"O 23X Feijóo fracasou. Non acadou a maioría absoluta que lle permitiría gobernar en solitario. A súa investidura pantasma turba o optimismo do PPdeG sobre unha futura Quinta Maioría. Galicia resiste como un búnker electoral conservador. El-Rey fíxolle o galano de encargarlle a formación de Goberno sen apoios suficientes. Se Sánchez, na seguinte tirada, logra unha maioría parlamentaria, a Feijóo sen repetición das lexislativas só lle queda avalar o seu liderado cunha contundente vitoria nos comicios galegos e europeos de 2024. Feijóo manda, arestora, máis en Galicia que Rueda. Galicia é o seu pavillón de repouso. Será el quen decida cando son as eleccións galegas de acordo coa súa axenda de supervivencia política. Hai quen confía en que o fracaso de Feijóo acabe provocando colapso electoral do PPdeG. Con iso non bastará. Sen cooperación e un programa compartido por BNG, PSdeG e Sumar non haberá cambio político en Galicia.
Feijóo, elixido para liderar un fracaso
Na dereita do hemiciclo, a investidura do décimo sexto goberno do Reino de España macerou en fantasías de partido. A aritmética fulmina os relatos triunfais de Génova 13. O 23X Feijóo fracasou. Non sumou a maioría absoluta. Fracasou. Non lle abonda con Vox para gobernar. Non conta con máis apoios que os de Vox, UPN e Coalición Canaria. E non en todos os casos. Marrou estrepitosamente no asalto á mesa do Congreso. Con Coalición Canaria e a UPN como comparsas, non conseguiu de balde os votos de Vox para elixir a Cuca Gamarra presidenta da cámara baixa. Feijóo estreou o escano cunha escandalosa derrota.
O Partido Popular fundou as súas esperanzas en que Filipe VI cedese ás súas inclinacións conservadoras e bendicise simbolicamente a Feijóo como vencedor ao encomendarlle a formación do Goberno. Por cabo, Filipe de Borbón encargou a Feijóo a formación dun Goberno sen maioría no Congreso. Unha decisión que en nada mellorará a súa cativa imaxe de monarca autoritario que avalou a solución de forza o 3 de outubro de 2017 para acorar o Procés. Unha pésima decisión que engorda a crise de lexitimidade que, desde hai tempo, arrastra a Casa Real e volve poñer en primeiro plano a necesidade dunha solución republicana para a democratización plurinacional do Estado.
As trécolas de Feijóo sobre a coalición de perdedores e os perigos que para a unidade de España representa a reedición do Goberno Frankenstein non fan máis críbel a súa investidura pantasma. As
súas ficcións non mudan a realidade. Non dan os números. Tras fracasar
no seu intento, o maior éxito ao que pode aspirar é que a negativa de
Junts per Catalunya a investir a Pedro Sánchez force a repetición
electoral.Quédalle agardar pola apoteose da estratexia do canto peor,
mellor. O deostado bloqueo sería a súa táboa de salvación. Mentres fique
aberto o horizonte electoral, poderá soster o seu cambaleante liderado.
En mínimos de credibilidade, coa súa popularidade en devalo, sen
investidura posible, os reiterados fracasos de Feijóo turban o optimismo
do PPdeG sobre unha futura Quinta Maioría.
Galicia como búnker
O PPdeG sumou o 23X un resultado soberbio, esmagador, inapelable. En Galicia, o bloque electoral conservador é sólido, non presenta fisuras. Mesmo é poroso e atrae electores moderados do centro-esquerda. A presenza de Vox é marxinal. Sen repetición das lexislativas, confrontando co Goberno Sánchez II, Feijóo tentará avalar o seu liderado cun contundente resultado nas eleccións galegas e europeas de 2024. A recuperación da súa autoridade pasa por asinar indiscutibles vitorias electorais.
A memoria é un repositorio de esperanzas. A situación na que ficará de fracasar na investidura asemellarase á depresión electoral de Mariano Rajoy tras a súa segunda derrota diante de Zapatero en 2008. É sabido da importancia decisiva que tivo o triunfo do PPdeG —capitaneado por Feijóo— en 2009 para relanzar politicamente a Rajoy até acadar a presidencia do Goberno en 2011. Por iso, non será Rueda quen poña data ás eleccións ao Parlamento de Galicia. Feijóo manda máis en Galicia que Rueda. A cita electoral estará acompasada coa súa axenda de supervivencia. A convocatoria das lexislativas galegas será cando a el máis lle conveña para obrigar aos díscolos do partido a un peche de filas e procurar cun grandioso éxito electoral en Galicia cementar o seu feble liderado.
Galicia, pavillón de repouso
En 1943, Camilo José Cela escribiu Pabellón de reposo,
que cualificou como «unha novela na que non pasa nada». En agosto de
2023, Galicia é un pavillón de repouso, o ideal dos conservadores, un
pais onde non pasa nada. O Goberno descansa. O presidente Rueda alterna
en eventos turísticos, gastronómicos e relixiosos. Esquiva todo problema
e desmente toda responsabilidade, sexa sobre os efectos negativos da
masificación turística ou a fraude das inspeccións das residencias de
maiores. Adía decisións sobre a taxa turística ou a reforma do canon da
auga. Garda silencio e censura na CRTVG novas sobre a suba dos prezos
dos produtos alimentarios. Desenténdese da deterioración dos servizos de
transporte metropolitanos, da deficiente protección da Rede Natura ou
do aumento da débeda da Xunta. Sen incendios, non pasa nada.
Rueda unicamente abandona o repouso para corear mansamente o relato triunfal de Feijóo e trazar liñas vermellas aos demais. Fixo a ofrenda ao Apóstolo para que evite a división e parálise do Estado tras o 23X. Outra volta, reclamou un apoio sen fisuras para Feijóo e descartou un adianto electoral en Galicia. Criticou a Sánchez por ceder á virtual chantaxe dos independentistas. Rexeitou unha quita unilateral da débeda de Cataluña e avogou por formar unha fronte contra calquera pacto bilateral sobre o financiamento autonómico e, de producirse, ameazou con recorrer á vía xudicial para bloquealo. Cada vez que ten ocasión, reitera a promesa electoral que fixo Feijóo no último día da campaña: «Galicia xógase volver ter prestixio no Goberno. Se son presidente, comprométome a priorizar os asuntos galegos, e iso non pasou nunca». Rueda acepta mansamente que Feijóo cumprirá as promesas que desatenderon antes Aznar e Rajoy.
O PsdeG, en stand-by
PSdeG e BNG gardan un incómodo silencio respecto dos seus resultados o 23X. Horrorosos os do PSdeG. Decepcionantes no caso do BNG. Só se ven aliviados pola frustrada maioría absoluta de Núñez Feijóo. O PSdeG é unha sombra gris de Sánchez e do Goberno progresista. En Galicia, carece de liderado, programa e unha estratexia electoral competitiva fronte ao PPdeG. Confiando no voto útil, o PSdeG distanciouse, tras as municipais, do BNG como aliado e socio de goberno, unha estratexia que deitou paupérrimos resultados. (...)
José Ramón Gómez Besteiro aínda non se postulou como candidato. Formoso reiterou que de presentarse Besteiro, el non concorrerá ás primarias. Gonzalo Caballero está desde o 23X en precampaña. Presenta como mérito os resultados das xerais, municipais e europeas de 2019. En abril de 2019 ganando por vez primeira o PPdeG unhas eleccións xerais, cun axustado empate na repetición de novembro. Nas municipais de 2019 acadando o maior poder local: 1181 concelleiros e 111 alcaldías, e tres das catro deputacións. Nas europeas sendo a forza máis votada. É o seu aval para pilotar a recuperación política do PSdeG. Obvia que, daquela, Sánchez acadaba máximos de aceptación popular. O brillante palmarés esborrallouse polo tallante fracaso nas autonómicas de 2020 onde Caballero foi cartel electoral.
Os sebastianistas que ansiaban a recuperación de Besteiro como principal activo do PSdeG viven horas abaixadas. A súa estrea electoral foi un chasco. O PPdeG venceuno de xeito contundente. A candidatura de Besteiro axuntou o 30.31 % dos votos, a do PPdeG, encabezada polo exconselleiro Francisco Conde, o 50.35 %. Un rudo golpe. Con todo, Besteiro ten evidenciado, no pasado, sobrada capacidade de resistencia e resiliencia e segue a ser o favorito a priori. Para concorrer con garantías á cita autonómica precisará impoñerse categoricamente nas primarias. Ademais, debe contar coa lealdade incondicional do tándem Formoso-Lage para minimizar o custe da bicefalia entre a dirección do partido e o cartel electoral. E non menos importante, que Ferraz e Moncloa se comprometan a librar nas eleccións galegas unha batalla sen cuartel para crebar de vez o liderado de Feijóo.
Retomar a vía hexemonista
Frustrada a expectativa de dar un gran salto adiante nas eleccións do 23X, o BNG ten que enfrontar unha complexa situación: o desequilibro entre o seu minguado peso na política do Estado e o seu liderado na oposición ao Goberno de Alfonso Rueda. Nos actos do 25 de xullo, Ana Pontón insistiu en que o BNG mantén as portas abertas e quere agrandar a súa base social e que, arestora, é a forza impulsora do cambio de ciclo político en Galicia. Con todo, a axenda de apertura de Pontón amosa síntomas de esgotamento e o compromiso de ampliación da base social do BNG rexistra cativas concrecións.
A lóxica doméstica da organización
aferrolla a vocación hexemonista. Fanse escoitar voces que reclaman un
perfil máis ideolóxico no labor institucional. Ou intensificar a
confrontación con PSOE e Sumar. Abandono mudo do hexemonismo e retorno
ao voto identitario, ideolóxico, como valor de refuxio do
resistencialismo. Mesmo Néstor Rego, secretario xeral da UPG, no acto en
homenaxe a Moncho Reboiras en Ferrol, interpelou as organizacións
municipais da fronte para que fagan «política e non apenas xestión». De
non facelo, subliñou que «asistiremos á constatación de que o que nunhas
municipais aparece como un oasis verde e farturento, vira súbito nunha
miraxe que se esvae como fume en canto chegan unhas eleccións de
carácter xeral».
Non deixa de sorprender a cativa valoración que Rego fai do municipalismo nacionalista. Os casos de éxito municipal do BNG son desde hai décadas moito máis que xestión. Combinan liderados empáticos, políticas de proximidade apegadas ás demandas cidadás, programas de mellora de vida ao servizo da maioría, compromiso normalizador e dignificación da lingua e a cultura galega, e diálogos abertos con asociación e entidades non exclusivamente circunscritas ao campo do nacionalismo. Hai oasis verdes e farturentos no municipalismo nacionalista. E hai, pola contra, un desolador deserto na súa política de Estado.
Fai quince anos, o BNG acariñaba o 20 % dos votos galegos nas xerais. Na elección de 2011 sumou xa tan só o 11,18 %. Desde aquela nunca volveu superar o 10 %. O 23X rexistrou o 9.48 %. O BNG ten nas lexislativas do Estado os seus peores niveis de adhesión cidadá, máis cativos mesmo que nas eleccións europeas de 2019 (11.84 %). O Bloque ten unha fráxil política de Estado, non lle abonda con arrogarse a representación, máis retórica que eficaz, dos intereses galegos. Faltoulle política no Congreso dos Deputados que o homologase coas outras forzas soberanistas de esquerda como EH-Bildu ou ERC. O BNG precisa de políticas de cambio tamén para o Estado español.
Fonte ao programa involucionista da dereita, o BNG regateou esforzos na construción dun bloque de avance de liberdades políticas e dereitos sociais. Ha de ter marxe para a crítica, pero tamén para a complicidade co Goberno de PSOE e Sumar se prospera a investidura de Pedro Sánchez. O obxectivo non debera ser, coma na recta final da pasada lexislatura, marcar a distancia crítica senón fundamentar unha cooperación útil e leal que, en todo caso, reforzará as posibilidades do cambio político en Galicia e o papel do BNG no liderado desa alternativa. A lenta corrosión do Goberno de Rueda e o fracaso da investidura de Feijóo abren campo a un cambio político. Pola contra, a falta de cooperación das forzas do bloque progresista e o nacionalismo de esquerdas cementa o dominio conservador en Galicia. A BNG, PSdeG e Sumar non lle basta con non errar de inimigos, cómprelles tamén contar con aliados. " (Manuel M. Barreiro, Tempos Novos, 18/09/23)
No hay comentarios:
Publicar un comentario