Non é un problema que lle afecte só a Galiza, pero aquí habería un dos mellores exemplos a nivel estatal de descoordinación aeroportuaria. Nese sentido, a reorientación da política en materia de aeroportos pasaría por "concentrar as operacións nun único aeroporto".
Son as conclusións dun estudo promovido pola Universidade das Palmas de Gran Canaria e coordinado por Juan Carlos Martín, vicedecano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. A análise acaba de ser publicada polo Servizo de Información e Noticias Científicas (SINC) do Ministerio de Ciencia e Innovación.
No informe, sinálase que o norte do Estado Español é a área europea con maior número de aeroportos por quilómetro cadrado e, ante infraestruturas demasiado próximas, recomendan os autores, "sería moito máis interesante apostar por un e que tivese moitos máis enlaces". Así acontecería no caso galego, onde o aeroporto compostelán de Lavacolla e o coruñés de Alvedro están apenas a 50 km e a maiores existe en Vigo o aeródromo de Peinador. "Galiza debería apostar por un dos tres que existen", conclúen.
"A maioría dos xestores aeroportuarios están máis preocupados polos parámetros de seguridade que polos de eficiencia económica", declara Juan Carlos Martín, profesor do Departamento de Análise Económica Aplicada e un dos autores do estudio que acaba de publicar o Journal of Productivity Analysis. A estimación dos custos marxinais eficientes para cada aeroporto utilizouse para analizar a viabilidade financeira de cada aeroporto e a adecuación do sistema de prezos adoptado por AENA. O estudio sinala que as economías de escala non se esgotan para o tamaño observado nos aeroportos estatais, e que polo tanto se podería producir máis a menor custo se o tamaño do aeroporto fose máis grande prestando servizo a máis avións, pasaxeiros e cargo.
Alén do caso galego, o estudo repara por exemplo en situacións como a de Euskadi, tamén con tres aeroportos e que ten ademais moi próximos o de Santander e Pamplona". Sinala o estudio, que en cambio no caso das Illas Baleares e Canarias si estaría xustificada a existencia de máis dun aeroporto, xa que son infraestruturas de transporte básicas nos arquipélagos para garantir a accesibilidade do territorio e o desenvolvemento turístico das rexións.
A análise debulla 37 aeroportos estatais, para os que os investigadores demostraron que a ineficiencia económica da maioría das terminais aéreas se debe a unha excesiva descentralización dos servizos aeroportuarios. " (Vieiros, 12/06/2009)
No hay comentarios:
Publicar un comentario