"A Consellería de Sanidade ten actualmente en vigor cinco convenios con Medtronic,
unha empresa de tecnoloxía sanitaria con sede central en Minneapolis,
nos Estados Unidos, e con presenza en máis dun cento de países en todo o
mundo.
Trátase dun "convenio marco" que establece a relación xeral do
Servizo Galego de Saúde coa multinacional e catro acordos específicos
que abriron á compañía as portas dos complexos hospitalarios públicos da
Coruña, Santiago, Lugo e Vigo para testar os seus produtos e aplicar os
seus métodos nas áreas cardiolóxicas dos centros e, no caso coruñés,
tamén na dixestiva.
O propósito declarado da empresa é "aumentar a súa oferta" e "fortalecer a súa posición" no mercado.
Como vén informando Praza.gal,
a Xunta tratou como secretas as partes destes acordos que van alén de
declaracións de intencións máis ou menos xenéricas e concretan en que
consiste exactamente a instalación de Medtronic en hospitais públicos de
Galicia.
Así, por exemplo, mentres que publicamente o departamento que
dirixe Jesús Vázquez Almuiña indicaba que se
trataba de convenios sen achega económica, os anexos da parte oculta
evidenciaban que Sanidade achega a estes pactos diñeiro e persoal
público.
Ao tratarse de convenios son outorgados directamente e sen concorrencia nin concurso público, como sucedería cun contrato.
Dende o outono de 2016 a Asociación de Pacientes do Clínico de Santiago
viña reclamando, en virtude da lei de transparencia, que a Consellería
lle facilitase unha copia dos seus acordos con Medtronic. No entanto, a
Xunta negouse e só achegou a parte dos convenios que xa era pública a través do sitio web do Goberno galego.
Evitaba
revelar os anexos para protexer o "segredo comercial" e a "propiedade
industrial" da empresa. Esa negativa produciuse sen consultar
previamente coa empresa interesada, como marca a lei estatal de
transparencia.
Foi por iso que a Comisión de Transparencia de
Galicia, á que acudiu á asociación, instou a Xunta a cumprir a lei e
realizar a devandita consulta. O certo é que Medtronic non viu
"impedimento" en revelar os acordos e a Consellería viuse obrigada a
achegarllos á Asociación.
Tal e como informou este diario,
o acordo co que o Sergas permitiu a Medtronic instalarse no Clínico de
Santiago trouxo consigo a presenza dun executivo da empresa "a tempo
completo" no hospital público e a instalación de maquinaria
médica "exclusivamente para servir os fins deste acordo".
Algo
semellante sucede no demais convenios con escasos matices; no hospital
Lucus Augusti de Lugo ese "consultor adscrito ao
proxecto" enviado por Medtronic traballa tamén "a tempo completo"
mentres que no Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC) o fai a tempo
parcial.
Segundo o anexo asinado especificamente para o centro hospitalario lucense, ao que tivo acceso Praza.gal,
o propósito do acordo -vixente ata o 29 de maio de 2021- é o de
promover unha "transformación integral da unidade de Cardioloxía".
Trátase do servizo que leva anos ocupando titulares polos seus avances
médicos, pero tamén por non dispoñer durante os tres anos posteriores á
súa apertura dun servizo de hemodinámica -que atende os pacientes que
sofren un infarto- e, durante os tres seguintes, por telo dispoñible só
en horario de oficina.
Precisamente a sala de hemodinámica é un dos abordados
especificamente no pacto con Medtronic que a Xunta ocultou ata que
interviu a Comisión de Transparencia. No marco da devandita
"transformación integral", para a que Medtronic "achega consultores
especializados", a multinacional "avaliará a capacidade actual das
instalacións para atender as necesidades da rede asistencial no novo
contexto asistencial derivado da transformación do Programa Galego de
Infarto Agudo de Miocardo" coa "extensión do programa de anxioplastia primaria a 24 horas".
O acordo específico para o HULA está en vigor dende maio de 2017 e dous meses antes, en febreiro, Sanidade deu en ampliar o seu horario pero non cunha apertura continua, senón das 8 da mañá ás 10 da noite de cada día.
Hai menos dun mes o xefe de Cardioloxía do hospital, Juan Carlos
González Juanatey, volveu pedir publicamente a apertura da hemodinámica
durante as 24 horas, como reclama dende hai anos.
Sempre segundo o convenio asinado, o pacto entre o Sergas e Medtronic implica, para o hospital lucense, o "impulso da telemedicina" e a "monitorización a distancia"
de pacientes con doenzas cardíacas empregando para facelo tecnoloxía ou
metodoloxía da propia Medtronic.
Así, por exemplo, o acordo inclúe a
"posta en marcha dun centro de soporte de seguimento remoto" para, por
exemplo, doentes con marcapasos, onde "profesionais de Medtronic" e do
Sergas "filtran os pacientes que requiren atención específica" alén do
mero seguimento a distancia. Estas operacións implican que a empresa
acceda a datos de pacientes, se ben o convenio subliña que o fai acorde
coa lei en materia de privacidade.
Para a Asociación de Pacientes do CHUS, que tras un
ano de reclamacións e trámites logrou acceder a esta documentación, os
convenios do Sergas con Medtronic "constitúen unha intervención do
sector privado da sanidade pública contraria ao interese xeral". Os
convenios, alertan, outorgan a Medtronic "funcións de control,
seguimento e asesoramento", garantíndolle "unha posición de vantaxe no
mercado utilizando recursos públicos".
"Estamos -din- ante unha
utilización privativa ilexítima" de recursos públicos "de dubidosa
legalidade" e "ante un deixamento manifesto e patente dos responsables
sanitarios na defensa do público". Ademais, alertan, estes convenios
tenden a "descargar sobre o autocoidado dos pacientes a realización de
tarefas asistenciais" condicionadas, ademais, ao uso de aparellos desta
empresa." (David Lombao, Praza Pública, 18/09/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario