"A pasada semana Áurea Soto, ex-edil de Urbanismo do Concello de Ourense, ficou libre da derradeira das causas xudiciais
que nos últimos anos pesaran contra ela, acusacións e imputacións que
partiran de denuncias presentadas por promotores inmobiliarios ou polo
grupo do actual alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome.
Foron en
total sete imputacións e tres xuízos. E trala apertura de xuízo oral no
caso da Praza de San Antonio tivo que abandonar o cargo de concelleira
de Urbanismo. Soto, que foi absolta de todas elas, cre que nestes
procesos houbo unha "cacería" contra ela e contra os gobernos municipais
de Ourense entre 2007 e 2015, sinalando que os controis que eses
executivos estableceron no urbanismo da cidade provocaron "irritación"
en certas persoas e grupos. Recoñece, finalmente, que o momento máis
duro foi a detención do ex alcalde Francisco Rodríguez no ano 2012 no
marco da Operación Pokemon.
Nestes anos a ex-concelleira tamén pasou á ofensiva, impulsando unha querela contra o popular
Manuel Cabezas (alcalde de Ourense entre 1995 e 2007) por deixar de
esixir a varios proxectos urbanísticos o 10% do aproveitamento, como
esixía a lei, o que tivo como consecuencia unha perda duns 1,7 millóns
de euros para as arcas municipais, como deixou reflectido no seu momento
o Consello de Contas. Falamos con ela.
Como recibiu a noticia de que finalmente quedaba tamén liberada de responsabilidades nesta última causa?
Isto
non é só un día, foron moitos anos moi duros, primeiro co traballo no
Goberno municipal durante oito anos, un traballo excepcionalmente
intenso no ámbito do control urbanístico. Sempre digo que Ourense é moi
peculiar neste sentido, porque no interior hai menos fiscalización, hai
menos xente mirando.
Cal foi o momento máis difícil nestes anos?
Moi
pouco despois das eleccións de 2011, nas que revalidamos o Goberno
municipal e obtivemos un gran resultado, tivo lugar a detención do
alcalde Francisco Rodríguez pola acción da xuíza Pilar de Lara. Ese
momento foi moi duro, pero decidimos seguir traballando e defendendo un
proxecto e un programa para o que fóramos elixidos. E ao mesmo tempo
defendéndonos dun proceso xudicial e defendéndonos tamén no pleno
municipal de personaxes como Pérez Jácome. O acoso foise pechando sobre
nós, pero tentamos deixar todos os controis moi asegurados para que no
caso de perder o Goberno municipal non lles resultase doado desfacelo e
volver ás andadas. Por iso era tan importante deixar aprobado o novo
Plan Xeral. E aguantamos, mantivemos a dignidade.
No proceso que viviu foi importante o apoio persoal recibido?
As
relacións persoais son o que sostén todo, sobre todo nos momentos
difíciles. Démonos moito apoio todas as persoas que estabamos no
goberno, tanto do PSOE coma do BNG. E tamén foi moi boa a resposta que
deu a xente de Ourense en Común estes últimos anos. Nós aguantamos
porque sabíamos que ía haber unha presión moi grande contra o Goberno,
estabamos preparados para moitas cousas, pero seguramente non
pensaríamos que chegaría a este nivel. Resistimos grazas ao excepcional
traballo dos nosos avogados. E aguantamos tamén porque estabamos
lexitimados polas urnas.
Como era o urbanismo en Ourense en 2007, cando chega ao Goberno?
Pois
como era en case todo o Estado, porque isto non só pasou en Ourense. E,
de feito, Ourense non era dos lugares con maior dinamismo ou nos que se
movía máis diñeiro, pero era dos menos fiscalizados. O urbanismo en
Ourense era o produto dunha liberalización absoluta do solo. A lei de
1998 determinaba que todo o solo, per se, era urbanizable. Só a
modificación da Lei do Solo feita por Zapatero obrigou a xustificar os
usos do solo para a súa urbanización. A isto uniuse unha facilidade para
conseguir créditos, cun interese que era case cero. Iso converteu o
urbanismo nunha feira, desaparecendo o interese público, e ao final a
burbulla estalou. En definitiva, era unha feira sen control e sen
expectativa de que ninguén a controlase. E nese momento entramos nós e
cortamos todo iso.
Non se lles perdoou que establecesen eses controis?
Nós,
nada máis entrar, cortamos esa situación, contra a que xa levabamos
batallando dende o 2003, na oposición. Todo isto, evidentemente, xerou
unha grande irritación en moita xente e cando ti lles tocas algo que
consideran que lles pertence, aínda que non o sexa, van con todo contra
ti.
Como está a querela contra Cabezas polo caso do 10%?
O
tema do 10% é unha querela que interpuxen eu nese momento porque sabía
que isto ía volver ocorrer de inmediato e había que paralo e, ademais,
porque legalmente estaba obrigada a facelo. A instrución, en mans do
xuíz Leonardo Álvarez, foi moi lenta e acabou arquivándose. Nós
recorremos e por outra querela que presentamos Álvarez tivo que
apartarse da causa e a Audiencia reabriu o caso. Co fiscal xefe
Florentino Delgado tamén ía moi lento o proceso, ata que a avogada Elena
Díaz o denunciou por abuso de poder. Agora, sen Florentino Delgado na
Fiscalía, cremos que si, que irá a xuízo, e aí xa non sei como sairán as
cousas. Xa chegar ata aquí foi un esforzo titánico, unha milagre, o
normal era que isto quedara bloqueado hai xa tempo.
Como ve a política ourensá na actualidade, despois da chegada á Alcaldía de Pérez Jácome?
Sempre
digo que son a persoa que está menos molesta coa nova situación
política en Ourense, e todo o mundo queda perplexo cando o digo.
Refírome a que Jácome sempre foi así, xa sabíamos que estaba disposto a
gobernar co PP de Baltar, que era de aí de onde viña. Nós sufrímolo
durante anos, especialmente despois da actuación de Pilar de Lara contra
Paco, e cada vez que Jácome dicía nos plenos unha barbaridade en vez de
ser criticado era celebrado. O que me dá unha certa tranquilidade é que
agora todo o mundo ve como é, como actúa, quen son os seus aliados, e
vese que sempre tivemos razón sobre el.
Nos seus plans está o regreso á política activa?
Non
che vou contestar a iso, porque é o que certa xente esperaría que
contestase. Aínda non o sei, pero o que é seguro é que nas listas do
PSdeG-PSOE para as próximas municipais vai haber xente moi válida e
vaise conformar un equipo moi potente. Hai xa xente moi boa no grupo
municipal, e ten que haber máis. E o mesmo digo sobre o BNG ou Ourense
en Común. E hai que facelo moi ben, porque o traballo é moi duro."
(Entrevista a Aurea Soto, ex-edil de Urbanismo do Concello de Ourense, Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 04/11/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario