"O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu insistir en que a Xunta suprimiu a Tarxeta Básica, que facilitaba axudas económicas a familias en situación vulnerable para comprar produtos de alimentación, hixiene ou farmacia, porque "naceu nun momento no que non era posible traballar" --xa que foi posta en marcha no ano 2020 --, con todo, engadiu, "agora, afortunadamente, a situación cambiou".
"Naquel momento non había mobilidade e non había posibilidade de traballar. A razón dese apoio xa non existe, por tanto esa excepcionalidade xa non está e esa é a razón de que se suprima esa axuda, que naceu nunha situación na que moita xente non podía traballar e xerar ingresos", manifestou.
Nunha visita á nova UCI do Hospital de Santiago de Compostela, Rueda recoñeceu que "a situación segue sendo difícil", pero, dixo, quen queira traballar, se hai postos de traballo, pode facelo; non é como antes".
Por este motivo, xustificou que se suprima esta axuda, pero defendeu que "se manteñen todas as demais e exporanse outras novas en función dos acontecementos". "A Xunta mantén axudas para persoas que están nunha situación complicada", reivindicou.
PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, denunciou este sábado que a decisión da Xunta de suprimir a Tarxeta Básica "vai en sentido contrario ás necesidades dos galegos". Formoso censurou que se suprima "unha axuda fundamental" para "75.000 galegos con menos recursos".
Nesta mesma liña, o líder dos socialistas criticou a situación de "saturación" da sanidade galega e lamentou a "pasividade" da Xunta ante estes feitos. Así, reclamou ao presidente da Xunta un aumento do persoal sanitario ante as vacantes por vacacións que, engadiu, "poden provocar unha tensión do sistema", e pediu un incremento do orzamento en atención primaria.
Ademais, tamén reprochou que o Executivo de Alfonso Rueda "non tome ningunha medida" ante as dimisións recorrentes en "todos os hospitais de referencia". (Galicia Confidencial, 02/07/22)
No hay comentarios:
Publicar un comentario