"Un multimillonario dono dunha farmacéutica doa parte do seu
patrimonio a un hospital tras perder ao seu pai, enfermo de Alzheimer.
Para o hospital, esta noticia incríbel permite mellorar as instalacións,
facéndoas máis eficientes e, o máis importante, sen dar nada a cambio.
Só un médico ve algo raro detrás dunha doazón tan xenerosa e
aparentemente altruísta.
Como é posíbel que un empresario
multimillonario regale os seus cartos? Non se equivoca. Ao tempo, todas
as decisións teñen que pasar polo millonario, decidindo a quen curar
segundo os gastos que supoña, esixindo que se proben os medicamentos da
súa farmacéutica e despedindo a traballadoras –entre elas a este médico–
por non estar de acordo coa procura do máximo beneficio no canto de
velar polos enfermos.
O multimillonario Edward Vogler e o
doutor Gregory House son dúas personaxes da coñecida serie House M.D.
Con todo, en Galiza acontece algo non moi diferente que non ten nada de
ficción. Estamos a ser testemuñas dunha privatización lenta –mais
implacábel– da sanidade pública que podería rematar con décadas de loita
a prol dunha sanidade universal.
A historia da sanidade en Galiza
A sanidade pública no estado español non ten nin medio século de
existencia mais neste tempo chegou a ser unha das mellores do mundo. En
1986, a Ley General de Sanidad e o Sistema Nacional de Salud (SNS)
modernizaron uns hospitais obsoletos, froito da ditadura, e melloraron a
atención coa creación dos centros de saúde e da atención primaria.
En Galiza, coa chegada do PP á
Xunta nos anos 90, a sanidade universal e gratuíta comezou o seu
declive, sendo atacada desde o poder coa escusa de non ser sustentábel,
con medidas de corte privatizador. No blogue Pavillón de Repouso, Pablo
Vaamonde, médico e fundador da revista Cadernos de Atención Primaria,
denuncia este ataque.
“Hai unha estratexia internacional para converter a
sanidade nunha parcela de negocio. Desde o FMI, o BCE ou o poderoso
Club Bilderberg, os poderes económicos teñen a mirada posta sobre o SNS e
manobran para facerse con el. No Estado hai plataformas (FAES, SEDISA,
Club Gertech) que repiten as falacias neoliberais (recollidas no Informe
Abril en 1992): que a sanidade pública é insostíbel, que a xestión
privada é máis eficiente e que a financiación debe ser pública mais a
provisión dos servizos debe ser privada”.
Con todo, a sanidade pública é
sostíbel e, para moitas, o problema son os recortes e o mal uso do
orzamento que se fai desde moitos gobernos. O PP de Núñez Feijóo é dos
que semellan crer nesa falsa falta de solvencia, malia erixirse coma
defensor do sistema público e de culpar da situación a “críticos
destrutivos da esquerda”.
Feijóo foi responsábel do Sergas nos 90, cando
se leva a cabo un dos primeiros intentos privatizadores —as fundacións—
que remataron ‘rescatadas’ con diñeiro público. Desde a súa chegada á
presidencia da Xunta, Feijóo está a contribuír a un constante deterioro
do sistema, lexislando a favor dos intereses privados. Un exemplo é a
nova Lei Galega de Saúde, que supón para moitas un retroceso implacábel,
mais non o único.
Son exemplos disto a paralización de hospitais
públicos como o de Vigo, transformado nun hospital semiprivado
xestionado pola multinacional Concessia; a paralización do Plan de
Mellora de Atención Primaria, que rematou tamén coa autonomía na xestión
nesta especialidade; ou a Instrución 1/2018, que deriva pacientes a
hospitais privados e castiga a quen se nega.
Redución orzamentaria, recortes de persoal, desaparición de áreas
sanitarias —que acentúa o problema demográfico—, colapsos en urxencias
provocados polo deterioro da atención primaria... Nin rastro dunha
política sanitaria a favor dos pacientes, que sofren de maiores listas
de espera e dunha peor calidade na súa atención. Os PAC de diferentes
áreas sanitarias levan meses de protestas ante a falta de persoal, causa
da morte dunha persoa no PAC d’A Estrada en agosto.
En canto aos complexos hospitalarios, o Complexo Hospitalario
Universitario de Santiago (CHUS), baixo a xerencia de Eloina Núñez
–curmá de Feijóo– desde o ano pasado, é un exemplo do que está a pasar
na sanidade galega: tanto pola infiltración de empresas como por verse
afectado polas políticas do PP.
medtronic, con voz e voto no CHUS
Medtronic, empresa estadounidense de tecnoloxía, servizos e solucións
médicas, é unha das maiores empresas adicadas a este ámbito. Segundo o
libro A saúde como negocio, coordinado por Vaamonde e coa
participación do voceiro de SOS Sanidade Pública de Galiza, Manuel
Martín, Medtronic está “vinculada ao capital risco, á industria
farmacéutica e á industria da alimentación”.
Ademais, o libro recolle
que forman parte do consello de administración de Medtronic o xerente do
grupo estadounidense Apollo –beneficiado por Feijoo coa adxudicación de
EVO Banco (Novagalicia)– e o Director Xeral de Trexton, empresa mundial
de aeronaves –incluíndo avións de guerra–. Por outra banda, é socia da
Sociedade Española de Cardioloxía.
Medtronic entrou con éxito en bolsa en 1985, mais en 2008 tiña perdas
millonarias. Segundo unha investigación do Consorcio Internacional de
Xornalistas (ICIJ), “tivo que pagar 6700 millóns de dólares para
resolver querelas xudiciais de 20.000 pacientes entre 2008 e 2017” xa
que que os seus produtos “están relacionados coa morte de 9300 persoas e
coas lesións de 292.000”. De feito, no Estado español, unha bomba de
insulina desta multinacional, a Minimed 640G, foi retirada do mercado
tras un aviso de mal funcionamento da Axencia Española de Medicamentos e
Produtos Sanitarios.
En 2014, os autores de
A saúde como negocio
xa advertían que Medtronic levaba
anos interesada en entrar na sanidade do estado español, concretamente
na área cardiovascular, por estratexia empresarial. Malia o seu
historial de erros e mala praxe entraron na sanidade catalá no 2015, e
no ano 2016 logrou un convenio co Sergas, precisamente na área
cardiovascular. Mais, a diferencia do caso catalán, a Xunta ocultou as
cláusulas do acordo.
Malia o seu historial de erros e mala praxe entraron na sanidade catalá
no 2015, e no ano 2016 logrou un convenio co Sergas, precisamente na
área cardiovascular. Solicitamos ver o acordo e a Consellería de
Sanidade rexeitouno alegando que había segredos “vinculados
á propiedade industrial”, denuncia Fernando Abraldes, da Asociación de
Pacientes do CHUS.
“Fixemos un recurso ante a Valedora do Pobo e deunos a
razón. Medtronic contestou que non tiña ningún problema e tiveron que
darnos a información. A Xunta foi máis opaca que a propia empresa”.
Abraldes di que a Xunta non quería revelar o contido deses convenios
polo alcance que ten a intervención sobre a sanidade pública por parte
do sector privado e das multinacionais de instrumentos e software
sanitarios.
Finalmente, os traballadores do CHUS tiveron aceso ao convenio, mais a
información é pouco precisa. Para Fernando Abraldes, o perigo está en
darlle tanto poder a unha empresa privada dentro dun hospital público.
“Sorprende que a administración pública dea tal capacidade de
intervención a unha multinacional americana a través de convenios que
non requiren de concorrencia nin ningún requisito previo, nin
acreditación de competencias, nin solvencia económica ou profesional...
nada. Se os elementos que forman parte do convenio se fixeran mediante
un procedemento público no que se permitira concorrencia, os problemas
de Medtronic no pasado poderían ser motivos de exclusión do procedemento
de contratación”.
Por outra banda, o acordo de “colaboración”, sen intercambio
económico (0 euros), evidencia que a empresa obterá algún outro tipo de
beneficio co acordo. “No convenio Medtronic deixa claro cal é o seu
obxectivo para o futuro: que os produtos que ofrezan ao mercado teñan un
valor engadido ao estar avalados por hospitais públicos. Non é o mesmo
ter un instrumento de control remoto para persoas con dificuldades
cardíacas, testado nun hospital público que diga que funciona
perfectamente, a non telo.
Con ese aval, gañas unha posición
predominante no mercado”, denuncia Abraldes. Prodúcese ademais “unha
dependencia tecnolóxica cara a esta empresa, que implica que cando o
hospital precise calquera compoñente, a quen ten que recorrer é a
Medtronic”. Abraldes recorda tamén que Medtronic está a utilizar o
patrimonio público, os medios técnicos do CHUS, o persoal do Sergas e
aos pacientes para testar os produtos con liberdade.
Ademais, Medtronic ten presenza física nas áreas de cardioloxía
destes hospitais e no dixestivo de Lugo, con asesores que controlan o
que pasa no hospital e o cumprimento do acordo. Para Fernando Abraldes
“este é o verdadeiro cabalo de Troia da sanidade; hai outros xeitos de
privatizar mais isto ten unha implicación de tal calibre que quedamos
moi alarmados. Incluso se prevé que os plans de formación do persoal
–sobre todo médicos residentes– corran a cargo de Medtronic, e tamén a
utilización dos seus elementos técnicos. É incrible”.
A privatización desde abaixo
A perda de personal nos Puntos de Atención Continuada (PAC) e a falta de recursos na atención primaria por mor dos recortes deterioraron a atención aos pacientes,
chegando ás 60 consultas ao día, segundo denunciaron varios
profesionais. Ante unha atención primaria masificada, moita xente acaba
buscando resposta nas urxencias.
“Hai listas de espera de dez días. A xente busca a atención onde lla
poidan proporcionar no momento” afirma María Míguez, da Asociación
Galega de Médicos e médica do PAC de Santiago, para quen a situación é
insostíbel. “Se a atención primaria tivera os medios e o persoal
precisos, moitas urxencias e domicilios que cubrimos os PAC, serían
resoltos na atención ordinaria e reducirían a carga de traballo”.
As traballadoras dos PAC reivindican desde hai meses á Consellería once melloras nas súas condicións.
“É un chiste, concederon a menos importante das reivindicacións que
tiñamos”, di Marisé López, tamén médica do PAC. “É unha burla cara o
noso traballo. Nin sequera convocaron ao comité de folga”. María Míguez
engade: “din que os centros están suficientemente dotados e que non o
consideran importante, mais tiñan que verse eles no momento dunha
urxencia cunha persoa soa para atendela. O outro día en Vigo, unha
médica estaba soa e tivo que pedir axuda ás persoas que estaban na sala
de espera. Este sábado en Santiago, por exemplo, entraron case 50
persoas nunha hora”.
Marisé e María coinciden en que a intención é privatizar alegando que
a sanidade pública non cumpre e que a privada é mellor. “No noso PAC
privatizaron o almacén e agora é un desastre. As gasas, por exemplo, son
dun material malísimo, ou as luvas, que se gastan moitísimo e non fan a
súa función. Moitas veces deciden eles o que fai e non fai falta... Por
exemplo co Urbason –que é un corticoide básico en moitos tratamentos–
atopámonos con que case non hai porque no almacén din que non é
necesario ou que gastamos moito”.
Ao colapso nos PAC súmaselle a falta de persoal nas urxencias dos
hospitais, facendo que a situación sexa aínda peor. “Desde 2010 a 2019
en Urxencias houbo que ampliar espazos con padiolas, boxes ou cubículos
sen aumentar o persoal. Estamos reclamando persoal para atender eses
espazos”, di Camilo Agulleiro, da Comisión de Centro do CHUS. “Non
reclamamos unha subida retributiva, reclamamos máis persoal para tratar
aos pacientes con celeridade, para non saturar Urxencias”.
Ante a situación desesperada nas Urxencias,
a Xunta e o Sergas alegan que non hai persoal suficiente para cubrir as
baixas e as xubilacións, dicindo ademais que a xente nova prefire
marchar a quedarse en Galiza. “Isto é mentira”, denuncia Agulleiro.
“Cando se convoca unha OPE en Galiza para prazas estábeis, preséntase
moitísima xente e incluso vén xente doutras comunidades. Agora os
médicos cando rematan o MIR están con contratos día a día cambiando de
centro, polo que acaban por marchar a outro sitio cunha maior
estabilidade”.
Fernando Abraldes cre que o problema é “querer incrementar a
produtividade co mesmo volume de persoal, que non é posíbel. Ao final,
os pacientes son as vítimas, vendo a súa saúde deteriorada e
permanecendo nos corredores e despois morrendo a última hora nun
cubículo porque non te atenderon antes”, en referencia ás dúas persoas
mortas nas Urxencias do CHUS en xaneiro.
A situación está chegando ao punto de cuestionar a universalidade e
gratuidade da sanidade pública. Con todo, e parafraseando á Doctora
Cuddy —da serie House M.D.—, a solución pasa polas nosas mans. “Se
facedes todo o que Vogler di porque tedes medo de que marche cos seus
cartos, entón el ten razón, é o voso dono. Pero aínda podedes escoller. E
probabelmente sexa a última vez que poderedes facelo”. (Pablo Santiago, Elena Martín, El Salto, 08/02/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario