7/10/16

O retorno silencioso da heroína

"Numerosas voces coinciden en sinalar o retorno da droga ás rúas da Galiza, onde deixou no pasado milleiros de vítimas mortais. Unha maior oferta no mercado e unha menor percepción do seu risco, entre os factores que explicarían o aumento de casos. (...)

As alertas chegan de todo o país. Desde os centros de drogopendencias municipais comezan a detectar sinais preocupantes, síntomas de épocas pasadas que apuntan a un retorno silencioso. A heroína volve facerse visíbel nas cidades galegas. A substancia, que pasara a un segundo plano nos últimos tempos, rexorde nas rúas cun repunte no número de persoas consumidoras, aínda que moi lonxe da fatídica realidade vivida nos anos 80 ou 90.

Así o perciben desde a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (Aclad) na Coruña. O centro asistencial vén advertindo, no que levamos de curso, dun aumento significativo de casos onde a heroína é a droga principal.

 Non tanto por recaídas de antigos usuarios, como viña ocorrendo, senón por un goteo continuo de novos consumidores. Unha situación que case parecía esquecida pero que prendeu as alarmas, incluso nalgúns barrios da cidade, onde grupos veciñais denuncian a actividade crecente do menudeo de estupefacientes.

 Mais non é o único concello galego onde se ten detectado. Na cidade de Lugo, Proxecto Home sinala que este ano está rexistrando un incremento no número de persoas que chegan por causa de drogas denominadas como duras, nomeadamente da heroína. A organización advirte de que os novos usuarios e usuarias que acoden os seus servizos son cada vez máis mozos.

O repunte tamén se fixo patente en Monforte de Lemos, onde a unidade asistencial de drogodependencias chamou a atención sobre o aumento de consumidores do opiáceo. Pola súa banda, desde o Centro de Drogodependencia (Cedro) de Vigo móstranse máis cautos e, segundo as súas cifras comparadas, non teñen constancia polo momento dun ascenso relevante. 

“Seguimos na media dos últimos anos. Pero si que é certo que a maioría de doentes levan un tempo contándonos que hai máis heroína na rúa. De ter aumentado o consumo, aínda é cedo para saber o seu alcance, porque estas persoas estarían aínda na súa lúa de mel. Pasarán meses até que cheguen o noso centro”, matizan. "                   (Sermos Galiza, 06/10/16)

No hay comentarios: