"Unha chea de creacións audiovisuais, na súa maioría vídeos
infantís, para plataformas dixitais como Youtube, Facebook e Instagram.
Isto é o que sae cada día dun piso de Ponteceso, ubicado na rúa Aduana, a
través da empresa Entretendo SL.
Os seus creadores son Eva Rama Martínez, natural de Ponteceso, e o
seu marido David Pombo Rivera, de Cesullas, en Cabana de Bergantiños.
“Foi todo un pouco casual. Eu empecei a facelo de modo caseiro e xusto
cando me empezaba a ir ben, ata o punto de plantexarme vivir deste
traballo, o meu home tivo un accidente que nos cambiou a vida. Foi entón
cando decidín facerme autónoma e traballar disto, xa que me permitía
ter un seguro e soldo, ademais de poder atender á miña familia”, conta
Eva.
Ademais de Eva e David, en Entretendo traballan dous ilustradores,
dous animadores 2D, un xestor de redes sociais e tres técnicos
audiovisuais. Todos son da provincia da Coruña, cunha boa representación
da Costa da Morte. “É importante que a xente se atreva a quedar nos
pobos pequenos, e non marchen para as grandes cidades. Foi un pouco
difícil atopar profesionais desta rama pola nosa zona, pero sempre acaba
aparecendo alguén”.
Non hai moitos anos, a idea de emprender un negocio ou empresa
parecía que só era posible para aquelas persoas cun importante capital.
Mais a invención das novas tecnoloxías permite agora que calquera persoa
poida facer realidade os seus soños a través das ‘startup’, ou o que é o
mesmo, empresas de nova creación que presentan grandes posibilidades de
crecemento.
Entretendo é un bo exemplo de Startup. Unha empresa
moderna dirixida a diferentes públicos e que abarca diversos campos:
desde a divulgación científica, social ou histórica ata o entretemento
infantil. Teñen arredor de seis canles, algunha delas moi coñecida na
zona por algunhas das colaboracións que teñen feito con este mesmo
medio. Falamos de Eres Curioso,
o seu último traballo, co que ilustran e animan datos e curiosidades
para todos os públicos.
“A verdade é que este novo proxecto está tendo
moi boa acollida. Os resultados, por agora, son moi bos”, engade Eva.
Todas estas canles acumulan 13 millóns de subscritores en Youtube,
35.000 seguidores en Instagram e 25.000 en Facebook, unha cifra que
nestas dúas últimas redes agardan seguir aumentando, xa que aínda acaban
de comezar.
Moitos dos que chegarades ata aquí seguramente vos esteades preguntando cal é a monetización de todo este traballo. A resposta é sinxela. O resultado está nas reproducións.
Youtube paga pola reprodución de cada vídeo. Un mercado que a priori
pode parecer vantaxoso, pero no que cada vez hai máis competencia.
“Hoxe
en día é moi difícil crear unha canle de Youtube desde cero como se
facía hai uns anos cando nós comezamos. Temos que estar sempre innovando
para non quedarnos atrás respecto aos nosos competidores”, explica a
empresaria pontecesá, e engade: “Agora mesmo, pregúntaslle a un neno que
quere ser de maior e respóndeche que Youtuber, pero ese cativo non é
consciente de todo o que hai por detrás. Este é un sector complicado no
que non hai unha fórmula exacta para garantir o teu propio éxito”.
De cara ao futuro, Entretendo seguirá facendo medrar o seu proxecto.
“Oxalá poidamos estar moitos máis anos entretendo a xente. Se non
arriscas non sabes como podes ser, así que arriscaremos ata que o
público queira”, sostén Eva." (Paula Vázquez, Qué pasa na costa, 25/03/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario