10/1/13

Máis cartos para promocionar Santiago entre os santiagueses

"Dous convenios moi semellantes e para ser executados nun periodo moi concreto, xusto entre finais de 2012 e comezos de 2013. Hai uns días informabamos de que a Secretaría Xeral de Medios asinaba dous convenios con La Voz de Galicia e El Correo Gallego o 8 de novembro. 

A Editorial Compostela pagaralle 95.000 euros para a "a difusión informativa das potencialidades de Santiago de Compostela no xornal El Correo Gallego".  A La Voz pagaralle 110.000 euros exactamente para o mesmo, segundo figura nos títulos dos convenios aos que tivo acceso GC. En total, 205.000 euros.
Curiosamente, unha semana antes era o Concello de Santiago o que asinaba un convenio caseque identico ao da Xunta e, tamén, cos mesmos medios. Segundo estes documentos  aos que tivo acceso GC, a alcaldía que dirixe o PP asinou con Editorial Compostela un convenio por 110.00 euros e outro con La Voz por importe de 100.000 euros. 
 Uns cartos para "accións de información e difusión" de Santiago que se teñen que executar entre o 31 de outubro de 2012 e o 31 de marzo de 2013. Logo, supostamente, se poderán asinar novos convenios para o mesmo fin.
É dicir, ao igual que acontece co convenio da Xunta, neste caso, o Concello de Santiago dalle cartos a estes xornais para dar a coñecer aos habitantes dunha cidade o que representa a cidade na que viven. (...)

O certo é que o obxectivo dos convenios é unha mera formalidade, unha excusa coa que desvíar recursos públicos a empresas privadas de comunicación a cambio dun bo trato informativo ao poder. 
A Xunta de Galicia leva décadas -dende o fraguismo até hoxe pasando polo bipartito- financiando aos medios de comunicación afíns mediante este opaco sistema. Ningún outro sector económico recibe tanto diñeiro público sistematicamente a cambio, en teoría, de nada.
Ademais, todos estes contratos foron asinados a final de ano, nunha época na que a Xunta paralizara o pagamento de numerosas facturas institucionais. Con todo, para os medios sempre hai cartos. Tal e como publicou o GC, nas últimas semanas de decembro, Presidencia deu ordes de executar todo o orzamento que había en materia de publicidade e, por iso, se multiplicaron as campañas institucionais nos principais medios galegos. 
Pola contra, os medios que usan a lingua do país están absolutamente marxinados polo Executivo popular. O pasado ano déronse un 400% máis de axudas aos medios en español que aos medios en galego. "             (Galicia Confidencial, 09/01/2013)

No hay comentarios: