"No ano 1994, 13 gandeiros adicados ao sector caprino e ovina crearon, en Lugo, a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA). Dende a súa formación prestan servizo aos preto de 200 criadores asociados de toda Galicia co obxectivo de defender os intereses do sector.
Deste xeito, produtores de carne e leite de ovella e cabra crearon unha asociación, única en Galicia, que xa é todo un referente sectorial da que o enxeñeiro agrónomo Carlos Alberto Rodríguez é o director técnico.
Malia os esforzos realizados durante 14 anos, dende OVICA teñen claro que a Xunta de Galicia ten totalmente esquecido este sector. Os prezos que a goberno autonómico ten establecidos nos matadoiros para estes animais oscila entre 10 e 30 euros, un prezo bastante alto tendo en conta o beneficio que o produtor recauda por cada res; isto provoca que pequenos produtores sen profesionalizar, sacrifiquen os animais nas súas granxas
sen medidas sanitarias axeitadas para esta labor.
Unha das solucións
que propón OVICA para este problema é que a Consellería de Medio Rural
poña en marcha un sistema de matadoiros móbiles como xa se fai en Cataluña e en países como Noruega ou Alemaña. Ademais, tamén se debería de permitir a instalación de sala de despece nas granxas
para, xunto cos matadoiros móbiles, abaratar uns custes de sacrificio
que provocan un beneficio practicamente inexistente por parte do
gandeiro.
Outra das necesidades destes animais, é a esquila. O intrusismo laboral neste sector é excesivo. Dende OVICA consideran que dende a Xunta deberíase de expedir un carnet profesional que capacite ó demandante para esta labor. Neste senso, tamén se debería de expedir un certificado de trazabilidade de recollida de lá e creación de obradoiros tradicionais para que traballos coma este non caian no esquecemento.
Dende fai anos, son moitas as voces que se pronuncian a favor da creación dun programa de apoio ao pastoreo extensivo con gando ovino e caprino como método de prevención de lumes forestais.
Estas voces, tras os incendios de outubro do 2017, aínda se fixeron
máis sonoras. A elevada acumulación de biomasa nos montes galego e as
condicións climatolóxicas adversas dos últimos tempos en canto a
temperatura, humidade e vento, poden desencadear en fenómenos
catastróficos.
Dende OVICA teñen claro que estes quedarían mitigados
considerablemente se se executaran políticas reais de limpeza con
brigadas antilumes naturais, as cabras e as ovellas, que permiten ter
desbrozado o monte durante todo o ano. Rosa Mosquera, doutora da Escola
Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de
Compostela conclúe, tras varios estudos executados que, limpar e
alimentar o monte con gando en base a pastoreo é 10 veces máis barato que rozar con medios mecánicos.
Seguindo esta liña, dende OVICA tamén lle demandan á Xunta a eliminación da prohibición de pastoreo nas áreas queimadas.
O sector primario é o principal motor de economía en Galicia.
Nos últimos anos, son moitos os mozos e mozas que ben por relevo
xeracional, ou ben por cambio de vida do urbano ó rural, están ao fronte
de explotacións animais. Nos últimos 3 anos, un total de 65 persoas
déronse de alta no réxime agrario.
Para que poidan optar á condición de
explotación prioritaria por parte do Servizo de Explotacións
Agropecuarias dependentes da Consellería de Medio Rural, teñen que estar
en posesión dunha formación composta por 8 módulos que deberán de
rematar antes do 36 meses de realizar a incorporación efectiva.
Actualmente soamente o centro de capacitación agraria de Sergude o
imparte de xeito presencial e os que optaron pola teleformación soamente
teñen cursados 5 dos 8 módulos obrigatorios polo que moitos gandeiros teñen medo a ter que devolver as axudas percibidas por non ter cursada a formación nos 3 anos que se lles foi esixido.
Seguindo o fío, a excesiva burocratización
do sistema con leva a que moitos solicitantes de subvencións e axudas
renuncien ás mesmas pola dificultade de adaptarse ós prazos requiridos.
Ademais, a informatización actual do sistema provoca que moitos gandeiros teñan serios problemas
para realizar todas as tarefas administrativas solicitadas, polo tanto,
os cursos de formación no campo de informática e novas tecnoloxías
serían unha gran axuda para os produtores do sector primario.
Outro dos
problemas existentes, é a falta de cobertura da internet no rural
e en consecuencia, moitos usuarios teñen que desprazarse ata as
oficinas para realizar os trámites que se poderían facer de xeito
telemático.
Finalmente, o lobo, o
gran inimigo das ovellas e cabras, está a provocar unha situación
crítica no sector e, sen embargo, dende a Consellería de Medio Ambiente
decidiuse non convocar axudas para instalar métodos de prevención contra a súa actuación.
E é que no 2017 morreron un total de 1.288 ovellas e 242 cabras pola súa actuación. Estes ataques xa provocaron o peche de ganderías polas perdas ocasionadas e, de continuar esta situación, seguirán pechando máis explotacións." (Pili Vázquez, Xornal de Lemos, 17/09/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario