancial do caudal do río, houbo un atraso nos traballos dos cimentos”, xustificou San Caetano. Hai que lembrar que se unha contratista entrega o traballo tarde sen xustificación, a Administración pode abrirlle un expediente e castigala.

Así, o novo prazo para a entrada en servizo de Ponte Arnelas é a primavera, indicou na pasada semana Infraestruturas, segundo recolleu La Voz de Galicia. Polo tanto, a obra tramitada estará rematada un ano despois do afundimento da ponte que une Ribadumia e Vilanova de Arousa, no Salnés, malia a tramitación de emerxencia que permitiu esquivar o concurso público.

Javier Garrido Valenzuela, curmán de Rueda, é, ademais de “director de desenvolvemento de negocio da empresa construtora Civis Global”, segundo explica no seu perfil de Linkedin, tertuliano da Radio Galega. Malia que nesa rede defínese tamén como “conselleiro” da construtora, non figura como tal no Rexistro Mercantil. Civis Global afirma a Nós Diario que Javier Garrido Valenzuela non é membro do seu Consello de Administración nin accionista, e que o termo "conselleiro" que figura no perfil de Linkedin é unha forma común no sector para referirse ao labor de "asesor" da empresa para obra privada.

Como socio único de Civis Global figura Unión Vantaxe S.L. Nesta sociedade de investimento é conselleiro José Luis Alonso Riego, histórico alcalde da Guarda e que no seu día apoiou o grupo de Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda Valenzuela na derrota de Xosé Cuíña Crespo no congreso da sucesión de Manuel Fraga Iribarne á fronte do PP galego.

A empresa alude á emerxencia da obra

Nós Diario púxose en contacto tanto coa Xunta da Galiza, que non respondeu as preguntas formuladas, como coa propia empresa, Civis. Desde a construtora sinalan que esta adxudicación foi realizada polo procedemento de emerxencia, declarada como tal pola Administración competente, a Xunta da Galiza, polo que estaría exenta dos trámites e concursos das obras planificadas e convencionais, recordan.

Fontes de Civis insisten, en conversa con este xornal, en diferenciar obra pública de obra privada. O responsábel de Obra Pública de Civis, explica, é Juan Carlos Gamallo, e negan que Javier Garrido Valenzuela sexa curmán de Alfonso Rueda, en referencia a que non son primos carnais. Gamallo, engaden desde a construtora, "é especialista en cálculos de formigón e pontes destas características xunto cunha equipa de enxeñeiros especialistas da oficina técnica de Civis Global; en particular para adxudicar e executar obras de emerxencia, as Administracións contratantes valoran a proximidade xeográfica dunha empresa e os medios materiais e humanos que, neste caso, permitiron estar en menos dunha hora no lugar do sinistro", indican.

Javier Garrido Valenzuela é un profesional da obra privada desde hai 35 anos "e nunca traballou en obras públicas", reiteran as fontes da construtora. Traballa para Civis desde hai 12 anos como responsábel de obra privada "e non ten relación nin coñecemento das obras públicas que realiza a compañía", aseveran as fontes.

O fío que une a saga política dos Rueda, Garrido e Valenzuela

Segundo Javier Garrido Valenzuela sinala en Linkedin, os seus primeiros pasos na construción centráronse na promoción inmobiliaria e desde 2007 preside a Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra. Foi vicepresidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra e presidiu o Círculo de Empresarios de Galiza. Como tertuliano da CRTVG ten participado en análises de actualidade e de noites electorais.

Irene Garrido Valenzuela, irmá de Javier, foi secretaria de Estado no Goberno de Mariano Raxoi e é edil en Vigo (foi de número 2 na lista do PP nas municipais de 2023) e deputada no Congreso. En 2014, foi nomeada presidenta do banco público Instituto de Crédito Oficial. Sen peso político no PP até 2011, pero pertencente ao clan do partido pontevedrés -aínda que veciña de Vigo-, foi levada por Raxoi á Secretaría de Estado despois de ir de número 2 por Pontevedra ao Congreso (2011) na lista que encabezaba unha persoa de gran confianza para ela, Ana Pastor.

Outro irmán deles, Fernando Garrido Valenzuela, foi conselleiro de Agricultura baixo o mandato de Gerardo Fernández Albor con Alianza Popular (AP), que logo abandonou para integrar Coalición Galega. Despois, no ano 2009, Feixoo rescatouno para ser presidente do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Javier, Irene e Fernando son primos irmáns da nai do presidente da Xunta da Galiza, Dolores de Valenzuela, que casou con José Antonio Rueda Crespo, falecido en 2012, e que foi vicepresidente da Deputación de Pontevedra con Mariano Raxoi  (1983-1986) e senador con AP. Unha das excepcións neste clan de dereitas é o irmán da nai de Irene, Javier e Fernando, o nacionalista e comunista Ramón de Valenzuela, quen tivo que exiliarse para salvarse dos fascistas no golpe de Estado."              (Nós, 03/02/24)

No hay comentarios: