9/8/22

Consultas de tres minutos e medio para até 80 pacientes nun día: a sobrecarga no Sergas, denunciada no Tribunal Superior

 "O Goberno galego incumpre a súa propia normativa e permite que o persoal médico da Atención Primaria teña que atender até 80 pacientes nun mesmo día, cuestión pola que o sindicato O'Mega vén de demandar á Administración perante o Tribunal Superior de Xustiza.

A síndrome de burnout, ou síndrome de desgaste profesional, é unha doenza propia do ámbito laboral que se dá cando o traballador, ou traballadora, sofre un estado de esgotamento físico e mental que se prolonga no tempo e que, nos casos máis agudos, pode chegar a supor a incapacidade permanente.

Neste estado atópase boa parte do persoal médico que presta servizo na Atención Primaria, segundo recolle o sindicato O'Mega, maioritario no sector sanitario, na demanda por sobrecarga de traballo que interpuxo perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) o pasado 1 de agosto e que deu a coñecer esta terza feira.

O'Mega pon o foco en que cada doutor ou doutora ten que atender cada día unha media de 70 pacientes, "con picos no verán de até 80 en zonas turísticas", unha cifra inasumíbel que supón o dobre do permitido pola normativa aprobada pola propia Xunta da Galiza o pasado ano —entre 32 e 40 pacientes—.

A demanda diríxese contra a Consellaría de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e busca a declaración de "conflito colectivo" por mor da situación laboral dos facultativos do sistema público do país. Así, salienta os prexuízos que esta saturación supón para as persoas doentes, "que non reciben unha asistencia de calidade acorde cos estándares deseñados polo propio Goberno galego", e máis para o propio persoal sanitario: "A sobrecarga de traballo implica que se multipliquen as incapacidades laborais e o risco de emitir unha diagnose errónea", advirte o texto.

Consultas médicas de tres minutos e medio

O sindicato denuncia a vulneración dos artigos 15 e 43 da Constitución española, que protexen a integridade física e psíquica das persoas e o dereito á saúde, respectivamente. "A pesar de posuír unha normativa propia, o certo é que a lei non se cumpre e que os facultativos, de forma reiterada e constante, deben atender consultas de até 80 pacientes nos 300 minutos dos que dispoñen, o que deixa unha media de pouco máis de tres minutos e medio por paciente, tempo absolutamente insuficiente para ofrecer unha asistencia sanitaria de calidade", salientan desde O'Mega.

No documento presentado en instancias xudiciais tamén se fai fincapé en que as axendas programadas do persoal médico non se limitan ás consultas no centro de saúde e inclúen tamén visitas a domicilio, reunións clínicas, actos de investigación e urxencias.

Aliás, o sindicato pide ao TSXG que declare probado que o Sergas "vulnera os dereitos dos médicos da Atención Primaria e dos pediatras en materia de integridade física e saúde", subliñando os "incumprimentos en materia de seguridade laboral" que se denunciaron perante a Inspección de Traballo pola situación, especialmente crítica, que se está a vivir na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, onde a presión sindical obrigou a cesar o xerente, substituído polo ex responsábel do Sergas, José Flores."                     (Yuri Carrazoni, Nós, 09/08/22)

No hay comentarios: