"En termos xerais a cidadanía de Galicia e de España adoita dicir que
está contenta coa atención sanitaria ou polo menos que “temos sorte”
polo feito de contar cun sistema público de saúde. Isto é certo, pero
nuns sitios funciona mellor que noutros.
A dimisión histórica dos xefes de servizo
de Atención Primaria de Vigo, ratificada este martes en asemblea, e as
condicións de traballo "indignas" que os médicos eventuais revelan, dá
mostra de que en Galicia, e moi especialmente na área de Vigo as cousas non funcionan ben.
Estamos a falar de persoal altamente cualificado que no mellor
dos casos saca a carreira en seis anos, fai o MIR e logo a
especialidade. En total son 11 anos de formación e práctica obrigatoria
antes de incorporarse ao ansiado mercado laboral.
Laura Prado, membro do colectivo de médicos eventuais en situación de precariedade laboral Precarias pola atención primaria,
explica que en 20 meses asinou 50 contratos, e no pasado mes de agosto
ía a contrato por día, movéndose por toda a área sur de Pontevedra. “Tes
que ter datos no móbil sempre vendo o GPS para atopar o Centro de
Saúde”. A súa situación non é excepcional e di que pode sentirse incluso
afortunada posto que a media está en 39 contratos por ano.
O colectivo lamenta que como solución a esta precaria situación desde
o Sergas se propoña o “contrato de continuidade”, xa oficial desde o 31
de xaneiro, e que afectará tanto a médicos de familia como a pediatras
de atención primaria. Este contrato, que de momento convive co anterior,
inclúe por exemplo que o 40% do horario do mes está sen fixar.
O
Sergas pode avisar en calquera hora do día, da noite ou festivo para a
incorporación inmediata a consultas ou gardas nun punto xeográfico non
determinado. Non define número de gardas, nin fai distinción
entre gardas de noite ou de día. “Podes encadear 31 horas seguidas de
traballo e pasar consulta de 7 horas aos pacientes despois de estar toda
a noite traballando en urxencias”, alerta Laura Prado.
Ademais, este
contrato non afecta só aos médicos temporais, xa que abre a porta á
creación da praza estrutural de médico de área o que suporía a
eliminación do médico de familia tal e como o entendemos. “Isto
significa aceptar que os nosos maiores sexan atendidos cada día por un
doutor, desaparece a lonxitudinade na atención, o que pode derivar no
aumento da morbimortalidade” (morte por enfermidades), explica a doutora
Prado.
Os representantes deste colectivo aseguran que non faltan
médicos -na última OPE presentáronse máis de 1.000- o que sucede é un
éxodo de profesionais cara a fóra de Galicia, como amosa o feito de que
só no último ano 129 facultativos de Galicia solicitaron o certificado
de idoneidade para traballar no estranxeiro, 44 da provincia de
Pontevedra.
Solucións
A solución a esta precariedade do
sistema de saúde viría pola creación de contratos de estabilidade a
través da oferta pública de emprego. O colectivo pide negociar
coa Xunta un novo contrato, pero se non se crean novas prazas non se
solucionará o problema, porque “é imposible organizar a miseria”,
asegura a doutora Prado.
Deste
xeito, a Xunta debería convocar oposicións que cubran as prazas
vacantes das xubilacións e creen novas prazas para facer fronte á
masificación dos cupos, a maior complexidade das probas diagnósticas, á
maior demanda e ao envellecemento da poboación.
Con esta situación as
250 prazas anunciadas polo Sergas non chegan para cubrir as vacantes a
día de hoxe nin as xubilacións en masa previstas dos próximos 5 anos. Para a plataforma de Precarias pola atención primaria é
necesario que o Sergas faga unha auditoría para estudar esta situación,
xa que o número de prazas necesarias suporía outras 500, como mínimo.
Dimisións irrevogables e folga
“Dimitimos
por dignidade e porque estamos convencidos de que unha primaria que
sexa o eixo sanitario redundaría en beneficio de todos, dos pacientes e
da comundidade, sería unha sanidade máis equitativa, máis eficaz e máis
sostible”. Manuel Domínguez Sardiña é un dos xefes de servizo dimitidos
da área de Vigo.
Asegura que pensaban que tras a primeira dimisión de
decembro, que non aceptou o Sergas, cesaría ao xerente da EOXI
(Estrutura Organizativa de Xestión Integrada), pero este feito non ten
sucedido de momento e os xefes de servizo non recoñecen á dirección actual como interlocutor.
Tres meses despois desa primeira dimisión, 22 xefes de servizo da
área de Vigo presentan a súa “dimisión irrevogable”, xa que non se teñen
implantado solucións concretas e o novo modelo proposto está pragado de
“parches”.
O xefes dos centros de saúde non están en absoluto de acordo
co novo “contrato para os precarios”, nin co cambio na estrutura da
EOXI, que “só é un cambio de nome”. Sardiña pon o foco na sobrecarga de
traballo que soportan, pero tamén destaca outras medidas no plan da Xunta
que son “fume”, como alongar a idade de xubilación ata os 70, porque
“todos sabemos que os médicos non van querer porque non estamos
motivados “ ou o MIR extraordinario, que vai afondar no éxodo masivo de
médicos.
“Eu síntome dimitido desde hoxe e se a xerencia cre que
teño que exercer mentres non me acepte a dimisión, pois que abra un
expediente”, indica o doutor Domínguez Sardiña.
Este xefe de
servizo séntese orgulloso do traballo realizado xa que xunto cos seus
compañeiros de Vigo deron o sinal de alarma que mobilizou a primaria de
Galicia. “ A primaria de Vigo nunca estivo tan unida e tan mobilizada. Eu levo 30 anos e nunca houbo unha mobilización como esta”, destaca.
Agora os xefes de servizo de Vigo queren deixar de ser un elemento de
presión e se integran noutros colectivos de sociedades profesionais que
apoian as súas reivindicacións e seguirán con accións concretas, como é o
caso da anunciada folga de atención primaria en abril.
“A folga de tres días de abril aprobouse en Vigo por unidade, como
primeira medida de presión, pero haberá máis. Agora non vamos quitar o
pé do acelerador. Vamos tentar de verdade que isto supoña un cambio
importante e non os cambios que nos ofrece a Consellería”, asegura.
Resposta da Consellería
Pola súa banda, a Consellería de Sanidade defende que ten adoptado medidas concretas
e propostas nas que se recollen as demandas dese colectivo “co
obxectivo común de impulsar un novo modelo de atención primaria que dea
respostas ás necesidades dos vindeiros 25 anos”.
En concreto a
Consellería destaca o compromiso para manter un orzamento específico
para o programa de gasto en atención primaria de saúde, diferenciado
dentro da clasificación funcional. “Por primeira vez
comprométese un orzamento exclusivo no capítulo VI para adquirir
equipamento clínico, mobiliario, dotación informática e facer pequenas
reformas nos centros de saúde tal e como se anunciou co Plan de
Necesidades, dotado con 17,3 millóns de euros para dous anos (2019 e
2010)”, indica nun comunicado.
O novo plan recolle a creación dunha Dirección de Atención Primaria
na estrutura do Sergas, a creación dunha Comisión de atención primaria
da área presidida polo titular da xerencia, da que formarán parte os
xefes de servizo da área.
Con respecto á sobrecarga asistencial a
Consellería subliña as 254 prazas ofertadas que se convocarán este
verán para medicina de familia e outras 93 para pediatría de primaria.
A
Xunta pon en valor tamén o novo contrato para eventuais, aprobado o 15
de xaneiro, “co que os profesionais terán maior estabilidade laboral
pois son contratos cunha duración mínima de 1 ano e máxima de 3,
desfrutarán de igualdade de dereitos e igualdade de retribucións,
incluíndo o complemento de produtividade fixo e variable.” (Vanesa Vázquez, Praza P^´ublica, 14/03/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario