2/1/09

UUAA láiase do escaso beneficio para os propietarios dos terreos onde irán os eólicos

"Admitidos a trámite proxectos de 29 grupos

A Xunta controlará o 14,2% do capital eólico concedido

Un total de 325,74 megavatios do conxunto de 2.290 outorgados por Industria quedarían baixo control da administración, xerando 30 millóns por ano.

Un 14% de cota pública nos parques eólicos e a previsión de até 8 mil postos de traballo a crear froito dos proxectos industriais asociados, cun investimento previsto de 1.357 millóns de euros, ademais de 2.744 millóns para o despregue dos propios parques e 3.100 traballos xerados pola propia construción destes. Son as cifras principais que achegou este venres a saída á luz pública da resolución da comisión de valoración do concurso eólico. (…)

"Por primeira vez a explotación dun recurso natural de Galiza redunda en beneficio dos cidadáns deste país", afirmou o vicepresidente. Quintana insistiu na "transparencia" do proceso que, na súa opinión, foi "radiado, televisado e comentado" amplamente. "Facemos historia tamén pola transparencia e publicidade", insistiu. (…)

Fernando Blanco falou dun "cambio sustantivo e transformador" e asegurou que non hai dúbidas sobre a seguridade xurídica. O conselleiro tamén chamou a atención sobre o investimento que se derivará aos concellos afectados polos parques. Así, desa media do 14% de cota pública, o Goberno promete destinar catro de cada dez euros ingresados nese apartado polo Instituto Enerxético de Galicia a obras concretas pactas cos gobernos locais. Ademais, o 10% irá para as comunidades de montes e entre un 1 e un 3% a propietarios de montes.

Os principais beneficiarios

Eólica Galenova: 235 megavatios (Reúne a Caixanova e o grupo Elecnor)
Aucosa Eólica: 216 MW (Iniciativa promovida por varios grupos conserveiros)
Ventos Cooperativos: 192 MW (Reúne as principais cooperativas leiteiras do país: Feiraco, Icos, Irmandiños, Colaga)
Norvento Eólica e Norvento: 172,8+21 (Caixa Galicia)
Fisterra Eólica: 174 MW (Endesa)
Puentegasa: 173,4 MW
Ventauría Enerxía Rural: 160,2 MW
Enerxías Renovables de Galicia: 142 MW (Vencellado ao construtor Jacinto Rey, do grupo San José)” (Vieiros.com, 26/12/2008)


Ouseña, O grupo San José, financiero do periódico do Bloque, "A Nosa Terra", e as caixas de aforro, as dos cartiños pra as campañas electorais... e os paisanos, pois a velas vir...

"Á galería de críticas pola recente resolución eólica apuntouse tamén este martes o sindicato Unións Agrarias (UUAA). A través do colectivo Vento Noso, asociación nada para a defensa dos propietarios de solo e vinculada a esta organización agraria, UUAA carga contra a pequena porcentaxe, entre o 1 e o 3%, que o Goberno fixou para a remuneración dos terreos. Segundo explicou Xosé Antonio Diéguez, presidente de Vento Noso, os chamados contratos de adhesión "só benefician os grupos empresariais".

Por este motivo, Unións considera que a situación está no gume da "fraude", e quéixanse de que da cesión media gratuíta ao INEGA do 14,5% da potencia do concurso, á súa vez apenas un un 5,8% desa porcentaxe se lle vai trasladar aos concellos a través da Fegamp e só será un 1,4% o destinado ás comunidades de montes veciñais (CMVMC). Trátase, din desde o sindicato, dunha "clara discriminación con respecto ao resto dos propietarios". UUAA defende desde hai tempo que o negocio eólico deixa marxe suficiente para que os propietarios dos terreos reciban "até un 10%". Subliñan ao respecto que se trata da media do que noutros países da Unión Europea están recibindo os propietarios.

Outra importante queixa exposta por Vento Noso é a definición do chamado "terreo eólico", considerado como aquel onde é rendíbel instalar un parque de muíños porque o vento sopra coa potencia axeitada un número suficiente de horas ao ano. Advirten desde o colectivo de que, á hora das expropiacións, no canto de seren valorados economicamente en función desa capacidade de xerar enerxía eléctrica, son valorados polo seu valor como solo rústico, podendo ser captados así por cantidades moito menores ao seu valor real." (Vieiros.com, 31/12/2008)

No hay comentarios: