"A falta de prazas e rúas, hoxe temos varandas e xanelas”. Con estas palabras comeza o manifesto de presentación de Varanda Viva,
unha rede galega de solidariedade, voluntariado e reivindicación que
busca facerlle fronte á crise derivada da propagación do novo
coronavirus.
“Somos unha resposta galega e autoorganizada, un instrumento popular de exixencia ás institucións de medidas eficaces de contención da pandemia fronte ao impacto económico, social e laboral”, asegura o colectivo na súa web.
A iniciativa está promovida por persoas traballadoras de actividades e servizos básicos relacionados co ámbito da sanidade, o mar, a alimentación ou o transporte;
mais fai un chamamento ao pobo galego para que se una ao seu proxecto e
forme parte activa del, “desde as súas casas, xanelas e varandas”.
Voluntariado asistencial
Desde esta nova plataforma reivindican propostas adaptadas á
realidade do país ademais de medidas asistenciais capaces de darlle
cobertura ás necesidades da cidadanía galega. Neste sentido, Varanda Viva conta desde o seu nacemento cunha rede asistencial
“encargada de xestionar as solicitudes de recursos e medios,
individuais e colectivos que nos chegan de distintos puntos do
territorio”.
A través da súa web, quen se anime a colaborar, pode facelo indicando
tan só se se ofrece a axudar ás demais ou se precisa algún tipo de
asistencia en particular para artellar a mellor forma de facelo.
“Esta pandemia non vai poder connosco”
Varanda Viva concentra no seu manifesto “a forza dun país e da súa
xente” para “esconxurar as incertenzas e recuparar o rimo das nosas
vidas”. Así, declara a súa confianza na sanidade pública, nas
profesionais que a fan posíbel malia anos de recortes e desmantelamento.
Máis tamén naquelas persoas que fan posible o confinamento da maioría, as chamadas a traballar para manter cubertas as necesidades básicas de todas.
“Sen todas esas persoas ningunha decisión gobernamental, ningún Real
Decreto, podería garantir a nosa seguranza, a nosa manutención e os
coidados que precisamos”.
“Máis que nunca, confiamos en nós mesmas, en nós mesmos. Fronte á pandemia que nos axexa aí fóra. Fronte aos Gobernos de Madrid e da Xunta, que
sementan dúbidas e fan gala de improvisación e incompetencia, confiamos
en nós. E a falta de prazas e de rúas, hoxe temos varandas e xanelas”,
conclúen no seu manifestamento de presentación." (Nós, 14/04/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario