"A vida vaise vivindo, tamén polo país pasan os anos, os períodos. O galego xa non é lingua de pobres e iletrados, eses falan castelán. E de quen é lingua realmente? Tras a morte de Franco a sorte histórica do galego estaba nas mans da democracia, que para nós é o autogoberno galego, a autonomía. Tiñan de ser os gobernos galegos quen garantisen a existencia da lingua. Xa vimos o que foron os anos na Xunta da dereita, un paternalismo que encubriu a morte lenta.
A pasada Xunta bipartita foi o que foi, a frustración da esperanza, e agora chegou a hora da verdade, veu o matador do galego. Acabaron as cerimonias, acabouse o paternalismo, o matachín é práctico e pragmático, vén coa cuadrilla acabar de vez coa lingua galega. Morra o conto, di. Nin Galiza nin Galicia, catro provincias abóndanlle.
Para a nosa desesperación. Fannos desesperados novamente, entregar a vida a un soño é gañar a desesperación." (SUSO DE TORO: Asasinos do soño. El País, ed. Galicia, Galicia, 01/05/2009, p. 11)
No hay comentarios:
Publicar un comentario