"O saqueo do patrimonio cultural galego realizado pola familia Franco vai máis alá do célebre caso das estatuas do Mestre Mateo.
A usurpación destas alfaias medievais abriu recentemente un litixio
entre os herdeiros do ditador e o Concello de Compostela.
Outro conflito
menos coñecido pero non menos significativo leva xa anos en marcha na
Costa da Morte: o que sostén a veciñanza en defensa das pías bautismais
románicas da igrexa de San Xián de Moraime, en Muxía, espoliadas por Carmen Polo
nos anos 60. O BNG da zona convocou hoxe, á unha e media do mediodía,
unha concentración perante o templo para reclamar a devolución das
pezas.
A historia presenta non poucas analoxías coa das esculturas do Mestre Mateo. Carme Polo, esposa de Francisco Franco,
visitou a mencionada igrexa e interesouse polas pías, daquela no patio
da casa reitoral. Pediunas para levalas ao pazo de Meirás, en Sada, e
ordenou ao crego José Barrientos que obtivese os
permisos. Ao día seguinte pasou un camión para recollelas. Segundo
explica o BNG, "nunca se tramitou ningún permiso". Barrientos
comunicoullo por escrito ao arcebispado. O vicario da diócese decidiu
non reclamar naquel momento as pías.
Diante do notario
En 1980, o crego fixo constar ante notario o sucedido case 20 anos antes. Outro sacerdote, Celso Alcaina, deu fe e realizou algunhas xestións na Xunta e mais no Goberno central, sen resultado. En 2010, o daquela alcalde de Muxía -Félix Porto, do PSdeG- remitiu unha carta ao Executivo de Feixoo para que "se adoptasen as medidas necesarias para a recuperación das pías". Non houbo resposta.
Hai dous anos, a Xunta afirmou que, ao se tratar de patrimonio da
Igrexa, non lle correspondía reclamar as pías. Desde o BNG, porén,
entenden que ao se tratar o templo de San Xián de Moraime dun Ben de
Interese Cultural, o Goberno galego "ten a obriga de velar pola súa
conservación, protección, salvagarda e seguridade". Ademais lembra a
existencia dunha comisión mixta entre a Xunta e a Igrexa que, entre as
súas tarefas, ten a de "actuar como órgano de asesoramento da
consellaría para a protección, conservación, fomento e difusión do
patrimonio de titularidade eclesiástica con valor cultural".
Nin a Igrexa nin a Xunta tomaron medidas para recuperar as
mencionadas pías. O BNG levará unha proposición non de lei ao respecto
ao Parlamento da Galiza. Tamén o Partido Socialista levou o asunto á
Cámara galega." (Nós, 08/02/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario