27/4/18

O acordo de Xunta e Fomento obrigaría á Coruña a indemnizar a Autoridade Portuaria se non vai adiante a privatización

"Dous días tardou a Autoridade Portuaria da Coruña en remitirlle ao Concello a copia do protocolo asinado o mércores por Xunta de Galicia, Ministerio de Fomento, Portos do Estado e o propio Porto da cidade para o deseño do futuro dos terreos do borde litoral. 

O acordo negociouse sen convidar a ningunha outra administración ou actor social, comezando polo propio Goberno municipal e asinouse nun acto con máis pompa que contido do que nese momento non trascendeu gran cousa aos medios de comunicación. O alcalde Xulio Ferreiro resumiu aquela cerimonia como outra foto: "Pasamos da foto de finais do pasado ano á foto desta primavera. Unha foto a porta pechada e á que non foi convidado o Concello". 

Este venres pola tarde por fin a Autoridade Portuaria accedeu a enviar o documento ao Concello, que o fixo público a través da súa web. En esencia, o protocolo subliña a vixencia do convenio asinado en 2004 para o financiamento do Porto Exterior e que pasa pola privatización da meirande parte dos terreos portuarios interiores que quedarán sen actividade. 

Cambian as condicións, iso si, para os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, máis próximos ao centro pero de moita menor extensión, pero confirman os plans para vender o espazo de San Diego (o 80% da superficie total) para levar a cabo alí unha xigantesca operación inmobiliaria que pasa pola construción de catro mil vivendas en edificios de ata nove alturas.

O núcleo do protocolo xira ao redor de disposicións que buscan garantir a consecución de 30 millóns de euros antes do ano 2020, momento en que a Autoridade Portuaria deberá facer fronte á devolución dunha parte importante dos créditos concedidos hai unha década polo Estado para as obras do Porto Exterior. 

Deste xeito, o acordo garante o control da Xunta sobre os terreos de Batería e Calvo Sotelo (o 51% dos dereitos sobre os mesmo), pero obrigando a un pagamento de varios millóns de euros. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo citou o mércores a cantidade de 20 millóns que, con todo, non figura no protocolo en ningures.

O texto prevé a venda do Hotel Finisterre e sinala que A Solana seguirá sendo propiedade pública, en mans da Autoridade Portuaria, pero impide a súa compra polo Concello ou a súa cesión para pasar a ser de titularidade municipal.

 Sobre os terreos de San Diego, o documento é moi pouco concreto e remítese ás disposicións do convenio de 2004, que prevía uns ingresos de case 200 millóns de euros pola súa privatización. Só engade a posibilidade de que a Xunta achegue máis cartos públicos para a adquisición dunha parte do espazo.

Ademais, o protocolo especifica na súa cláusula 6.3 a obriga de Concello e Xunta de indemnizar millonariamente á Autoridade Portuaria no caso de que tentasen bloquear o proxecto inmobiliario. 

"As partes recoñecen a vixencia e aplicabilidade do establecido nos convenios de 2 de febreiro e de 4 de outubro de 2004 e particularmente do previsto na súa cláusula Sexta, relativa á regulación do suposto de que non se produza a ordenación urbanística acordada nos devanditos convenios, respecto dos terreos portuarios a desafectar aos que se refire", detállase.

O Concello reaccionou ante o que cualifica de "hipoteca para a cidade". O alcalde, Xulio Ferreiro, denunciou "a deslealdade institucional que amosa o PP". "Semella que o único interese do presidente Feijóo sexa o de pactar co goberno de Mariano Rajoy de costas á cidadanía para repartirse o noso litoral e asegurar unha maioría de bloqueo (un 51%) na futura transformación dos terreos portuarios”, dixo.

 “Que traten de repartirse a fachada marítima é unha mala noticia, pero aínda máis mala e que pretendan tomarnos o pelo e salvar a peza maior da operación especulativa, que é a dos peiraos de San Diego”, afirmou, engadindo que "recúan no centro para facer caixa cos barrios".

Ferreiro destacou que  “o protocolo asinado por Xunta e Estado segue sen dar solucións nin aclarar os usos dos peiraos que se irán desafectando", un debate que será o núcleo do Foro Cidadán Tecendo Litoral, que terá lugar os próximos días 27 e 28 de abril en Palexco, no que participarán expertos e expertas neste tipo de procesos (procedentes de Bilbao, Valencia, Bacelona ou Francia) e de entidades sociais da cidade. 

"Xa sabiamos que o Partido Popular non confía nesta cidade. Agora sabemos tamén que non a coñece. Nin Feijóo nin Rajoy nin o ministro de Fomento coñecen A Coruña. Non saben do que A Coruña é capaz, do que as coruñesas e os coruñeses somos capaces de facer para defender o que é o noso", advertiu Ferreiro. 

O rexedor pediu "unidade" na cidade para "poder artellar unha fronte contra a exclusión da cidadanía da Coruña das decisións sobre o seu patrimonio e futuro". "Tanto o Concello como a cidadanía farán todo o necesario para defender o seu patrimonio”, concluíu."             (Marcos Pérez, Praza Pública, Praza Pública)

No hay comentarios: